Opinión

Estou que rebento coa risa

Levamos tempo abondo falando de política como pra teimar de novo nela. Falar da vida é moito menos aburrido e nela, na vida, é máis doado superar a propia mediocridade que naquela. Xa non lles digo o que pasa co virus que nos ataca e coas instrucións sanitarias ó respecto, tantas, tantas, que nos afogan ata non deixarnos respirar.

A este, tododios da a súa receita pra combatelo, todoquisque opina encol do millor xeito de evitalo e, o que é ben pior, demasiada xente está convencida de que a ela non vai afectarlle. Sobran, xa que logo, máis opinións, máis descubrimentos da pólvora, do Mediterráneo e de tres ou catro cousas máis das que non me acordo agora.

A vida é moito máis divertida, dicíalles, pero en ocasións esta entrecrúzase coa política e máis co coronavirus e daquela si que resulta divertida. Eu, por exemplo, estou que rebento coa risa. Non sabía de que lles escribir ata que me contaron a historia dunha equipa de fútbol que, en troques de deixar quedar na casa ou no hospital, segundo urxencias e necesidades, á máis da metade dos seus xogadores os trouxo a todos a unha capital galega, na que están que trinan, meteunos a todos nun hotel e, de xeito tan pouco hixiénico e responsable, forzou o descenso de categoría do club da capital na que se encontrou ó término da súa viaxe. Unha viaxe seica tan afectada pola pandemia coma outra non se vira. Trouxeron os virus voando. Moito llo han agradecer ós outros viaxeiros do voo e, por descontado, que tamén a tripulación do aparato e os propietarios do hotel no que se aloxan.

conde_31Antes, pero polo que se ve non agora, unha equipa de fútbol mermada pola enfermidade, non viaxaba; se acaso, pedía o cambio de data prá celebración do encontro; se acaso concedíanllo. Entón -e non por acaso- o normal era que, chegada a hora do comezo do encontro, ó non presentar unha aliñación completa algunha das dúas equipas, o gañador era aquela que cumprise con tódolos requisitos necesarios.

Se é certo que esa equipa chegou con sete xogadores infectados, o normal sería que por causas de forza maior e no millor dos casos pra equipa tan doente fose, xa que non darlle o partido por perdido, posto que puido traer suplentes abondo, pospoñelo pra máis adiante; máis aínda tendo en conta que, ó proceder como se procedeu, a decisión implicaba o descenso automático da outra equipa.

Realmente é como pra escachar coa risa. En vez dunha multa grandiosa por transportar a persoas nesas condicións e espallar a pandemia en terras alleas, afectar gravemente a economía dunha empresa hostaleira e botar por terra toda unha historia futbolística, en vez deso tal proceder recebe un premio... inesperado?

Por eiquí estamos que morremos coa risa. Din, pero debe ser cousa de moito falabarato, que, non sei se o entrenador desa equipa ou o seu avogado de plantilla, está filialmente relacionado cunha das máximas autoridades do fútbol peninsular, de todo un personaxe que disque interveu no cese dun entrenador da selección nacional no momento máis inoportuno e que disque cobra uns emolumentos non sei cantas veces superiores a asignación de diñeiro público ó Rei de España sen necesidade ningunha de ir buscar sobresoldo en ningún emirato. Non me digan que non é como pra morrer de risa.

Afirman outros, seriamente, que o que é parente disque fillo de señor tan significado coma o presidente da federación ven sendo o avogado do club tan volátil coma cheo de gloria; de gloria tan deleteria, máis que efémera, dado que a súa fazaña deportiva ha constar nas crónicas todas que se fagan a partir de agora. A equipa do virus que exportou voando. Non é de pensar ca súa directiva non estivera nas nubes.

Que pasa no planeta futbolístico, nese mundo a parte? Será certo que nel pululan as mafias? Que as "comisións" son pan de tódolos días? Que a intermediación está tan ben remunerada como afirman? É indubidable que falo de oídas, millor dito que escribo do que escoito e non do que vin con estes meus olliños que ha comer a terra; pero será certo que os intermediarios cobran parte da mensualidade do chalé que alugan os xogadores, dos autos que estes mercan, dos pirulís d'A Habana que anuncian asomándose as pantallas dos televisores das nosas casas? Que tallada sacan estas persoas, non falo dos futbolistas, que están facendo do deporte un patio de Monipodio no que colle calquera truahanada, calquera moinantada, calquer rufianada.

Escribo estas tres palabras que remiten ó código de truáns e rufiáns e o corrector incorporado ó arquivo dime que non son correctas. Levamos anos escoitando falar da corrupción caciquil que disque habita o país. Algunha haberá, non digo que non. Pero en todo caso nada que ver coa monstruosidade que se deu nos arrabaldes madrileños, nos barrios altos barceloneses, na costa levantina ou nas veciñanzas da sede gobernamental andaluza e no planeta balompédico Teremos que espabilar os galegos ou deberán esmerarse no cumprimento da ética deportiva por aí polo sur de camiño según un se vai baixando ó mouro?

Non ten dúbida o feito de que nós debemos manternos no campo do xogo limpo. Nin tampouco non cabe dúbida ningunha de que, precisamente, por aí embaixo non só empecen a practicalo senón que comecen, de paso, a non se ofender porque agora pensemos deles o que eles sempre dixeron de nós e ó que nós a penas respondemos. Millor que tapen a cara pra que non se vexa como lle aboian as vergonzas e se lles poñen rubicundas as súas caras. Mágoa non poder comentar o tratamento que a prensa da capital española lle dedicou a esta noticia ou o tributo que lle prestou co seu silencio.

Te puede interesar