Opinión

O que está enfermo é o país

Boto contas de cantas páxinas lle dedica un xornal de por eiquí á crise suscitada pola pandemia e cando vou pola trinta e poucas fártome e ceso no meu empeño. Prefiro non andar a cismar moito en se son poucas ou demasiadas porque a preocupación que suscita ese bichiño coroado que veu pra gobernar as nosas vidas e mesmo os nosos pensamentos ben merece toda a atención que se lle está prestando. 

Facelo é algo tan evidente que non precisa ningún comentario. Hai que se defender del como sexa. Hai que evitar que rebrote con forza e siga inmiscuíndose non xa na nosa saúde física, senón mesmo na nosa saúde mental colectiva. Trastocando ambas dun xeito que se diría irremediable. Naquela, na física, conségueo sen que sexa preciso que o axudemos. Faino de seu, cunha precisión que non é selectiva, nin moito menos. Faino cunha precisión tal que consegue que acto seguido teñamos en conta a xenética. Atácalle a todos por igual. Pero a uns aféctalles máis ca outros. Mata a uns, respecta a outros. Deixa unhas secuelas nestes, outras ben distintas naqueles. Morren rapaces de trinta anos e sobreviven nonaxenarios sen que aínda ninguén sexa quen de establecer barreiras que o impidan. Só unha vacina tornará o rego de xeito que nos poida igualar a todos ó nos facer inmunes a este virus que veu pra convulsionar o noso modo de vida tal e como o está a facer. Nesta, na nosa saúde psíquica, tamén se entremete e dana.

conde_07

O anterior atinxe a todos, moi resumida e simplificadamente, no que respecta á nosa saúde física colectiva e malia que os mortos os contemos dun e un. Cada un chora ós seus e compadecese dos demais. Pero que sucede coa saúde mental colectiva? Que está a suceder, xa, co sumatorio das saúdes individuais que conforman o total desa saúde colectiva? Están previstas as secuelas de todo tipo, as de orde moral, as de orde ético, que nos está a xenerar esta experiencia vital? Sábese xa se o feito de convivir, uns e outros, nun campo minado como o que a pandemia está sementando fará aboiar (xa o está facendo) o millor, pero tamén o peor de nós mesmos?

Están rebrotando as dúas Españas. A clase política española, uns e por que e en que medida o é outros, esta e aquela, a esquerda e maila dereita, andan a producir unha fractura social da que non vai ser doada a súa superación. O espectáculo que están a dar, contemplado dende fóra das nosas lindes territoriais, resulta esperpéntico. Se a contemplación é dende dentro desas lindes, pero expresado en aras da imparcialidade que se queira e pretenda máis ecuánime, tamén resulta vergoñento. Non ten sentido que o cronista sinale cal é peor ca outro por que e en que medida o é. Seguro que o lector ha caer con facilidade nesa que hoxe non é máis ca unha trampa. Os dous non o están facendo todo o ben que sería desexable. O "pois ti máis" e o pan seu de cada día. 
A xente toleou e todos temos amigos, compañeiros ou coñecidos que nos asaltan nas redes sociais cos consignas e proclamas. Non minto se teño amigos e amigas que son quen enviar ducias e ducias de WhatsApps nun só día, todos nunha única dirección, cada un na súa. Que pasa polas súas cabeciñas pra ocupar así o seu tempo ou que, sen vir a conto, che larguen proclamas como a que, por poñerlles un exemplo reproduzo de seguido: "Tienen 40-50.000 muertos ‘gracias’ a su torpeza y malicia si no perversidad. Por una pela venden a su madre. Gates, Soros, Roures, Borrell, son de izquierda; por sus palabras y actos os podreis hacer una idea. Siempre piando desde otro nido para despistar. Y maldicen a Amancio Ortega, maldecían a Barreiros, son siempre igual. Del Judío errante a Marx." (sic)

A Barreiros, por exemplo, non o maldiciu máis ca o propio sistema vixente no seu tempo, encabezado polo INI, que non podía consentir o feito de quedar en evidencia ante o éxito dunha empresa privada montando por riba do fracaso dunha estatal e privilexiada. Léase a magnifica biografía de Barreiros escrita por Lord Hugh Thomas na que queda claro tal extremo. O feito de que se iguale agora a Barreiros con Ortega, co Xudeo Errante ou con Marx, ou a Gates con Borrell, da unha idea de por onde van os tiros. Os nazis chegaron ó poder clamando pola liberdade, defendendo a de expresión e a de prensa, confundíndoo todo, como o señoriño que o outro día, abordo do descapotable, fixo o mesmo no medio dunha manifestación cando, seguro que a pé feito, o que estaba era creando era unha confusión mental, un trastoque de valores, unha cortina de fume que velase a súas reais intencións, pois as liberdades sucédelles o mesmo que á caridade que, xa saben, se é ben entendida disque comeza pola dun mesmo. Por a daqueles que a desfrutan dende sempre, pois esa pode ser a que nos estea a agardar á volta da esquina. A liberdade de pensar o que un queira pode quedar de novo reservada a aqueles que lles van negar ós demais o dereito a facer o mesmo. Cando iso sucede ou pode suceder é porque un país está enfermo e a razón de que agora apareza o xeito de proceder que se sinala é un síntoma, un máis, do que pode estar aveciñándose.

Te puede interesar