Opinión

Eu deixaría a cruz

Cando un vai a Francia, a calquera cidade ou vila francesa e mesmo nalgún lugar no medio da campiña ou na aba dun monte, é habitual atoparse cunha lauda na que se nos recorda que alí, fusilados polos invasores nazis, caeron abatidos tales e tales membros da Resistencia francesa ou que alí foi protagonizada tal ou cal fazaña, levada a cabo polas forzas de liberación ou por un simple fato de homes arriscados e valentes, mesmo por algúns republicanos españois alistados no antitotalitarismo fascista.

O mesmo sucede en Italia, aínda que xusto é recoñecer que en menor medida, e, como no sei alemán -e placas ó respecto de cousas así algunhas si podo dicir que as vin, pero vai saber o que dicían- non podo asegurar a prodigalidade observada na terra que nos legou esa santísima e laica trindade que é a composta polos conceptos de liberdade, igualdade e fraternidade. Pero no caso desta última, de Alemaña, baste recordar a conservación dos campos de exterminio ou as últimas intervencións de Angela Merkel, que non é precisamente de esquerdas, respecto do nazismo e dalgunhas das súas derradeiras irrupcións na Alemaña que, xunto con Francia, alumbrou a Ilustración, a Aufklärung neste caso e se recordo ben as clases de literatura do bacharelato, plan do 1953, cando estas cousas se nos aprendían, non sei agora.

O outro día o presidente de Galicia dixo algo así como que do pasado non se renega, senón que se aprende; coido que el se refería ó pasado do partido político no que milita e á sede que ocupa en Genova, 13, e todo o que se contén nela, real ou simbólico, pertencente ó mundo das ideas ou ó dos feitos; pero tamén vale pra isto do que eiquí se trata. O pasado non debe ser borrado, senón que se debe ensinar pra que poida ser debidamente asumido na súa integridade.

Chéganme noticias de que queren botar embaixo unha cruz que está nun dos montes da nosa provincia ourensá. Probablemente fose elevada alí, no seu cume ou na cima dun outeiro, non o sei ben, nun estúpido e ridículo afán de santificar a barbarie dos paseos celebrados nel, nese monte que sospeito que ha ser o chamado O Furriolo. Non serei eu quen critique a aqueles que o consigan. Pero se de min dependese o que eu poría sería unha placa ben grande na que constase o inútil afán de santificación, de purificación e beatificación das atrocidades cometidas naquel monte. Ó meu confeso agnosticismo non lle molesta unha cruz na que tamén se persignaban non poucos dos neses monte claudiados, por dicilo ó modo ourensán e eterno. Eu deixaría a cruz pero a acompañaría da placa cos nomes dos no seu redor axusticiados logo daquelas sacas terribles vividas no cercano mosteiro celanovés, acompañados dos nomes dos seus verdugos. É preciso denunciar tamén o uso espurio que se ten feito dela, da cruz que coroa o outeiro, de xeito que perviva a memoria máis completa da barbarie. Pra elo tamén os nomes dos verdugos.

Te puede interesar