Opinión

Fan falta suevos

Neste ano o outono veu cargado de presaxios. A luz que peneiran as douradas follas dos castiñeiros, pra que embaixo delas esa luz sexa máis diáfana, este ano, non é como sempre foi. É doutra e distinta. Non sei por qué. As nogueiras a penas deron noces e as viñas que rodean a miña casa aínda están verdes e xa está aí o San Andrés, cando o viño novo xa será vello. Así vai todo. Algo pasa. E pra colmo mañá é San Martiño e veremos cántas arrobas electorais deron certos animaliños unha vez abertas en canal as súas urnas electorais.

A tales animaliños, nun colexio de monxas, antano moi fino, máis tarde comprometido coa realidade, a eses animaliños chamábanlles rosas, animaliños rosas; certo que, por influenza da veciña Escola Naval Militar, ós retretes chamábanlle xardíns; pero iso ten máis explicación. Non porque os animaliños non fosen rosas, a maioría deles, pois tamén os hai brancos, brancos e negros, mesmo negros de todo, senón porque nos vellos barcos de vela os retretes ían sempre rodeados de plantas aromáticas que, sequera nalgunha medida, despexaban dúbidas a cerca do arrecendo que emanaban. A vida, esta paixón inútil que debemos intentar con canta paixón poidamos, élles unha sucesión de xardíns floridos. 

Nos arredores de Doñana andan escasos de auga. Durante anos a xente dedicouse a facer pozos pra aproveitar os acuíferos que flúen baixo terra e fomentar unha agricultura que alí nunca se tería sospeitado. Agora seica empezan a non ter nin auga, nin cultivos. O intento é tan loable como sería o de cultivar plátanos no meu Allariz natal. 

Mentres iso sucedía, nesta terra da nosa desidia e dos nosos pecados, na que se algo houbo foi sempre auga a cachón, a auga seguímola tendo, pero a agricultura foise ó carallo e nin malamente os propios grelos son tan de nós como sempre o foron. Agora disque tamén os traen de non sei ónde.

Tamén en Andalucía seica teñen problemas co gando vacún e equino pois disque teñen de máis, tanto que non dan a basto. Non deixa de ter graza, sal e salero. Nos anos sesenta do pasado século houbo unha revista, chamada "Século XXI", na que andou a escribir o recordado Vázquez Montalbán, da que non saíron alá moitos números pero si abondos como pra que nun deles figurase o dato de que Bélxica tiña non recordo cántos millóns de vacas máis cas que había en toda España. 

Bélxica ten 30.688 km2. Galicia ten 29.574 Km2. É un pouco máis pequena, pero non moito máis. Quererá iso dicir que, naquel tempo, este noso paisiño, pequeno e verde, e ás veces tamén triste paisiño noso, debera contar con todas as vacas que tiña daquela, máis coas que había en toda España, e máis con todas as que faltaban ata acadar eses dez millóns delas, como as que tiña Bélxica?

Pois ben, mentres polo sur de España seica teñen exceso de gando vacún e equino, por eiquí, polo noroeste desa mesma España, onde o que sobran son brañas verdes e vizosos prados, as nosas explotacións gandeiras que sobreviven fano por obra e graza dunhas xentes que se empeñan (non so coa forza das súas vontades, senón tamén co seus patrimonios e sen gañar diñeiro) en mantelas activas pese a quen pese e contra toda recomendación (gobernamental?) en contra. Andámoslle polo mundo co paso cambiado, ou algo pasa eiquí que non percibimos na súa íntegra transcendencia. No que nos estamos convertendo?

Dicíalles que este ano o outono veu algo rariño. Xa no verao pasado as nortadas non foron nunca as doutros anos, tal e coma se os ventos alisios colleran outra ruta. Din en Portugal que, de España, nin bo vento, nin bo casamento. Non sei porque será. Pero por algo debe ser. Lin na portada dun xornal galego que o norte de Portugal, crea cinco veces máis emprego ca nós. Non debe ser mentira. Os ventos a eles sonlles favorables e, ba¡xo dos seus castiñeiros, segue habendo a luz de sempre.

Onde quedou aquel proxecto da Unión Europea de converter Galicia e o norte de Portugal nunha eurorrexión dadas as similitudes non só orográficas e climatolóxicas, non só históricas senón mesmo sociolóxicas e lingüísticas? Era algo que resucitaría a Gallaecia dos romanos, devolvéndonos os conventus de Bracara, Asturica e Lucus Augusta que nos habían levar, dun xeito ou doutro, a constituír o primeiro reino, o primeiro estado europeo, das mans dos suevos. Ó millor o que nos sucede é que agora nos faltan suevos.

Esvaeusenos xa case de todo a Galicia dos labregos e os mariñeiros, a chamada irredenta, agora xa case sen redención posible. Esquilmados os nosos caladoiros, contaminados non poucos dos nosos ríos e algunha ría ca outra, ocupadas as vellas leiras, a tenzas elevadas, as searas prodixiosas, as encostadas e vizosas brañas, ocupadas que foron por eucaliptais en medida tal que xa temos en Galicia máis arboliños deses que todos os que ten a Australia de onde nolos trouxo Frei Rosendo Salvado pra, quen o diría, acabar tornando o vento na costa cántabra e tornando o rego da nosa historia colectiva do xeito que os eucaliptais o levan conseguido.

Desaparecidas as caixas de aforro en mala hora e con elas os pequenos bancos netamente galegos, nunha aventura política aínda sen explicar debidamente, podémonos preguntar en mans de quen estamos, quen vai tirar de nós ou nos dar o pulo necesario e que foi o que xenerou a Galicia que, logo de crear primeiro as igrexas románicas, logo os pazos e as grandes fachadas barrocas, ven carecendo de ambicións certas, dende mediados do século XIX cando a nosa industria téxtil, e con ela outras, empezou a nos ser espoliada. De onde poderemos importar os suevos que nos fan tanta falta?

Te puede interesar