Opinión

O “home escuro” da carreteira de Ervedelo

Con iso de que, no que vai de século e máis cos plans de educación cos que nos levan agasallado os últimos gobernos centrais, os franquistas incluídos, o nivel intelectual colectivo medio leva descendido dun xeito que se diría ominoso, cada vez son menos os sabios que nos van quedando no país. Mentres abundan os donos de coñecementos técnicos singulares, escasean cada vez máis as persoas donas de coñecementos humanísticos plurais e posuidoras de sensibilidades variadas quen de enriquecer as alleas.

Eu coñezo a un desas escasas persoas que cada vez rarean máis. Trátase de Xosé António López Silva. O sistema desperdiciouno ata este ano, dando clases de ximnasia a rapaces de Vigo, xusto ata este, no que por fin imparte aulas de latín e grego, que é o seu. Impártellesos coñecementos da súa especialidade, ós rapaces de Bertamiráns, eiquí mesmo ó lado de onde eu vivo, tan lonxe de Ourense. O feito de telo ocupado, en Vigo e en directo, nunha asignatura como a que impartiu, foi un luxo máis dos moitos que por eiquí nos procuramos sen que ninguén nolo aconselle. Sómoslle así.

Estes días o meu amigo anda medio tolo. É esta unha forma, algo tosca, de dicir que anda ocupado querendo averiguar a quen se refire o noso don Ramón Otero Pedrayo, de que ourensán se trata o que intentou retratar no seu "Ensayo histórico sobre la cultura gallega", publicado que foi en Madrid, no xa lonxano 1934, pronto haberá cen anos. 

O texto que o trae a mal traer, di así: "El hombre obscuro (¿para qué citar su nombre?) agonizaba por el ano 81, en una casita de la carretera de Ervedelo, cerca de Orense; un piadoso sacerdote y sabio filólogo, D. Juan Saco y Arce, lograba confesar a aquel impenitente. Este hombre, en su vida trabajosa, se apasionaba por Europa, por los inventos. Sabía inglés y matemáticas, fue a Viena a la Exposición Universal y padecía la chifladura de la navegación aérea. Todo esto no parece tener importancia. Piénsese en el pasado y en el fuerte contraste que ilumina la vida de este hombre: su madre, mujer de pro, decían que se había alistado como soldado en la guerra contra los franceses, y él, de joven, fue amanuense del terrible Eguía, el general absolutista que tenía a sus órdenes a un albéitar para rapar en seco las caras de los liberales. El que empedró la rúa del Franco de Santiago con las multas impuestas a los blasfemos, el que sufrió el primer atentado por explosivo que se haya cometido en España".

Reproduzo o texto que espertou a curiosidade do meu amigo Xosé por se algún ourensán, que algún quedará, pode botar luz, pode botar coñecemento a cerca de quen se trata este home escuro, pero seguro que de unha brillantez senón acrisolada si, polo menos, algo fermosa e disparatada, ó que se refire don Ramón. O feito de que sentise chifladura pola aeronáutica e máis polos inventos fai pensar, de entrada, en Don Juan de la Cova, o do Pirandargallo, do que Carlos Casares escribiu unha biografía de deliciosa lectura. Unha breve e intensa biografía que non sei se hoxe será moi encontrable pois está editada nun daqueles libros miniatura cos que el tanto gustaba agasallar ós seus amigos. Pola súa parte e moito antes, Filgueira Valverde publicara, nun dos primeiros números de Grial, un ensaio sobre o trampitán, sobre o idioma que foi inventado por Don Juan, que Don Xosé Fernando descifrou e disfrutou seguro que tanto como si se tratara do Enigma aquel da Segunda Gran Guerra Mundial.

Que "o home escuro" morrese no 1881 imposibilita que Saco i Arce lle dera os derradeiros auxilios espirituais pois De la Cova morreu a finais dos anos noventa dese mesmo século XIX, así que vai ti saber de quen se trata este fillo dunha ¡lustre dama que disque se alistou como soldado na guerra contra o francés. En fin, que se alguén sabe algo que o diga pois xa somos dous, ou tres, os afectados pola curiosidade. 

Que o home escuro fose amanuense, fose o escribidor do xeneral Eguía que, de ser certo o que Otero Pedrayo di del, debeu ser unha mala besta, tamén deberá dicir algo. Rapar en seco a cara dos liberais, non é o mesmo que raparlles as barbas ós que as levasen como se fose un shibolet, un signo de identificación de orixe, pertenza ou clase; dito e expresado quede cunha palabra que seica é xudia que pra iso debe ser a única que eu sei de lingua tan antiga e transcendente.

O que ignoro é como hei pisar de eiquí en diante a compostelá rúa do Franco pola que transitou Dona Isabel, a Raiña Santa de Portugal, que foi muller de Don Dinis, o rei poeta, antes de abocar a que hoxe se chama así, Rúa da Raiña, en recordo da súa peregrinación a Compostela. O feito de que a anterior, a do Franco, estea enlousada grazas ás multas impostas ós blasfemos en tempos do xeneral Eguía, cáusame unha reflexión seguramente profunda e escura, da que evitarei facer referencia exacta. Con isto do Camiño de Santiago hailles que ser moi meticuloso pois calquera desviación, do camiño e máis da ortodoxia dos camiñantes, pode producir urticaria e lapidacións literarias equivalentes a que alfombrou a rúa do Franco con pedra de grau da millor materia... aínda que ista non fose precisamente matería gris.

En fin, que ata eiquí demos chegado. Se alguén sabe algo do "escuro home" que espertou no seu momento a curiosidade de don Ramón Otero Pedrayo, e agora fixo o mesmo co meu admirado amigo e mesmo tamén comigo, pois que non o cale e o diga. Eu quedarialle moi agradecido.

Te puede interesar