Opinión

A importancia de chamarse clase media

Nos anos do exilio interior, aquel ostracismo maldito do que me quedou o hábito desta especie de confinamento, gozoso e voluntario, no que habitualmente vivo, sobrevivín como escritor e como persoa grazas ós amigos do estranxeiro de fóra. Tamén a moitos "da casa", claro.

Un día apareceu por eiquí un australiano de perilla mefistofélica e apelido que eu tardaría en relacionar cun dos personaxes de Bulgakov, o de "O mestre e Margarida". A el fórono seguindo outros "aparecidos", de xeito que en poucos meses, nun ano ou dous coma moito, comezaron a traducir ós meus libros ós seus idiomas respectivos. Antes de Boland xurdira a figura inxente de Giuseppe Tavani, o hoxe tan chorado, levando "O Griffon" ó italiano. Tavani foi quen me botou andar por ese camiño e, dende el, ata Elena Zernova, pasando por algúns outros, e continuando por algún máis, puiden completar un feixe de amigos ciscados por medio mundo.

Ben polo correo electrónico (iso que os máis finolis chaman e-mail e os de aldea lle dicimos correo-e) ben a través das vídeo conferencias, mala era a semana na que eu non falaba con eles sequera fose por fuxir do silencio ó que me vira reducido, cando non por manter unhas conversas, celebradas en liña por vídeo circuíto, que podía contar con participantes de tres continentes a maior parte das veces e que a algún deles, a Thomas Harrington por exemplo, valíanlles pra ilustrar ós seus alumnos sobre as distintas realidades posibles..

Algunhas desas xentes foron morrendo. Tan só en Italia fóronse tres delas o pasado ano. Tavani, Giulia Lanciani a súa muller ,e Giuliano Soria. Pero van quedando outras e mesmo apareceu algunha nova amizade máis. Así que van e veñen, veñen e van e, mentres, botamos man das redes e comunicámonos. Agora mesmo veño de falar con Lucien Castela que, logo de anos, chamou dende Marsella. Entre os dous argallaramos aquel congreso ("O Feito Galego") que se celebrou en Vigo no 1981, nos tempos do alcalde Manuel Soto, clausurado un par de días antes do 23 F co vaticinio non recordo ben se feito por Paul Preston de que este país ía directamente ó golpe de Estado. Seu dito, noso feito.

O caso é que dende hai trinta anos, dun xeito ou doutro, sigo mantendo contacto con case que todos eles e que a eles adoito recorrer cando a nosa realidade política me intranquiliza un pouco máis do que ven sendo habitual. Xa o facía cando Pierre Guidoni foi embaixador de Francia en Madrid e había "ruído de sables" e moitas son as veces nas que recordo o modo que el tiña de tranquilizarme/intranquilizarme: "Non te preocupes, dicíame, os militares non son o perigo da democracia española, son os xuíces". Visto dende fóra este país é outro.

Pois ben, chegados estes días de confinamento obrigatorio, non cada vez que me aventuro polas redes sociais, pero si de vez en cando, ou cando nelas leo datos que poden ser rumores falsos, mentiras falaces, ou afirmacións das que non me fío, de novo boto man deses amigos ciscados polo mundo a fin de que me confirmen, por poñerlles un caso, se é certo que o Financial Times dixo que España é o país no que a oposición é non só a que en menor medida colabora co goberno senón que exerce o labor co menor sentido de Estado que coubera imaxinar. Agora acaban tamén de me confirmar que España reaccionou, fronte o andazo que estamos a padecer, cando acadou os nove mortos por cada cen mil habitantes, mentres que Francia o fixo ó chegar ós 9'9/105, o Reino Unido ós 10'1, Italia ós 16'7, a China ós 22'4 e Nova York ós 97. Hai que contrastar sempre.

Por aí adiante é moita a xente que non entende, porque algunha haberá que si o faga, como se pode dar unha situación como a que se está a dar no noso país. O cruce de críticas e de acusacións implica non só a amplos sectores da dereita senón que tamén abrangue a xentes da esquerda que, coas respostas dadas á constante provocación recibida, o que conseguen é poñerse a altura dos seus opoñentes ós que quizás non debamos dicirlles adversarios políticos. Que é o que nos está a suceder?

Existe a vella convicción de que a un avó traballador, sucédelle un fillo rico e a este un neto probe. Hai outra versión que afirma que o que constrúen os avós, adoitan estragalo os fillos e, normalmente, é reconstruído polos netos. Esta segunda delas pode inducirnos a pensar que sexan os netos dos que fixeron a Guerra Civil os que estean a repetir o modelo de convivencia que os seus avós desenvolveron; os dun lado e mailos doutro, porque aquilo non foi responsabilidade tan só duns. 

Lord Hugh Thomas di no seu libro encol da Guerra Civil que o índice de analfabetismo era do 75% na España daquel tempo. A inexistencia dunha clase media que amolecera as tensións sociais que tal cifra pon en evidencia, pode aclarar moitas cousas a este respecto. Terá algo que ver coa situación que atravesamos a laminación á que se veu sometida a nosa clase media durante a época dos recortes? As barbaridades que estamos escoitando, a desvergonza coa que se está mentindo, a ignominia que estamos a padecer vendo ou facendo circular datos falsos, todo elo, está a xerar un clima que, mesmo á marxe do confinamento e da pandemia, tan só ha servir prá nosa propia destrución. Terá algo que ver o que se está sinalando, coa perda da memoria, é dicir, coa ignorancia da realidade e da historia?

Debemos atallar, sen dúbida ningunha, o andazo vírico que nos asola, pero tamén debemos facelo co deterioro moral que se está a espallar grazas ó clima xerado por un uso tan abusivo das redes sociais útil tan só pra deteriorar e corroer non só ó contrincante político senón á convivencia entre todos nós. Convén, pois, ir póndolle couto.

Te puede interesar