Opinión

Os escuros intereses da partitocracia

Afirmaba Chateaubriand, sen dúbida estaba convencido delo, que había dúas clases de revolucionarios; a saber: os que desexan a Revolución porque ela fará posible a Liberdade, que seica son moi pouquiños (según el afirma) e os que queren a Revolución e o Poder que, tamén segundo el, son a inmensa maioría. 

Supoñamos, o que ó millor é moito supoñer: que as dúas constitúen dúas afirmacións lexitimas, dous desexos puros, encamiñados tan só á consecución duns estatus que permita un maior e millor exercicio colectivo, a convivencia que permita un desenvolvemento social e persoal tal que lle conceda ó ser humano que viva baixo esa Revolución a maior cota de liberdade e de benestar que se puidera desexar en calquera tempo.

Non sei moi ben porque, pero sospeito que Chateaubriand simplificaba moito nesto que se acaba de expoñer; máis aínda se un segue lendo e comproba que "unha revolución é un xubileu: absolve de tódolos crimes... ó tempo que permite outros". Será sempre así?

Estes días ando un pouco aturullado. Operáronme de cataras e non fago máis que deitar pingas nos ollos a cada pouco tempo de xeito que sigo como hai días: se contemplo a manga esquerda da chaqueta que levo posta chiscando o ollo dereito a vexo azul, mentres que se o que fago e contemplala co ollo dereito, pechando antes o esquerdo a vexo do que realmente é...ou do que eu creo que é, daltonismos á parte. Non sei que pensar; por exemplo, pensaría Chateaubriand o mesmo que penso eu da que fixo Cromwell no seu tempo alá polo 1642? 

É comparable a revolución que derivou na aparición da Camara dos Comúns, coa que xurdiu dos Estados Xerais e fixo funcionar a guillotina como todos sabemos? E esta coa de Outubro, que instalou no poder ós bolcheviques cos resultados de todos coñecidos? E Franco? A que fixo Franco foi unha revolución que algúns aínda din "Pendiente" ou que foi, porque eiquí non quedou títere con cabeza?

 E nos nosos días, que? Son uns revolucionarios os de Podemos? Se é que pretenden algunha, de que revolución se trata a súa? E ese medio cento de ex claustrados, eses secularizados do PP, son tamén uns revolucionarios que nos van ofrecer liberdade ou que so aspiran ó poder?

Hai trinta anos, cando algúns albiscamos a partitocracia que hoxe tanto nos tolle, chamóusenos de todo menos bonitos; pero pouco ou nada se reflexionou nalgúns feitos. Pra que non se diga non vou falar da procedencia do PP, pero déixenme recordar os tempos da Xunta Democrática e aínda os da Plataxunta. Cando había reunións, estando xa todos sentados, aparecía unha parella de descoñecidos e todos se alporizaban: coño, a policía! Non o era. Sempre había alguén que avisaba: son os do PSOE. Daquela o PSOE non tiña máis alá de cincocentos de militantes. En pouco tempo pasou ter case que douscentos mil. Poñamos que cen mil fosen xente que permanecera prudentemente agachada durante a ditadura, que cincuenta mil fosen xente honrada que quixese axudar ós novos tempos e, pra non exaxerar moito, que vinte e cinco mil fosen arribistas sen oficio nin beneficio que visen unha posibilidade laboral na militancia. Non poucos destes acabarían tendo nas mans as rendas do partido. Pois así máis ou menos e nunha proporción ou noutra nos demais partidos. Quedábannos outros vinte e cinco mil máis de xente de moral acrisolada e de intencións puras. Válelles así?

Se as leis lle conceden e recoñecen ós dirixentes dos partidos as prerrogativas que teñen -por exemplo, a de decidir quen han ocupar os escanos-, que intereses han defender os elixidos: os xerais da cidadanía ou os singulares de cada partido? E se a ese carro se suman os partidos declaradamente revolucionarios, caberá ou non a posibilidade que uns procuren unha maior liberdade, mentres que outros o que pretendan sexa un poder que lle permita unha maior, millor e máis longa instalación nos centros de decisión, repartición de poder e retribución de poderes?

Andamos a vivir tempos dunha transcendencia da que non sempre cabe esperar que se nos depare o nivel de consciencia que necesitamos pra poder prever consecuencias que, unha vez postas a rodar costa abaixo, han resultar de difícil retención e contención. 

Concordarei eu cos moitos lectores que conclúan que o que estamos a vivir sexa, precisamente, un xubileu por seguir referíndonos a Chateaubriand. Pero espero que cando menos algúns deles, algúns deses lectores conclúan comigo en que isto que estamos a vivir élles, por dicilo de xeito rápido e quizás impropio, unha carallada que, de non sabela parar a tempo ninguén sabe onde poderá levarnos. 

Te puede interesar