Opinión

Entre Schnitzler e Goebbels

Nese totum revolutum que é, nunha prudente medida, o WhatsApp (poden pronunciar guasá, que ten moita máis coña), e nel o chat que mantemos os dinosauros que fixemos o Bacharelato no Instituto do Posío, hoxe "Otero Pedrayo", hai algún compañeiro que outro de esquerdas e outros moitos máis que non o son; de entre estes non hai poucos que tiren da filosofía a todas horas e en cada intervención das súas. 

Como daquela "o filosofar" consistía, máis que en aprender a pensar, no estudio da historia da filosofía, ou en manexar siloxismos e máis en aprender a ser algo sofista, o xusto e sin pasarse, é normal que os demais acabemos case que sempre por nos perder nunha turbamulta de razoamentos que pouco ou nada a teñen que ver co Profesor Albendea, que era andaluz e algo ceceaba. Non cheguei ser alumno del pois o sexto curso do bacharelato funo facer a Pontevedra. Recordo, iso si, que o mestre ourensán tiña bigote, usaba gafas e tiraba a comprensivo e simpático. Como estas páxinas e máis estas horas propician a lectura destas miñas elucubracións permítome teimar nelas, anque só sexa por ver de pasar e facer pasar o rato. E a iso vou.

Dicía Schnitzler, Arthur Schnitzler, vienés, contemporáneo de Freud e Zweigh, neurólogo e escritor (ou viceversa) afirmaba nun dos seus aforismos, pois escribiu moitos e moi atinados os máis deles, que en derradeira instancia a filosofía só é quen de expresar tautoloxías, ou sexa, de andar dando voltas arredor de si, arredor dun mesmo e arredor do mesmo, pois cando vai ou cando intenta ir máis alá sempre acaba por se transformar en literatura, no millor dos casos, ou, no peor de todos eles, en dogma. 

Se eu non fose tan nugallán, chegada a hora de escribir no guasá (recorden, no WhatsApp), escribiría estas cousas nese chat que temos os vellos alumnos do instituto do que foi director Alfonso Vázquez. Pero só con pensar nelo xa me entra a preguiza que confeso. Por iso, na convicción de que a procesión sempre vai por barrios e non sempre ten que acabar coma o rosario da aurora, é decir, aproveitando que isto pódelle aproveitar a algunha xente que non estudara no Instituto, eu que sei, que por exemplo o fixera no Cisneros ou nos Salesianos de Don José Peiteado e Don José Saburido, vóume permitir continuar. E que lles preste.

É ou pode ser o patriotismo unha tautoloxía que repita un sentimento que é ou que debera ser común? Tal se preguntaba Schnitzler, máis ou menos, pois algo estou eu a parafrasealo, unha tautoloxía respecto de ser e de se sentir patriota. Ó se preguntar tal cousa facíao do seguinte xeito: "Como sirve un ó seu país? Como lle demostra o seu amor? Vociferando son un bo alemán? (ou un bo español, ou un bo galego) somos os mellores? Deixando polo chan a tódolos demais?" tales foron a preguntas que o vienés deixou formuladas.

Segundo el "ser patriota é procurar esforzarse ó máximo dentro da capacidade de cada un; así prospera o cidadán e prospera a nación. Prá patria só contan os que traballan, os que se limitan a se sentir patriotas están de máis". Pensar así coma Schnitzler pensaba e se expresar en consecuencia pode conducirnos á soidade. En ocasións esa soidade pode aboiar no medio dunha interesante conversa cuns amigos, mesmo que sexa por WhatsApp, ó percibir a total falta de sentido nas máis das palabras que pronunciamos e o subseguinte convencemento de que algunha vez cheguemos a entendernos. Entón han ser non poucos os que sintan esa soidade cruel, e poden ser dun lado ou doutro dese eterno e diría eu que inútil filosofar ó que tan a miúdo nos entregamos.

As tautoloxías ás que tan a miúdo se entregan algúns dos contertulios dese noso WhatsApp diríase que case que escolar en tantas oportunidades, puideran dar a impresión de que andaran a se transformar en dogmas; dogmas patrióticos, unhas veces, políticos noutras e tantas que case que adquirisen a condición de relixiosos e, xa se sabe, os dogmas relixiosos conducen á intolerancia con aqueles que nos os profesen. Por iso conviría estar avisados pois (Schnitzler dixit) "a tolerancia fronte a intolerancia é o peor de tódolos crimes. Nen sequera a intolerancia é tan grave".

Eiquí chegados convén recordar un artigo de Goebbels, agora que acaba de poñelo tan de moda o ministro brasileiro de cultura. Foi publicado en "Der Angriff" e escrito, alá polo 1928, o 30 de abril de tal ano, fará cen anos en nada, pero hoxe de total actualidade. Nel di o que segue: "Somos un partido antiparlamentario, con bos fundamentos, que rexeitamos a Constitución de Weimar e as institucións republicanas creadas por ela coa súa propia axuda; somos inimigos dunha democracia falsificada, que inclúe na mesma liña ós intelixentes e ós parvos, ós aplicados e ós preguiceiros; vemos no actual sistema de maioría de votos e máis na organizada responsabilidade a causa principal da nosa crecente roína. Que imos facer, xa que logo, no Reichstag? Imos ó Reichstag pra procurármonos armas no mesmo arsenal da democracia. Presentámonos a deputados pra debilitar e eliminar o credo de Weimar co seu propio apoio. Se a democracia é tan estúpida que pra este traballo nos prové dietas e pases de libre circulación, é asunto seu. Se nestas eleccións logramos introducir sesenta o setenta axitadores do noso partido nos distintos parlamentos, o Estado mesmo montará e financiará o noso propio equipo de combate. Tamén Mussolini foi ó Parlamento. Pese a elo non tardou en marchar sobre Roma cos seus camisas negras".

Vivimos tempos interesantes nos que o pensamento oscila, en ocasións algo tautolóxicamente, entre as posicións que acaso delimiten Schnitzler, por un lado, e Goebbels polo outro. Non sei se será así dun xeito exacto e matemático, preciso. Pero por si o puidera ser convén vivir alerta, permanecer avisados e saber moi ben por ónde van os sentimentos que deberan ser comúns e se estamos, ou non, a piques de esquecer que non hai bos e malos galegos, bos e malos españoles, cheos de bos e malos sentimentos según quen o decida e determine E tanto dun lado coma doutro. Pese a que a isto algúns lle chamen relativismo e outros respecto mutuo, deberámolo ter en conta.

Te puede interesar