Opinión

González Laxe e os mil votos venezoláns

Hai xa días, tantos como que me estou a referir ó pasado día 6 deste mes ó que antes se lle dicía “de Santos”, pero ó que agora nomeamos como novembro, fun a Allariz esa vila e corte románica que máis reis albergou sen ser capital dun reino, e que en tempos e por iniciativa de Filgueira Valverde pasou ser, sequera breve e desafortunadamente coñecida por Alariz que maridaba, iso sí, coa nosa condición de alaricanos ós que agora quérenos nomear allaricenses e, miren por onde, a min tampouco non me gusta, nin pouco nin moito, nada.

Dicíalles que fun a Allariz, ese lugar amado no que dispoño dunha parceliña que compartir cos meus devanceiros (chegado o día que non desexo próximo) e ó que, o finado do meu tío Alfredo Cid Rumbao, definiu non só como queda dito senón tamén como a vila do silencio solemne. Que lles parece? A min ben. Moito me gusta pasear polas súas rúas silandeiras e solitarias, camiñar logo polo Arnado e mal dicir de quen puxo a base dunha pontella xusto enriba da Pena dos Namorados na que os finados dos meus pais, tal e como daquela era costume, se declararon o seu amor e acordaron o seu casamento. Cousas da vida que diría Castelao.

Alá fun, ó hotel grazas ó que o manancial de auga morna que xurdía de onde se afirmaba que xacía o corazón dun maza moura namorada pasou, senón a mellor vida, si a distinto tránsito e vai ti saber por onde asoma. Nese hotel, a beira mesma do Arnado, celebraba o Foro de La Región un dos seus encontros, desta volta coa presenza nel do segundo presidente de Galicia. O Foro era o de La Región, a vila a do meu nacemento e o poñente ex presidente do meu país Fernando Gonzalez Laxe.

Sempre dixen que eu son un home afortunado, soñei dende neno (aprendéumo así o finado do meu pai) con que Galicia merecía elaborar as súas propias leis e fun un privilexiado que, crendo no parlamentarismo, asistín ó nacemento e ós primeiros pasos dun parlamento, o noso e de Galicia. Tamén o meu pai aprendeume a soñar cun goberno propio pró meu país e Fernando Gonzalez Laxe permitiume outro privilexio, o de habitar o meu soño nomeándome membro do seu goberno. Eu non podía deixar de asistir a tal evento, celebrado cerca de Vilanova onde está a parceliña isa da que lles falei un pouco máis enriba.

Antonte faleilles eiquí mesmo de que Manuel Fraga fixera unha primeira lexislatura na que puxera a Galicia no mapa político español e tamén no internacional. Citei tamén a primeira lexislatura de Feijoo na que bastante fixo gobernando sen a penas orzamentos. Telo escrito así coido que me ha proporcionar crédito abondo como pra facer boa a afirmación de que o goberno de González Laxe habido entre setembro do 87 e febreiro do 90, nin sequera unha lexislatura completa, foi o máis sólido da nosa recente historia autonómica, máis concretamente, o millor e máis eficaz autogoberno dos cinco que xa leva desfrutado, ou padecido, Galicia. A intervención de Laxe no Foro de La Región así o pon de novo en evidencia. 

O título da súa intervención referíase á situación económica de Galicia posta na realidade deparada pola condición da economía internacional. En trinta e cinco minutos Laxe deixou claro que ninguén coma el dispón dun coñecemento da nosa realidade política e económica como o que el deixou en evidencia ó tempo que deixou claro que lle faltou unha segunda lexislatura pra completar o seu traballo. Careceu dela porque os votos procedentes de Venezuela non chegaron ó seu destino, retidos que foron por alguén nalgún lugar, que lle houberan proporcionado o escano que recaeu no PP e conduciu a Fraga á presidencia, segundo o mesmo Laxe recordou mentres silenciaba a ausencia de Felipe González na campaña electoral e eu recordaba a negativa do mesmo Felipe a que encabezara a lista por Ourense o candidato que, segundo Alfonso Guerra, arrebañaría os mil votos que terían compensado os mil venezolanos que nunca chegaron ó seu destino.

A Galicia faltóulle esa segunda lexislatura que terían feito dela un lugar distinto do que aínda continúa sendo. Ninguén se acorda xa de Fraga, os éxitos da súa primeira lexislatura, aquel seu primeiro impulso galeguista, e dolce fare niente actual en nada está remediando as nosas e seculares eibas. E mentres seguimos a desexar esa ocupación da Moncloa por un goberno progresista que provoque o galeguismo do noso e conservador, a transformación do Senado nunha cámara de representación territorial segue pendente e, uns por outros, a casa propia segue sen varrer e a Constitución do 78 leva o mesmo camiño cara o fracaso que seguiron todas as que a precederon segundo Fraga advertiu de xeito reiterado sen que lle fixeran maldito caso. Mentres tanto o presidente Laxe continúa a ser o político máis desaproveitado. Outro é José Luis Barreiro que, curiosamente foi o seu vicepresidente, ata que a "convicción moral" dun xurado o apartou do seu cargo... paisiño este noso!

Te puede interesar