Opinión

Escritores e as súas linguas

Preguntábase Max Aub no seu momento -así o fixo no seu "Manual de historia de la literatura española" que foi editado en Madrid, no 1974, por Akal- se Fernando Arrabal ou Jorge Semprúm deixarían de ser españois por escribir en francés. Cabe formularse hoxe de novo a mesma pregunta ou cando menos andar a enredar un chisco con ela.

Españois, o que se di españois, non creo eu que deixen de selo. En España naceron. O feito de escribir en francés convérteos en escritores en lingua francesa e mesmo e si así se quere en escritores franceses. O caso é que, como tamén escribiron en castelán, ou iso creo, tamén os converte en escritores españois. Do que non hai dúbida é de que un e máis outro son escritores. Millores ou peores, según gustos e preferencias, tendencias ou fregresías varias; á parte, claro está, a simpatía persoal que a cada un nos esperte cada obra, mesmo cada persoa. Espero que o moi amable lector me disimule a perogrullada que acabo de formular. Ás veces é necesario facelo.

Max Aub que naceu en París, de pai alemán e de nai francesa, veuse pra España con once anos, afincouse en Valencia e tivo que saír escopetado pró exilio como consecuencia da guerra civil padecida en España entre 1936 e 1939 (guerra que nas súas consecuencias foi alongada, dun xeito ou doutro ata agora mesmo, cando isto está sendo escrito, e non son poucos os españois que non son quen de se esquecer dela. Nin dela nin de que os seus vencedores aínda non acertaron a gañar a paz, esa ardua e ó parecer tan difícil vitoria. Así que recordemos a pregunta: É Max Aub un escritor español?

É Cela un escritor galego? Éo Torrente? E que me din de Eugenio Montes ou de Carlos Oroza, eran poetas galegos? O primeiro deles si ten obra importante en galego, diríase que máis importante que a que ten escrita en castelán unha vez que se afiliou á Falanxe. Ó segundo, tamén gran poeta e magnífico rapsodo, que escribiu case que todo en castelán, senón todo, negarémoslle a condición de poeta galego? E a José Ángel Valente, negámoslla e José Ángel Valente? Parece ser que si. Concedémoslla a García Lorca? Pois parece que si, que lla concedemos.

Este mundo das filias e das fobias, das academias e das escolas, das xeracións literarias e das confrarías de devotos, élles certamente curioso. Ninguén se acorda hoxe do autor de "El diario de Hamlet García" o do comezo aquel que di "Chámome Hamlet. Son profesor ambulante de metafísica". Ninguén se acorda de Paulino Masip, o seu autor. Del di Max Aub que "morreu de pena Paulino Masip, véndose esquecido. Cinco lousas o cobren. Deus perdoe ós que nos botaron".

Que pasou e aínda pasa con Cunqueiro? e con Filgueira? e con Bouza Brey? Por que se lles perdoan a uns, con toda a razón, os seus poemas a Franco e por que, con toda a sen razón do mundo, non se lle perdoan a outros o exercicio das súas crenzas ou a profesión da súa fe? É que non nos damos conta de que actuando así o que estamos a provocar é que, á volta dunhas eleccións calquera, dea a volta a tortilla e os esquecidos sexan outros? Que a uns se lles quiten os pasaportes, a outros se lle devolvan e así ata a fin dos tempos?

Importará como algo máis que como anécdota en que condicións foi escrito o poema "longa noite de pedra" ou o que haberá que ter en conta será que o seu titulo se converteu na mellor definición posible de corenta anos de ditadura? Os autores literarios sempre están por riba ou por baixo da súa obra. Salvemos entón as obras, comprendamos ós autores e os tempos que os envolveron. A uns e a outros, sabendo que hai escritores, convertidos en personaxes, que cando morren fan que morra con eles a súa obra; creada que foi esta moi por embaixo do personaxe citado e menos xeradora de "ruído" que as excentricidades do seu autor.

Grazas a iso a obra dun case que anónimo, silandeiro e tímido poeta, como foi Álvarez Torneiro sobrevivirá ó tempo vital de quen a creou e dificilmente o farán algunhas das poetas e dos poetas, dos escritores e das escritoras, ás e ós que se lle dedicaron efemérides patrias levados de ánimos nos que moito non debeu contar o peso das súas obras de creación ou, polo menos, non tanto como esas filias potenciadas polas fobias que tan atinadamente sinala Max Aub nos seus textos.

Quen son escritores españois, quen escritores galegos? Conviña irse arredando desas filias e desas fobias, conviña ir sumando dunha vez; máis, moito máis nestes tempos falaces nos que seica o galego está a erradicar o castelán da nosa xeografía física e tamén da nosa xeografía mental. 

Serán mendaces? Convén ir rescatando e recoñecendo todo canto de galego haxa na obra dos escritores galegos todos, convén ir recuperando os nomes daqueles que foron transterrados do eido que lles segue sendo propio. Temos que darlle forza, toda a forza que nos reste, á creación na nosa fala máis vella e polo tanto máis nosa, que esa si que está nun tris de desaparecer. Convén afortalala ó máximo. Convén ir esquecendo fobias de vez e, ó tempo, ir achegándonos ortográficamente ó portugués sen que sexa necesario que escribamos nun patois que queiramos vender coma tal, como portugués, e que nin os portugueses entenden e nós tampouco.

Vivimos tempos de cambio; de cambios radicais e á volta de nada este mundo vai ser xa outro. Non hai máis que pensar como era o mundo hai vinte ou trinta anos e comparalo co de hoxe, tan distinto, tan distante... e tan fugaz. Que non nos vendan máis motos. Xa temos motos abondo. Os galegos aportamos ó castelán os máis dos millores escritores do século XX en español. E esa grandeza, a grandeza de Valle-Inclán, a de Cela, a de Rosalía ou a de Torrente Ballester, a da Pardo Bazán ou mesmo a do autor da millor novela realista española da primeira mitade do século pasado escrita en castelán ("La catedral y el niño") nace, antes que de calquera outra fonte, da súa fala galega subxacendo sempre na escrita castelán.

Te puede interesar