Opinión

Galeuzca... para que?

Opinión

Galeuzca... para que?

Mércores próximo pasado -ou sexa, antonte mesmo- falando con vostedes adrede da miña estreitez mental pra entender á xente que pasa horas falando por teléfono... cando levo unhas semanas ó longo das que non sei se debido á pandemia ou a idade que xa arrastro paso horas falando polo aparatiño, veume ás mentes a figura de Mossen Xirinacs e un xantar compartido con el na casa pontevedresa de Xavier Yuste Grijalba, cando o doutor Yuste, psiquiatra e xefe provincial de sanidade, vivía na vila do Lérez e tiña calquera cousa menos unha mente estreita. Velaí outro amigo do que hai anos que non sei nada. Como dubido que chegue a ler isto, seguirei sen saber del e dos seus durante os outros poucos ou moitos anos que me resten. A vida élles así. O caso foi que, logo de escribir o artigo, quedei cismando na figura do mossen e non din reprimido as gañas de evocala recorrendo a esa foxa común do coñecemento na que se nos está a converter a Wikipedia, ese pozo sen fondo no que toda consideración é posible.

Ó velo na fotografía que ilustra a información véuseme á cabeza a figura de José María Guelbenzu, o escritor e editor que unha conversa mantida arredor de Alfonso Guerra, mentres dabamos conta duns espaguetis carbonara nun italiano madrileño, arredou da miña vida e así ata hoxe, en que sigo pensando o que pensaba. Merino e Xirinacs teñen certo parecido físico, cando menos a xulgar pola foto que comento; logo xa non, Xirinacs foi un nacionalista catalán, independentista, Guelbenzu é un escritor madrileño que non creo que sexa un nacionalista español por moi español que sexa.

O mossen foi unha figura insólita. Ó longo da súa vida, seguidor confeso de Gandhi, foi senador, levou a cabo media ducia de folgas de fame, pasou dúas veces polo trullo, e durante un ano e nove meses pasou doce horas diarias de pe diante do Cárcere Modelo de Barcelona. No ano 1990 abandonou o sacerdocio; era entón de obra de cincuenta e oito anos. Ós seus sesenta e cinco, logo de cursar a licenciatura con matricula de honor en tódalas asignaturas, doutorouse en Filosofía. Hoxe é raro que nos acordemos del.

O mossen non lles tiña moito que ver con Moncho Valcarce, o noso Cura das Encrobas, a quen eu non coñecín e polo tanto non podo afirmar del se tiña o sentimento de pertenza radicado no hipotálamo ou no corazón. Non sei que pensaría el. Tampouco son moi semellantes as súas carreiras eclesiásticas. Valcarce acabouna, non sei se dicir como alumno libre, grazas ó cardeal Quiroga, que era do país, e o mandou pr'A Coruña a fin de que rematara os seus estudos da man de Manuel Espiña, na colexiata e máis de Xosé Lamas na igrexa parroquial de San Xosé.

Xirinacs era de familia que veraneaba en Cerdanyola del Vallés e máis en Begas, o que non sei se quererá dicir algo. Sei que estando no seminario leu a Alfred Korzysbski e que ó parecer lle afectou moito. Korzysbski foi un aristócrata polaco que desenvolveu a Teoría da Semántica Xeneral, quen non é o mesmo ca Semántica tal como nós a entendemos; pero isto que llo explique o Profesor Paz Gago que, amén de Celanova foi ou é secretario da Asociación Semántica Internacional. Alfred Korzysbski afirmaba que os seres humanos están limitados no seu coñecemento pola estrutura do seu sistema nervioso e máis pola estrutura da súa lingua, "o mapa non é o territorio" afirmaba Herr Alfred. Tamén deixou escrito, e isto parece que conmoveu ó mossen ata os cimentos, que "o exceso de información mal dixerida lévanos a prognosticar unha especie de mundial esquizofrenia colectiva". Nesto último igual temos que darlle algo de razón, pero as anteriores afirmacións fanme recordar ós que din que non se poden explicar as matemáticas en galego, ou ó mesmo Heidegger cando afirmaba que só o alemán serve de instrumento óptimo pra explicar as maiores fonduras do pensamento humano. Xa me dirán vostedes.

Mossen Xirinacs deixou un escrito no que afirmaba que "no pleno uso das miñas facultades mentais marcho porque quero rematar os meus días na soidade e máis no silencio" engadindo que "se queredes facerme feliz non me busquedes, se alguén me atopa rógolle que, estea coma eu estea, non queira el perturbar a miña soidade e o meu silencio". Os mossos de escuadra din del que se suicidou, as notas necrolóxicas inducen a pensar que se deixou morrer.

 O pensamento de Alfred Korzysbski influíu determinantemente en persoas da significación dun Xirinacs ou mesmo dun William S. Burroughs, neto do inventor da máquina de sumar e fundador da Burroughs Adding Machines, hoxe a Burroughs Corporation; ou sexa, xente ben e de moito veraneo e boa posición, pertencente que foi á beat generation, da que renegou sempre, e amigo polo tanto dunha elite composta, entre outros, por Ginsberg, Corso ou Kerouac. Xa me dirán vostedes.

Tamén me dirán que pensar a cerca do paralelismo que entre o mossen e o noso crego das Escrobas poidera quedar insinuado no que hoxe levan lido nestas miñas horas e páxinas decote un algo impúdicas, é certo, pero é así e non doutro xeito como imos deixando correr o tempo. O caso é que por se si ou por se non, dándolle unha volta e outra, todo isto veu a conto, ou tróuxome o conto, non o sei ben, do constructo diso que chamamos Galeuzca e que non sei moi ben pra que nos leva servido ós galegos ou, dito doutro xeito, do diferente uso que del levamos feito uns e outros dos por el afectados; dos afectados polo constructo que me deu por relacionar coa vida e coa obra de Xirinacs e as do noso Moncho Valcarce. O que vai dun xeito de abranguer o mundo e habitalo entre os mossens e os nosos cregos da corda do das Encrobas; entre o xeito de manexar o constructo os vascos de Arzallus, por exemplo, e os cataláns de Xirinacs. Ó millor hai que volver ler "Revolucionario e místico. Diario íntimo da doenza final" publicouse no 1994 en Encrucillada, escribiuno o Cura das Encrobas. Léano.

Te puede interesar