Opinión

Entre isto e iso, quedo con aquilo

Non crean que me leva axudado moito a lectura do libro de Jean-François Rével do que tanto lles levo falado ultimamente. Se o recordan titulase “El conocimiento inútil”, na súa edición española, en tradución do orixinal francés de 1988.

Non sei se lle viría demasiado mal o titulo de “O libro do desasosego”. Desacougado me deixou a min a súa lectura. Unha cousa e manter durante anos a sensación, a sospeita de que o que intúes poida ser certo, e outra moi distinta é a que o libro sedimenta facéndoche sentila real e certa. O mesmo número de necidades manifestado polos intelectuais de dereitas é o emitido por intelectuais de esquerdas, uns nun sentido, outros noutro, e ambolosdous con billete de ida e volta, póliza de efectos retroactivos e unha capacidade de retroceso equivalente á do canon Berta que tanta destrución foi a que causou na I Guerra Mundial

O coñecemento, e non sei se será o mesmo pero tamén as conviccións, poden resultar inútiles ante a evidencia dos feitos, esoutra e tan esquecida retórica. Sospeito que este libro de Rével non ha ser dos que padezan unha segunda lectura. Quedo convencido, unha vez máis e por si non o estaba xa de todo, de que son tan só un novelista, tan só un inventor de historias pero nunca, non sei se pensar que afortunadamente, un pensador. Fora dos meus ombreiros o peso da tal responsabilidade. Así que regreso ós meus, regreso a Stephen Zweigh, retorno a Sandor Marai e a tantos outros que me axuden a amar ó ser humano malia tódolos pesares, malia o intratable feito de que logo de miles de anos o seu comportamento non teña cambiado a penas.

En “Se Epicteto vivise” dinos Diego de Torres Villarroel que “o retiro é un bálsamo contra as ponzoñas do século”. Créocho ben. No que levamos deste nunca agradecín tanto este retiro no que vivo que, ultimamente, só se rompe pra ir compartir cos vellos e mesmo cos novos amigos o pracer suscitado por una conversa amena no medio e medio dun xantar cociñado sen moitos aditamentos químicos; é dicir, cociñado con sabedoría e verdade ancestrais e puras: un lacón con grelos é un lacón con grelos. E así.

Antonte fixo anos daquel 1 de abril do 1939 no que un parte de guerra que moitos sabemos de memoria puxo fin á Guerra Civil Quente que durou dende xullo do 36 ata esa xusta data na que deu comezo a Guerra Civil Fría na que aínda nos empeñamos e que non sei se desexar que dure non vaia ser que recomecemos a outra

A Guerra Fría que durou dende o final da II Guerra Mundial, no fondo, o que significou foi un respiro durante o que Europa se recompuxo ata se converter no lugar onde a democracia é menos imperfecta, a sanidade pública máis eficaz e xenerosa, o ensino máis universal e certo e a liberdade as máis envexada por máis espléndida e real que en ningún outro paraxe humano.

Será unha barrabasada isto que vou dicir, dándolle a maiores a razón a Jean-François Rével e ó contido do seu “O coñecemento inútil” pero visto ó que está a suceder en Ucrania e o que pode que lle empece a suceder ós saharuis, empezo a botar en falla a Guerra Civil Fría todo ó longo da que o país no que vivimos, non tanto como sería de desexar, pero si bastante satisfactoriamente, se foi arredando dos esquinados lugares que nos reservara a Historia pra que puidésemos chorar a modo e lamentarnos a pé feito.

Mentres iso sucedía, mentres a Guerra Fría se prolongaba, os Estados Unidos de América do Norte lanzaban foguetes con xente encamiñada a pousar os seus pés na Lúa, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas íase armando de xeito tan equivalente e tan a conciencia como o seu opoñente pero ben máis disposto a exhibirse como agora o está a facer en Ucraína e antes xa o fixera noutros lugares do mundo nos que ou EEUU tamén o farían.

Mentres iso sucedía eu era un home tranquilo, pechado nunha aldea, ocupado en construír mundos literarios, entretido en ver como ían medrando as xudías pintas (eiquí dánseme moi ben) entendéndome ben cos cans que dende sempre me acompañan, dende que, unha vez vido embaixo o valo de Berlín, abandonados os meus afáns políticos que, por outra parte, non serviron non sei se de nada ou pra nada, me vin vivir eiquí onde o fago e tan contente.

Agora unha guerra que din distante e que a min se me antolla próxima ven de tornar convulso o mundo no que vivo. Tamén pode que veña a nos poñer de acordo a todos en extremos fundamentais, eses extremos que nos levan a considerar o posible e real enfrontado ó irreal e utópico.

Dicía o de Loyola, santo da Igrexa Católica e tan papista, tanto, que mesmo por se non chegaba con un fixo xurdir a figura do chamado papa negro, dicía, que en tempos de tribulación convén non facer mudanza. Convén? Convén realmente? Pois non estou seguro, por exemplo: entre monarquía e república, algo sobre ó que ó parecer sempre hai que optar, eu quédome con democracia; entre esquerdas e dereitas eu quédome de novo con democracia e que cada quen pense, fale ou faga o que considere sempre sen lle faltar ó respecto ós outros.

Sigo? Pois si, sigo. Entre o Celta e o Deportivo eu quédome co equipo rojillo que era como se lle chama ó Club Deportivo Ourense e que moito me fixo disfrutar no estadium do Couto. Estadium, si, porque tiña arredor del unha fermosa pista de atletismo e porque cando había partido podias escoitar aquelo de Carmiña berrou con Sindo na carballeira de embaixo porque lle quitou un toxo que levaba no refaixo. Pois iso, máis refaixos, menos toxos, máis carballeiras e menos eucaliptais e menos guerras.

Te puede interesar