Opinión

Os extremismos hai tempo que perderon a razón

Non deixo de cismar, en máis dunha oportunidade, que moitas veces pensamos que alguén ten as ideas claras cando o seu propio grado de confusión é parello o mesmo grado de confusión que cada un de nós arrastramos. Utilizo o plural pra que non se pense que ando a me flaxelar. Disimúlenmo.

Dito isto que, nun principio, poderáselles antollar a vostedes coma unha perogrullada, descúlpenme que de novo volva referirme a ese perenne coloquio ó que tan miúdo me remito, non sei se por entretelos a vostedes ou por me recrear no meu propio grado de confusión. Faréino pra recordar que Rinconete e Cortadillo, cando se atoparon na Venta del Molinillo, nos famosos campos de Alcudia, nun día de caloroso verán, aquel preguntoulle a este: "¿De qué tierra es vuesa merced, señor gentilhombre, y para dónde bueno camina?" Ò que este lle respondeu: "Mi tierra, señor caballero, no la sé; ni adonde camino tampoco".

Pero non é deste diálogo cervantino, posto en boca de dous rapaces novos, do que eu lles falo, senón que é do que diría perenne coloquio que, a través e grazas ó WhatsApp, mantemos a pandilla de vellestorios na que nos convertemos aqueles rapaces que comezamos o bacharelato no Instituto de Posío, alá a mediados dos anos cincuenta do pasado século. 

Os máis de nós non eramos rapaces de colexios de pago, máis ben ó contrario. Haber había fillos de "boa familia", pero o resto ou eramos fillos dos que daquela se chamaban "probes vergonzantes", ou éramolo de xente sen demasiadas alegrías económicas. Iso no propio Inem porque, non poucos de nós, eramos bolseiros no Colexio Menor Calvo Sotelo e non será difícil deducir de que pé estabamos sendo inducidos a coxear.

Con tal e común procedencia é doado deducir que entre nós ten que haber de todo. Haino. Médicos que comezaron os transplantes de riles ou pioneiros que foron na interpretación das ecografías, avanzados da cirurxía plástica, coroneis e capitáns de navío, xenerais e almirantes, arquitectos, catedráticos desto e doutro, significados homes de empresa, políticos e redactores de constitucións centroamericanas, profesores, músicos insignes, políticos destacados de esquerda e de dereita, senadores, deputados, etcétera que, durante anos, contrastamos bromas e pullazos entre nós, ríndonos dunhas e doutras ocorrencias ó tempo que celebrábanos a ledicia de vivir e a xenerosidade coa que os tempos vividos nos agasallaran. Non era pra menos. Víñamos, vimos, das mañás frías no Campo do Pompeo cando non era irregular que, se alguén sacaba unha mazá pra comela no tempo do recreo, sempre houbese alguén que dixese: Pídome o carozo! 

Nese coloquio aberto, ou nese chat como se di agora, durante meses e meses, durante anos e anos, celebramos risas encontradas, riámonos uns dun xeito e ríanse outros do contrario, pero había risas consecuencia das invectivas e os sarcasmos, das ironías e das admonicións, destas ou daquelas ocorrencias, ás que as nosas respectivas vidas, as nosas posturas vitais, relixiosas ou políticas,nos foran empuxando. Agora, ás veces, contra toda opinión en contra, daría a impresión de que, os máis de nós, nin sabemos de onde vimos e, moito menos aínda, cara onde nos diriximos. Xa só nos parecen ideas claras as que coinciden coas propias e xa a penas reflexionamos acerca de que, no fondo das chanzas e das xoldras, poda haber un atisbo de luz, un pouco de verdade, porque xa a penas hai regueifas coma as que había, xa a penas hai bromas e case que ningunha risa.

É doado supor que son estes tempos de miserias os que non conduciron a padecer este novo estado dos nosos ánimos de vellos compañeiros, posuidores dun compañeirismo superador de décadas e distancias, de diferenzas económicas ou sociais. Esta realidade supón outra pandemia da que é de desexar que a deamos superado.

Porque conto estás cousas? Porque o que nos pasa a nós estalle a pasar á sociedade na que vivimos. Un de nós, non hai moitos días, logo de pasar en Oxford parte dos seus estudos, logo de vivir no berce da democracia, ilustrou a súa intervención cun vídeo que noutros lugares, en Alemaña ou Italia, por exemplo sería susceptible de ser considerado delitivo. Que pretendía? Todos nós, máis "os do Colexio Menor que o tiñamos que facer, mañá e tarde, cantamos el caralsol”. Se foi unha provocación, que non o creo, non conseguiu con ela que acto seguido ninguén enviara a internacional. Pero puido conseguilo. De ter sido así, que se tería derivado do encontronazo? Outro encontronazo máis, e outro máis, e outro e outro...?

O noso estado de ánimo é, non sei se escribir que semellante ou que proporcional, ó da sociedade española na que nos inxerimos e reflicte a dificultade que entraña navegar en mares tan procelosos coma os que estamos a atravesar. Sen embargo atrévome a confesar a miña esperanza, aínda que pra elo deba confesar que me abstiven de participar na lideira que se organizou de contado, porque os meus vellos condiscípulos que si se ensarillaron nela, todos os que o fixeron, os dun lado e os doutro, se decataron axiña, se desculparon e chegaron a entendementos que supuxeron que as augas todas tornaran ós seus regos.

Será quen, a nosa sociedade, de afrontar un xeito de abandono deses extremismos, dun e doutro cariz; extremismos, cheos de sentimentos e de fortes emocións, que manteñen sempre a corda da discordia social tensa e a piques de se romper? Está é a pregunta que todos debemos formularnos e non a de quen deles ten razón, porque os dous extremismos hai tempo que a perderon e non é recomendable, nin moitos menos, que só compartamos parellos estados de confusión. Só así saberemos de que terra somos e cara onde queremos encamiñarnos. Pra elo é posible que volvamos ler a Cervantes, pero desta por extenso e algo máis polo miúdo.

Te puede interesar