Opinión

A ideoloxía non precisa fe nin mártires

Antes, quero dicir hai moitos anos, se precisabas duns pantalóns novos tiñas que ir ó xastre. Daquela aínda nin se inventaran as prendas de roupa "pret a porter", nin os pagos a prazos, pero conste que xa se extinguiran os dinosauros. Conste. Entón era normal que, ben fose por ignorancia de cal é a tendencia natural, ben fose por non ter millor cousa da que falar, o xastre adoitaba preguntarche mentres tomaba as medidas pertinentes: "O señor de que lado carga máis?

Sabido é que os homes "cargamos" máis do lado esquerdo, dada a disposición habitual do contido na nosa bolsa escrotal, pero non eran inhabituais as respostas daqueles que nunca repararan en tal feito (malia que hoxe poida parecer incrible) que crendo que se lles preguntaba por outro tipo de tendencias respondían, moi rufos e cheos de razón, que eles cargaban á dereita desfrutando coa implícita afirmación de seren conservadores de toda a vida.

A semana pasada houbo quen me consultou a que lado cargaba eu, pero non precisamente pra me facer un traxe. Ou si, vai ti sabelo, pois non se aclaraba moito coas posturas que sosteño nestas horas e nestas páxinas nas que as consumo e escribo. Coido que o saquei de dúbidas tantas coma as que o atenazaban.

Eu "cargo", é dicir, eu aposto por unha esquerda e máis por unha dereita democráticas e fortes, respectuosas entre si, que se alternen no exercicio da gobernación, pero non de común acordo (o que conduciría a lugares que xa temos frecuentado) senón a instancias dun electorado que decida en cada momento quen é o máis idóneo pra nos gobernar a todos. Item máis, moito me gustaría que eses gobernantes, en troques de ser elixidos polos deputados, o fosen directamente polos electores.

Non deberamos ter problemas en que gobernase a esquerda ou en que o fixese a dereita -como evidentemente temos, ou cando menos os ten unha gran parte da nosa sociedade- senón en que non o fixesen ben (e acorde coas sucesivas realidades que os tempos sempre van deparando) razón pola que non os votariamos á volta da finalización da lexislatura que a cada unha delas lle fose encomendado o exercicio do poder. 

A política non é unha cuestión de fe, ou non debera selo, impregnada de tódalas eivas que comporta unha relixiosidade extrema. Unha ideoloxía non é unha relixión, necesitada de actitudes dogmáticas, verdades de fe, mártires e santos, senón unha actitude e unha disposición do ánimo ante os problemas que xenera a convivencia; o uso dunha convicción de cara a solventar tales problemas de acordo coa maneira de enfocalos que cada un de nós teñamos por xunto oi por separado. Unhas veces valen uns remedios, noutras son outros os que valen sabendo que os mesmos remedios, aplicados en distintos lugares funcionan nuns casos e acaban por estragalo todo noutros moitos, aplicados ó mesmo tempo en lugares ben distintos. Entendelo e aceptalo implica respecto ás ideas alleas e a posibilidade de vivir en paz e harmonía. Pode resultar algo "cargante" pero só así avanzan e milloran as sociedades.

Te puede interesar