Opinión

Información sí, homilías no

Non lles hai xeito ningún de se saír pola tanxente desta a modo de espiral de Fibonacci na que leva se convertido a información dende hai semanas e semanas, tantas, que calquera diría que ven sendo así dende sempre. Abre un as páxinas dun xornal, acende a pantalla do televisor ou prende a radio, e todo canto tan tecnolóxicos trebellos trouxan sen descanso é pura, dura e constante información sobre o corona virus. Así levo eu falando del as semanas que levo. Non digo que non deba ser así, pero confésolles que a min xa hai tempo que me fartou.

Son dos que se ergue da cama, tan axiña como acorda, e comproba que segue vivo. O primeiro que fago é recoller a prensa; logo preparo o xexún. Teño un buzón de correos amplo e xeneroso que é onde a maioría dos repartidores introducen os que tran, todos; agás un que trae un xornal coruñés e o cisca por enriba do portalón. No inverno non importa moito. O xornal ese ven ben embutido e xa pode chover enriba súa que non por iso se vai mollar. Pero chegada a primavera, según as hortensias se revisten de follas, recoller ese xornal implica un safari que o meu lombo non agradece en absoluto: teño que andar buscándoo entre a follaxe e non sempre dou con el á primeira.

O caso é que o leo igual, o tal xornal. Xa lles dixen que non se molla. Pero ser é un coñazo que non agradezo en absoluto. E tamén trae unha exhaustiva información sobre a puñeteira pandemia que Breogán, Odín o Motogon, o deus dos aborixes australianos, confundan. Déixenme dicilo así malia que estes últimos adoiten deixar ó seu deus tranquilo e descargar a culpa de tódalas maldades, pestes e desgrazas, en Chienga, encarnación da maldade, o puto demo, causante de todo canto nos aflixe... algo que a min antóllaseme moi sensato.

Así que leo os xornais co espírito do cazador que segue as pegadas dos bichos que espera cobrar pra se alimentar con eles. Eu ando á caza de noticias, ocupado na busca dunha información que esperte o meu interese, cando non a miña curiosidade, e me sirva de base pra facerlles un comentario a vostedes que moito me gustaría que de verdade lles servira, xa non digo de reflexión, pero si de divertimento. Así que ultimamente veña corona virus, veña políticos falando do reputo corona virus, momento no que busco na pantalla do ordenador o que aportan os xornais de por aí fóra, de polo extranxeito de fóra, visto e comprobado que, o Madrid rexido por esa moza que semella saída dunha película de exorcismos, está dun arredismo, dun separatismo que arrepía: tanto que en ocasións adoito preguntarme que diría a prensa "nacional" se o que esta señora dí, envolvido nesa súa sorrisa abatida e triste, o dixera na Cataluña rexida polo Quin Torra o propio e ó parecer molt honorable presidente da Generalitat.

Oscar Wilde deixou escrita, en "O crítico artista", unha das súas brillantes, inxeniosas e as veces procaces ocorrencias, esta: "Antano canonizabamos ós nosos heroes. O método moderno consiste maiormente en vulgarizalos". Algo de razón non lle falta. O problema é o que se lle presenta a quen intente vulgarizar a alguén sen caer no mesmo erro, por non dicir na mesma ignominia, na que antes caeron aqueles que vulgarizaron ós da nosas simpatía. 

Como consecuencia da guerra mediática que o andazo viral espertou na política, tanto a da oposición como en gran medida a do propio goberno, deixou de ser un exercicio de busca e captura do ben da cidadanía pra se converter nunha despiadada loita polo poder revestida de toda canta impudicia un poidera imaxinar.

Urxe deixar de falar "politicamente" do coronavirus. É necesario recobrar a normalidade, mesmo a normalidade democrática, ultimamente tan deteriorada por uns e por outros. Déasenos información, pero non se nos voten homilías. Ofrézansenos reflexións, pero non descualificacións e insultos. Renóvense algúns liderados que xa deron todo canto de si puideron dar, que non foi moito, e ofrézanselle ós electores portavocías que constrúan e axuden a reedificar a casa común que nalgún momento puidemos cohabitar en harmonía.

Abandonemos dunha vez a desaforada necrofilia que nos caracteriza, ese sacral e reclamado respecto ós mortos, tan necesario por outra parte, e substituámolo polo respecto ós vivos, tan imprescindible con independencia do credo político ou relixioso, da raza ou condición. Ós mortos, coitados, xa non lles importan se o foron por morte morrida ou por morte matada, por ser musulmáns ou cristiáns vellos, por un virus, unha bacteria ou un accidente de tráfico, por ter recibido unha bala roxa ou unha bala azul. Son os seus deudos, son os cidadáns os que merecen que se lle respecten os seus sentires. E xa vai sendo moito hora de que nos respectemos os uns ós outros. Por iso sería bo que empezasen os políticos, que tamén están pra iso.

Te puede interesar