Opinión

A gran vila familiar e os seus barrios

Opasado día 13 do mes que andamos, martes pra máis datos, sentín uns irreprimibles desexos de comentar o artigo dalguén que eu veño admirando dende que comezou nestas tarefas do xornalismo e axiña se iniciou como o brillante articulista que é. Sempre escribiu de marabilla, é ocorrente, áxil e quen de arrincar sorrisos no lector a pouco atento que este estea. Manexa a ironía coma poucos, sabe utilizar o sarcasmo, sen por elo ferir inevitablemente a alguén, e goza dunha sabedoría que eu supoño de orixe xenética e entronca con esoutra que algúns bandallos cualifican de popular.

Confeso que, ó tempo que sentín os desexos que quedan confesados, sentín outros que me empuxaban ó silencio. Non os atendín. Antolláronseme cheos dun conmiseración que o meu admirado amigo non me merecía. Foi así cando me decatei de que levaba un tempiño cismando en si, en troques dun magnífico columnista, o meu amigo derivara nun "pensador". Convencido que quedei de que todos temos unha mala tarde, ou moitas, acordei comentar as súas afirmacións, acaso tan só suxerencias, porque somos moitos os que tamén lemos o seu xornal e malia non ignorar que somos algúns menos os que lemos este. 

Comeza o seu artigo a xeito de parábola: érase unha vez "unha gran vila familiar" que, nun momento dado, algún dos seus herdeiros decide que millor será converter en "varias casiñas de madeira" e transformala "nunha vila de vilas"... algo así como a España Federal que seica defende un partido máis ou menos de esquerdas, según criterios, claro. Sucede tal proposta de transformación mentres xorden outras que, non contentas coa opción federalista, propugnan que o eido común -que o é e que desexablemente debe seguir séndoo- se converta nun camping, según a versión definitivamente de esquerdas extremas que tamén habitan na "gran vila familiar" deixando implícita no texto a posición, nada criticable nin digna de consideración algunha, propia das dereitas e das extremas dereitas, que ó parecer están felices coas cousas tal e como seica están dende que a gran vila común foi o imperio do gran sentido común que hai que recuperar. Lástima da historia e lástima da realidade que aínda está aí pra quen queira contemplala alleo de prexuízos.

A gran vila común foi realmente grande, tanto que mesmo foi quen de artellar un gran imperio, mentres a Casa de Austria, herdeira lexítima dos Reis Católicos, manteron e respectaron a existencia de non poucas desas "casiñas de madeira" e malia que algunha delas, en concreto a de procedencia do meu admirado articulista, padeceran o que non poucos aínda consideran un proceso de castración e doma. A decadencia da gran vila familiar comezou cando a Casa de Borbón irrompeu na historia común, non antes, e agora volve ás xa andadas logo de que o anterior caseiro nos fixera percibir que o era de todos nós e de todos por igual.

É certo que, algúns dos que non se atreve o meu amigo a chamar realquilados, entoaron cánticos nos que afirman ser roubados cando nós, os galegos, estamos fartos de que os espolios os teñamos sufrido outros. Pero é impropio afirmar, a estas alturas da Historia e sen máis que mirar arredor nosa, que a unidade da gran vila familiar non poida ser considerada máis ca dun único xeito cando estamos igualmente fartos de contemplar como a procesión vai por barrios na gran vila e o fai a distintas horas e con distintos cánticos. 

Pode que a Gran Vila Familiar sexa "unha unidade de destino no universal" pero sen dúbida que habendo versións, igualmente contemplables non poucas delas, mesmo esa e vixente durante a ditadura, o certo é que España Autonómica supuxo o maior desenvolvemento vivido na Gran Vila Familiar nos pasados séculos, dende a chegada do primeiro Borbón e ata a abdicación do de momento penúltimo deles. 

Non é xa que logo un problema de territorialidade o único que nos nos tolle. Hai outro problema, chamado supremacismo que, amparado na loita irredenta entre esquerdas e dereitas, consecuencia que é dunha Constitución que pula do bipartidismo dando pulo, ó mesmo tempo, a ese supremacismo que non é só ubicable no ángulo noreste da Gran Vila Común. Ou é que vai resultar que non é o mesmo o desa "casiña de madeira" inserta do gran caserón central ("Madrid es España dentro de España. ¿Que es Madrid si no es España?") dende a que se pode afirmar que non é de lei confinar a un millón de habitantes pra salvar da morte tan só ó un por cento deles. Ese un por cento, en caso de abranguer ó total dos ocupantes da "Gran Vila Familiar", empuxaría fóra dela ó parecer á nada desprezable cifran de medio millón de seres humanos; dez mil no caso de afectar tan só ós do centro-centro da Gran Vila.

Non hai que andar buscando culpables desto e máis daquelo e cabe preguntarse se o que hai que andar procurando son solucións á situación que padecemos en troques de andar a canonazos disparados con pólvora de El Rei, xerando aínda máis enfrontamentos dos que xa padecemos e sen afondar moito nas causas que os producen non vaia ser que o feito de pensar un pouco antes de falar acabe por nos causar fatiga.

Te puede interesar