Opinión

Enzesbergen e a Galicia europea


Hai uns días, tan só uns días, morreu Hans Magnus Enzesbergen. Preciso o dato de que hai tan só uns poucos días do seu pasamento porque calquera podería pensar que, a estas alturas do século, xa non estaría vivo. Era de obra de noventa e tres anos. Non recordo en que ano o coñecín en Lisboa, pero case que podería dicir que daquela era mesmo un rapaz. Calculo que tería arredor duns cincuenta anos, non máis, así que xa me dirán vostedes.

Coñecino en Lisboa onde coincidiramos nalgún evento que non son quen de precisar agora e que tampouco importa tanto o feito de non ter precisión tamaña. Pegamos a falar e falamos moito de Galicia pois el sentía unha gran curiosidade pola nosa terra; logo satisfixo non pouca da curiosidade que eu sentía a cerca de figuras como a Günter Grass ou a de Henrich Böll cos que el mantiña amizade; o resto fóisenos en que lle falase eu de Galicia pola que, xa acabo de dicilo, sentía tanta curiosidade como pra ter proxectada unha viaxe inmediata á súa estadía Lisboa.

Ó sabelo quedamos en que eu regresaría de Lisboa en avión, vía Madrid, tal e como estivera previsto e amañado pola organización do encontro en tanto que el viría no coche dun amigo ata a raia de Valença do Minho onde eu o esperaría pra acompañalo no seu periplo galaico que, se boto as contas, debeu ser no ano oitenta ou por aí pois logo foi cando se celebrou en Vigo o congreso titulado “O feito galego” no que eu quixera contar con el; algo que non foi posible “axendar”, como se di agora, nin entón nin cando a consellería de cultura quixo contar con el pra outro congreso a celebrar mentres eu fun responsable dela.

Ese congreso versaría encol do papel do Estado naquel final de século e sería así a conta de que, neses días, non había ou apenas había debate ningún de corte filosófico que permitise encetar outro camiño. Hans Magnus aceptou o convite, o mesmo que fixera García Márquez ou Vargas Llosa e tanta outra xente, porque non fun quen de apañar os cartos que me permitisen convocar o congreso dunha bendita vez. Coido que Darío Villanueva ou Ramón Maiz aínda han recordar o frustrado intento de traer a Compostela figuras da talla das citadas porque, con toda lóxica, os máis dos participantes que xa aceptaran a súa asistencia raiaban á mesma altura e eles dous, e alguén máis, moito e moi ben me aconsellaran naquel intento que se viu frustrado por falta dun diñeiro que ben crían que non me ía ser negado.

O caso é que cheguei a Compostela, collín o coche e fun esperar a Hans Magnus Enzensberger en Tui; logo de que aparecese fumos de Tui a Vigo, de Vigo a Pontevedra, seguidamente a Compostela e da cidade santa da cristiandade seguimos camiño d’A Coruña. Ó chegar a esta Hans Magnus concluiu e así o expresou que Galicia era o máis europeo que vira en España. Razón? As súas cidades eran toda distintas unhas das outras, cada unha coa súa personalidade. Non se me ocorreu contradicilo.

Te puede interesar