Opinión

Fóra dogmas, todo é auga

Sostiña Caneiro... facíao esoutro día nese xornal do que saín hai xa un coarto de século e ó que non volvín (nin volverei) vítima que son dun odio que non diría cartaxinés, pero si africano, herdado que foi por vía colateral pra que soubese eu del hai tan só un par de meses, madía leva, sostiña Caneiro, que hai que se apuntar ó regresismo. Como eu son un ignorante ignoro se o término regresismo é un fonema, un morfema, un sintagma ou que caragho é, así que ímoslle chamar palabro; un palabro inventado, ó parecer, por ese luxo político, coñecido no mundo como Xosé Luis Barreiro Rivas, do que este paisiño noso prescindiu alegremente e eiquí non pasou nada. Fronte a progresismo, regresismo. Non sei que dicirlles.

As vangardas culturais, as chamadas vangardas, sempre foron moi reaccionarias tanto en canto ditaban sentencias de anatema contra os seus infieis, editaban dogmas de obrigado cumprimento e se mantiñan nos seus trece a través do tempo, calquera diría que ad aeternum coma calquera relixión. Esa relixiosidade das vangardas acaso me empuxasen a min a non me apuntar nunca a ningunha. Nin sequera políticamente, unha vez en democracia, me afiliei nunca a ningún partido, precisamente por iso. Por qué e pra qué militar nun partido que che ofrece menos liberdade que a sociedade na que esta inxerido? Así que tampouco non me apunto ó regresismo, nin sequera aínda que promulgase o dogma de non promulgar nunca ningún dogma. Ó que si me apunto, en cambio, e a manter as tradicións e mesmo a crear unhas novas pois disque na innovación, case que tanto coma na variación, está o gusto e tamén aquilo que antes se coñecía como bo gusto; por certo, que foi del? Hai que regresar a algunhas cousas, tanto como hai que evitar ou esquecer outras. E que cada un de vostedes vaia facendo a súa lista. Quen son eu pra darllas feitas?

Agora que se leva tanto iso de maridar permítaseme que relacione a querencia do meu amigo Caneiro (coño, que ben escribe) co que lin non hai moito nese libro do que xa lles falei e que vou bebendo, quero dicir lendo, a pequenos grolos; como se fose unha boa caña da que destilaba o augardenteiro de Gundiás pró finado do meu avó, que mesmo servía de desinfectante chegada a hora de poñer unha inxección, Deus teña a ambos os dous da súa man dereita pois de esquerdas non foi ningún dos dous...que eu teña noticia,

O libro ó que me refiro é o do Irene Vallejo e, alá pola súa páxina 68 ou 69 recórdanos que andando 1677, Elías Ashmole, agasallou á cidade de Oxford co conxunto das curiosidades almacenadas por el ó longo de toda a súa vida; xa saben, moedas antigas, animais disecados, gravados vellos e cousas así, que xa non herdarían os seus achegados senón que pasarían a pertencer ós estudantes e máis ás xentes curiosas que quixesen visitala.

Naqueles días, conta Irene Vallejo, as innovacións non estaban moi ben vistas, algo así coma o que lles pode pasar hoxe ás regresesións. Por iso, o señor Ashmole, decideu recuperar unha palabra, a palabra museo, coma se recuperase con ela unha vella tradición malia saber ben sabido que, o concepto de museo dos tempos da Alexandría de Ptolomeo, non tiña nada, nadiña que ver coa colección que el inaugurou poñéndoa á disposición de quen se dixo e agachando de tal xeito o que Irene Vallejo considera unha atractiva paradoxa, ou paradoxo, según elixan: a de converter o feito de amar o pasado nun acto fondamente revolucionario. Sitúense naqueles días antes de pensar que podo estar de coña. 

O hipócrita puritanismo que nos invade, avogando pola aceptación de novos costumes e a iniciación de distintos hábitos, está a nos empuxar á renovación duns votos que, nuns casos, son desexablemente renovables pero que, en moitos outros, non o son en absoluto. Cada un de vostedes, membros que todos somos dunha sociedade que se pretende e considera madura, deberán deterxer, deberán decidir cales hábitos e cales costumes deberán ser rexeitados e a cales deberiamos regresar o máis axiña posible; porque haber hailles das dúas clases e hainos a moreas.

Nestes nosos días nos que as bibliotecas rexeitan as donacións de libros, por falta de espazo nuns casos, por outras e espurias razóns noutros moitos, non estará de máis recordar a visita que un grego, cosmopolita e viaxeiro, e tamén moi recomendado, realizou ó templo de Amón en Tebas. Hecateo de Abdera, que así era chamado o grego viaxeiro relata a que a el se lle antollou unha exótica visita a través dun labirinto de salas, patios e habitacións. Recorreuno todo ata chegar a unha galería cuberta na que se conservaban os libros considerados máis sagrados que tiña, gravada na súa entrada, a seguinte lenda: "Lugar do coidado da alma". Pois iso.

Vivimos días asañados nos que ignoramos cales han ser os nosos próximos destinos, os da sociedade da que formamos parte e han herdar os nosos fillos. Quizás por iso deberiamos ter en conta a onde haberá que regresar se queremos, se entendemos que determinadas cousas e concretos hábitos non deberían ser eliminados na mesma medida na que outros si. En todo caso, fóra dogmas. Nin todo o novo é bo, nin todo o vello e malo. E viceversa. En hidrodinámica apréndese que o equilibrio pode ser estable, inestable e indiferente. Os tres son equilibrio. Todo flúe, todo é auga. O equilibrio nace da necesaria conxunción dos distintos centros de gravidade. Digamos que o regresismo e un centro de gravidade e o que o metacentro é outro, tan necesario coma aquel e que, se están ben nivelados, poderemos dicir "e la nave va..." a nave flota e nos leva. Só así. Mao Zedong que disque era moi revolucionario seica escribiu que o recomendable é dar, un paso atrás e dous adiante. Pois a ver se así.

Te puede interesar