Opinión

A ética é xa cousa de estética

A esperanza, malia que nas máis das oportunidades non sexamos conscientes e por enganosa que, nas máis das oportunidades o acabe sendo, a esperanza, esa gran pendona que tanto nos confunde e a miúdo nos engana, ela, vainos levando cara a consunción dos nosos días por un camiño no que, sendo espiñento na maioría da súa traxectoria, o que nos embriaga mentres o andamos é o arrecendo das rosas, desas raíñas das espinas que o abeiran. Así tamén nestes atravesados e virulentos días que vivimos.

A prensa, a que a xente le na letra impresa, non na dixital, nin tampouco a que escoita ou ve a través medios televisivos ou radiofónicos, esa prensa, se ha querer sobrevivir, ha ser a forza de ofrecer serena reflexión. A transmisión de noticias son cousa dos outros medios e esa reflexión serena ha depender case que unicamente deses que seguimos chamando periódicos e sexa esta ofrecida no ámbito deportivo, no filosófico, no político, tamén no literario ou no que sexa. Pra excitar os ánimos xa están os outros, cando menos nestes nosos días.

Case que seguro que esta miña consideración non é certa, pero moito me gustaría a min que o fose porque, se lles son sincero, hei de confesar que estou de acordo co que dixo Josep Pla respecto da capacidade de pensar que lle debemos recoñecer ó ser humano: máis ben pouca. E a pouca que hai hai que provocala, hai que inducila.

Segundo o afirmado polo gran escritor o que si temos en cambio os homes, o que temos homes e mulleres, os seres humanos todos, é unha enorme propensión a imaxinar, unha gran tendencia a soñar construíndo mundos que non existen e que dificilmente se nos van facer posibles de xeito que os habitemos. Pla avala as súas palabras, sostén o seu criterio, no feito de que haxa tanto fanático solto e tan pouca xente tolerante. 

O problema radica en que os fanáticos e intolerantes teñen entretecidas nas súas mentes unhas mestas teas de araña, malia que sinxelas, que lles fan habitar na esperanza e vivir nas certezas que so han de alfombrar de espiñas o camiñar alleo. É pra iso non é preciso ser nin de esquerdas, nin de dereitas, abonda con ser unha mala besta, sitúese esta do lado que lle pete ou nos pete situar a cada un de nos segundo devocións e gustos. 

Os clásicos latinos que tanto gusta citar Fausto, un condiscípulo meu no Instituto do Posío, deixaron dito aquilo de “nulla esthetica sine ethica”. Seica foi André Gide o que lle deu a volta e convenceu a bastantes de que nulla ethica sine esthetica ou iso entendín eu, hai xa tantos anos que é doado que me equivoque ó recordalo, e o que resulte sexa que a súa estética era á súa ética. Pero por aí lle debe andar a cousa.

Debe ser certo. Os xudeus chámanlle o "shibolet", a identificación de algo pola imaxe que ofrece. Shibolet significa espiga pero entendémolo coma o código de identificación, como un símbolo "estético" de pertenza. Os efrainitas, os da tribo de Efraín pronunciaban sibbôletho; os galaaiditas, os que habitaban nas abas do monte Galaad, onde o Cantar dos Cantares nos di daqueles dous peitiños da amada que eran coma un parella de cerviños pastando a nel, os galaaiditas, o que dicían e shibbôleth. A diferenza de pronunciar shi ou dicir si, implicaba risco de morte inmediata dependendo de quen cho preguntase ou do que ti respondeses. A ética e a estética.

A cousa non mellorou moito dende entón. Na guerra dos Balcáns funcionou a identificación fonética, pero tamén a xestual. Xehová ou Cristo Redentor te libraran de te persignar levando os dedos dende o embigo ó ombreiro esquerdo en vez de levalo ó dereito. O ser humano debidamente fanatizado segue sendo así. A estética e a ética.

Atentos pois á estética de quen nos aborde. Os partidarios de Trump son doadamente identificables polas súas tatuaxes, as súas vestimentas de coiro e outros aditamentos que os fan doadamente identificables do mesmo xeito que a estética dos seus opoñentes tamén se nos ofrece abertamente na maioría das oportunidades. Pero uns e outros poden, saben e queren camuflarse e ás veces ata o fan.

 Vivimos tempos de esperanzas encontradas e o que uns pretenden bate de xeito frontal co que desexan outros. E xa sabemos que, por eses eidos, non hai camiños de rosas e si que os hai de espiñas. 

O problema é a memoria, a nosa memoria, a memoria colectiva que se debilita co transcurso do tempo e mesmo desaparece, mentres que medra a capacidade de imaxinar mundos; de mundos que, máis que construír neles espazos colectivos, os que potencia son os individuais, eses que por moito que os intentemos cualificar de solidarios poden levarnos a camiños xa fatalmente recorridos.

Ser é terrible a condición humana. O feito afortunado de que, dende a invasión napoleónica, ningún pe estranxeiro pisara o común espazo de convivencia coñecido coma España, provocando a unión de todos en contra del e vencellando unha realidade común, xerou en cambio un decidido afán de construír soños e imaxinar mundos que non só son indesexables, senón que non han ser posibles se non é do peor modo: o de negar o disfrute da vida ós demais, sexan estes adversarios políticos, crentes relixiosos ou falantes doutras linguas, facéndoo dun xeito que nos arrede da condición de homes e nos achegue á da simple e estrita animalidade. Hai antecedentes.

Te puede interesar