Opinión

A indixesta palla do pensamento único

Dime Antón Pulido, señor que é agora dos Chans de Amoeiro e novo almirante do Mar de Vigo, meu amigo, que se un le os xornais polas noites, como facía o chorado Ramón Piñeiro e agora ando a facer eu, a cabeciña ándalle a traballar durante o soño, toda a noite, sen pausa nin descanso. Coido eu que no meu caso, mesmo sen maior proveito. Confésolles que ultimamente estou que non me aclaro. Non é que antes me aclarase moito, tampouco non se hai que fiar. É que agora aclárome menos. Será, digo eu, porque cando o fago, cando creo que me aclaro, vou e me confundo.

Probablemente, este meu estado de confusión, sexa debido a que de pequeno -e logo a vida mesma- aprendéronme a comer de todo mastigando todo primeiro dun lado, logo do outro; nunca nos dous a un tempo; pero mastigándoo ben pra logo dixerilo sen coidado. É o que fago coa prensa, leo de todo, trago de todo, e así ando como ando.

Non sei en que estaría "traballando" este meu cerebriño ó longo de toda a noite que precedeu á escrita destas liñas que, a penas me erguín do leito, dispúxenme a reler a Séneca pois de sempre din en pensar que o pensamento estoico pode ser esa panca que te axude a manter en alto o teu propio mundo facéndoo dun xeito, xa que non solemne, cando menos harmonioso e equilibrado. Xa ven, meus lectores e sen embargo amigos, a inútil esperanza coa que un adoito regresa ó mundo da consciencia.

Botei man dun dos libros que quedaran ciscados enriba da miña mesa de traballo e, cando crin ter cobrado unha peza de Séneca, resultou que o que tiña na man era outra de Girólamo Cardano que me servira, se ben o recordo, pra falarlles a propósito de non sei que esoutro día.

Ó telo na man díxenlle, non sei xa se ó libro óu se a Cardano, o que lle dixo aquel rapaz, algo atravesado, logo de lle poñer unha cambadela á moza coa que paseaba pola beiriña do río, poñamos que do Arnoia, cando dá voltas polo Arnado de Allariz. Ó vela deitada no chan, espetoulle aquilo de "xa que te deitas...!". Púxenme a lelo.

Poderán crerme ou non, alá vostedes, pero foi abrilo ó chou e dar de fociños cunha súa sentencia sobre, quen o diría, o mesmo Séneca que impulsara o meu movemento inicial na busca do seu pensamento, ese sostén tantas veces necesario. O que lin e lles transcribirei de contado escribiuno Cardano en Neronis encomium na edición feita en Basilea no 1562; aí lles vai parte do que a tal respecto nos advirte: 

"Non sei que lle dicir de Séneca, que non soubo dicir nin facer nada como era debido. Provocou decadencia na literatura coma charlista moderno e moderno profesor de letras, filósofo perverso. Repare na frivolidade e desvergonza da súa sátira contra Claudio, indigna do mestriño máis noxento. Repare neses consellos que se contradín uns ós outros, na súa conduta torpe e fea, no seu descoñecemento da ciencia natural. Un personaxe nefasto que permitiu que a súa muller, sendo ela como era inocente, intentara suicidarse con el, e non pra nada senón pra, do único xeito que podía, denigrar e facer impopular a Nerón". 

De entrada véuseme ó santo ó chan, que lle imos facer. Menos mal que no mesmo texto Girólamo non deixa monicreque con cabeza e despáchase a gusto tanto con Cicerón coma con Virxilio, por citar tan só un par de casos. Desanxelóume. A min vaime moito a leria esta dos escritores latinos, non sei se por culpa do señor Noia, que nos deu latín en segundo de bacharelato, tendo nós once aniños recen feitos, se por culpa do tamén doutor Díaz que nolo impartiu en segundo de comúns, xa en Compostela. 

Ás confusións creadas pola cotiá e serodia lectura da prensa chamada nacional sumóuseme entón outra nova consecuencia, coido eu, do atravesado tempo no que tamén viviu Cardano. Así que volvín coller o libro que pousara, abatido polo que acabo de transcribirlles, e volvín abrilo ó chou, esta vez, por De propia vita: "Nunca houbo nin haberá descanso prós mortais. Compara o que agora te ocorre co estado de cousas na época de Polibio. Dos sucesos de agora podería dicirse que son rosas e flores en comparación con aqueles auténticos desastres: as xentes de entón non tiñan seguridade ningunha, había matanzas sen motivo, asoballábase ó próximo e facer botín da facenda allea era cousa de xogo".

Acabei de lelo e non souben se me intranquilizar máis ou se por fin obter o sosego e maila temperanza que dera por perdidas. O meu desacougo non era cousa da lectura serodia da prensa, nin moito menos, senón da condición destes nosos tempos, nos que de novo andamos todos enfrontados, facendo certa a inestable condición humana. O malo do asunto foi que me deu en pensar senón será moito máis cómodo non comer de todo, non ler de todo, senón se apuntar a un menú único. Desbotei de contado tal oferta. Reparei na cantidade de sabores que deixaría de obter da vida nada máis pensar na cantidade de palla que son quen de inxerir os que se apuntan ó pensamento único por moi seguros que se sintan nesa súa inxesta que tanto se nos indixesta a todos.

Te puede interesar