Opinión

A fariña da albarda de Séneca

A partires de hoxe levo setenta e seis anos coa matraca de "ano novo, vida nova"; pero facéndoo como quen escoita chover, igualiño. Sempre desconfiei de que a adopción dun calendario -o solar por riba do luar, por poñer o primeiro exemplo que se me ven á mente- implicase o sometemento a un simple acordo, a un simple convenio tal cal é o de comezo dun novo ano, xusto un día, logo de decidir que o anterior fose o derradeiro doutro.

Sempre dubidei (e aínda o fago) de que tal decisión poida implicar sequera a mínima intención de adoptar unha conduta, uns hábitos e xa non digo unha maneira de sentir, nin sequera algo distinta da exercidas dende o comezo dos nosos días conscientes. Acepto, en troques, a validez do desexo de que algunhas cousas cambien, ou todas. Iso dependerá das apetencias de cada quen, das ambicións persoais, porque o desexo é, en moitas máis ocasións das sospeitables, o único que nos mantén vivos e activos.

Afrontar o ano septuaxésimo sexto da propia existencia, con ánimos anovadores, é, digo eu, cando non unha inconsciencia, unha irresponsabilidade. Sen embargo hai que afrontalo. E a iso imos por se a ese séguelle outro ano máis de prórroga; e logo outro e aínda algún que outro máis...que pra iso estamos. É en razón diste último razoamento, se é que se lle pode considerar así, polo que nestes días dáme sempre por retornar o rego cara a lectura dos estoicos xa que eles tanto poden axudar a deterxer o arte de vivir.

En De ira (II,10,2) dinos Séneca que pra non ter que se irar un con cada home, hai que perdoalos a todos, concedéndolle o perdón a todo o xénero humano. Cando tal cousa leo, dígome: mal comezamos, compañeiro. O ser humano, no seu conxunto, antolláseme unha peste, unha especie dañina, máis ben unha alimaña, un cancro quen de dar cabo da natureza toda. Síntome quen de perdoar un por un ós que coñezo, se algún mal me fixo algún deles, pero iso de concederlle o perdón a todo o xénero humano que nos predica Séneca, iso, élles fariña doutra albarda. 

Prefiro a Epicteto (III,XIII.23) cando nos recomenda axudar, mentres comes, ós que comen contigo; mentres bebes, ós que contigo beben; transixindo con todos, cedendo, aturando, aguantándoos a todos eles; axudándolles dese xeito, sen trousar neles os teus humores. O segredo radicará na escolma previa a toda "cerimonia de mantenemento", na selección previa de con quen te sentas a comer e a beber, a cantar na sobremesa e a falar cando o serán xa se anuncia e aboian as confidencias e as consellas. Pero isto non debe -porque poder pode- ser cousa de comezar a facer cada ano novo dando por perdido o vello sen remedio. Escoller ben con quen comes e con quen bebes, con quen falas e con quen soñas, con quen cantas ou con que constrúes ou intentas construír algo que perdure máis dun ano é algo que non se soluciona dun ano pra outro, senón día a día. Felices días os que nos veñan pola proa sexa cal sexa o rumbo que cada quen levemos. 

Te puede interesar