Opinión

Estes lodos non veñen daqueles pos políticos

Oque tal queda pra que chegue o real tempo das cereixas, non o do "Tiempo de cerezas", o da novela que escribiu a chorada Montserrat Roig, senón o que, cando eu vivía na rúa do Progreso, se anunciaba nuns pequenos ramalliños delas, vendidos entón por unha señora que tiña un pequeno posto de venda, diría eu que nun portal, a carón mesmo dun comercio de curtidos do que non recordo o nome. Pero seguro que se ha acordar del Fausto Arnaiz, dono de millor e máis organizada memoria ca miña, compañeiro meu de estudos, amigo que aínda perdura logo de case que xa setenta anos. Quedan máis, quedamos máis, e eiquí van saíndo de vez en cando.

A novela de Montse Roig é do ano 1976, forma parte dunha triloxía formada con "Ramona, adiós", a primeira, e máis "La hora violeta" a terceira, das que eu non vou falar hoxe eiquí. Léanas se queren. Atoparan nelas uns tempos que o mesmo están agardando de novo por nós, á volta da esquina, na xa derradeira volta do noso camiño. A min abóndame con me recrear no recordo dela, tan fermosa, e máis de Carme Riera que non o era menos. 

Regresabamos de Verines, no oriente astur, quen foi o meu millor amigo neste asañado mundo dos literatos e máis eu, logo de ter coincidido con elas dúas nun deses encontros que antes eran habituais entre as xentes do que daquela era unha tribo e hoxe semella unha xauría. El viña entusiasmado, eu pesaroso de non ter botado debidamente os tellos. Viñamos cantando unha canción que aprenderamos de Dionisio Gamallo Fierros á que lle cambiaramos algo a letra, sen lle alterar demasiado a rima: "¡Qué buena estás Conchita Poch; si tú no estás, no esta ni dios!".

conde_14

De súpeto vimos a ría do Eo, dixemos "xa estamos en Castropol" e seguimos cantando. Dalí a un pouco apareceron no medio da estrada unha manda de cabalos salvaxes. "Que fan estes eiquí?" dixo o meu amigo. "Iso digo eu", dixen eu. Levados do noso entusiasmo canoro equivocarámonos de camiño e estabamos a piques de chegar á Fonsagrada. Non era cousa de dar volta. Chegamos a casa, ás tantas da noite, con moito retraso e as consecuencias previstas malia as nosas explicacións, certas no que respecta ó erro no itinerario a seguir, silenciadas en canto atinxían á orixe do despiste. De alí xurdiu unha fermosa historia da que o mesmo algún día haberá que falar, cando non se firan sentimentos sensibles, incapaces de comprender nos nosos maiores o que tan doadamente admitimos en nós mesmos.

Cando penso en Cataluña venme á cabeza a triloxía de Montserrat Roig ó tempo que "La plaça del Diamant" de Mercé Rodoreda; será por algo. En realidade véñenme algunhas obras e autores cataláns máis, uns pra recordar co mesmo afecto e admiración que sinto por elas; Josep Pla por exemplo; Alex Sussana, por exemplo; ou con bastante menos, Salvador Espriu, entre outros e por non dar máis nomes.

Nestes días e por conta do escrito nesta semana grazas ó recordo de mossen Xirinacs, ó seu hipotálamo, á semántica xeral de Alfred Korzybski e á esquizofrenia mundial colectiva que este profetizou debida ó exceso de información, o mundo da catalanidade anda a me rondar a miña esquizofrenia particular sendo como son un ser escindido en varios según os días e o decorrer das horas. Pero é que unha cousa sempre trae outra. Verán.

O día da Candeloria, xa saben cando os paxariños comezan nupcias, o diario da capital galega trouxo un titular en portada que dicía, alá embaixo de todo, na súa esquina inferior esquerda, que "Feijoo recétalle a Cataluña que copie o modelo do PP galego, se quere volver á vangarda". Quedéi pampo. E marchei correndo á páxina corenta e sete á que me remitiu o titular. Nela dábase conta do que o presidente galego tivo a ben comunicarlle ós cataláns por vídeo conferencia, a saber: que se pode pertencer a unha nacionalidade histórica e ser leal co Estado e máis que un político non ten lexitimidade pra tensar a sociedade á que pretende servir, non pode ser unha fábrica de problemas e un partido non pode ser un laboratorio ideolóxico.

Confeso que o titular da portada deume un alegrón; díxenme, coño, por fin imos en cabeza e non a remolque do bendito Galeuzca, non che era sen tempo. Tamén confeso que o meu entusiasmo deveceu algo cando lin o extracto da citada páxina corenta e sete. Dígoo porque estou de acordo en que se pode pertencer a unha nacionalidade histórica e ser leal co Estado, pero da mesma maneira que espero que o señor Feijoo concorde comigo en que o Estado sexa leal coa tal nacionalidade histórica; o que non sei é se, no noso caso, isto estará moi avalado polo comportamento mantido con nós polo Estado nos pasados séculos, por no me remitir tan só ós pasados corenta anos. O do laboratorio ideolóxico deixarémolo pra outro día, a non ser que concordemos en que un partido deba ser un club de amigos ou a confluencia de intereses mutuos no que en tantas veces estes se converten. 

Limitémonos a observar como o PPdeG de Fraga e Cuiña non responde ideolóxicamente ó mesmo concepto que o do seu presidente actual (lean, cando saia, pronto, o meu próximo libro "A propósito de Fraga") da mesma maneira que o de Aznar ten pouco que ver co de Rajoy e non pouco co de Casado que, á súa vez, non se asemella moito, ideolóxicamente e de xeito afortunado, co do señor Feijoo. O mesmo sucede cos demais. Ou moito me equivoco ou o PSOE de Felipe pouco ten que ver co de Zapatero; o de Zapatero co de Rubalcaba e este co de Sánchez. Claro que son e deben ser os partidos laboratorios de ideas en moita maior medida que clubs de axuda mutua. Laxe non gobernou como Touriño e, se chega a facelo, Caballero non o fará coma ningún dos dous; e Ana Pontón ofrece a esperanza que os seus antecesores no seu cargo non atinaron a ofrecer no seu momento. Oxalá Feijoo abra por fin un camiño.

Te puede interesar