Opinión

O lacazán do gato democrático

Desenganémonos. Non hai solución. Mentres os partidos políticos sigan a disfrutar do poder case omnímodo que lle concede non tanto a Constitución como concretos e determinados artigos dela, isto non vai cambiar. Xa poden vir os políticos máis entregados e honestos procedentes da cidadanía que, ó longo do exercicio do poder e levados da estrutura legal que condiciona e determina as súas actividades, han ir incorrendo en todas e en cada unha das sevicias, dos malos tratos que imposibilitan a vida en común, ás que os dirixentes actuais xa non teñen practicamente acostumados.

Ningún deputado, é dicir, practicamente ningún deputado, agás uns cantos e significados que en determinadas e concretas situacións desafiaron a disciplina de voto, vai votar nunca en contra da decisión das tetrarquías que determinan os intereses partidarios por diante dos da cidadanía. 

Cada deputado sabe moi ben o poder case que omnímodo do seu secretario xeral e que del depende, chegada a hora da renovación do seu "contrato", a súa continuidade ou non no escano que lle outorgaron non os electores -que como norma xeral descoñecen o seu nome e non teñen noticia das súas actividades- senón a súa presenza nunhas listas que aproba esa tetrarquía de acordo cos seus intereses, as súas conveniencias e as súas preferencias de cada momento. Non parece crible que as bases do Partido Popular decidisen a presenza da señora Álvarez de Toledo na lista presentada e sospéitase como segura a posibilidade de que saíse deputada no caso de formar parte dunha lista aberta á opinión do electorado.

A quen rende contas un deputado? Ós seus electores? Non parece probable. Nin estes coñecen ós deputados, nín os deputados os coñecen a eles. Hai casos, moi escasos, nos que si; claro que si, pero a porcentaxe é tan ínfima que causa rubor o mero feito de pensar en calculala. Resultado? Os deputados, ós que Víctor Márquez Reviriego acertadamente cualificou como "culiparlantes", están pendentes de que un dos da tetrarquía ou da triada capitalina correspondente, porque non teñen porque ser catro e abondan con tres nalgúns casos, erga o brazo e sinale con un, con dous ou con tres dedos, o sentido do voto do seu grupo: un si, dous non, tres abstención.

Por suposto que a redacción pode ser algo caricaturesca, pero en xeral así é e así se conta. É sabido que hai comités xerais, federais e consellos directivos desto e máis do outro ou toda canta variante semántica se non ocorra a este respecto. E hainos, é verdade; e ocasións hai nas que un secretario xeral pode saltar polos aires e outras ocasión se producen nas que outro varre con todo canto vestixio reste da executiva anterior e mesmo proclame que o seu é un partido novo, que nada ten que ver co do seu antecesor e que eiquí paz e despois gloria; ou sexa, que non queda nin un dos anteriores por moito que os anteriores o desexasen ou por moita que fose a súa valía ou as preferencias dos seus votantes.

Resultado? Os deputados non renden conta ós seus electores, cuxos intereses nin consideran, senón ós seus intereses partidarios e estes veñen determinados polas cúpulas partidarias. Deste xeito o que ven sendo normal e habitual noutras democracias -que un deputado de esquerdas vote coa dereita en determinado asunto ou que un de dereita o faga coa esquerda noutro e concreto- non sorprende a ninguén porque o está a facer seguindo as directrices que lle marcan os electores da súa circunscrición electoral cuxos intereses coñece perfectamente por estar en continuo contacto cos quen lle outorgaron a súa confianza e han decidir a súa presenza no escano parlamentario nas eleccións seguintes.

E isto pode ser así? Pois naturalmente que si. Unha medida tomada pola dereita pode estar indicada nunha concreta zona e ser desafortunada noutras. O mesmo sucede con outra tomada pola esquerda que, en determinados lugares, pode virlle ben a un electorado de dereitas de xeito que ambas, aquela e máis esta, aplicadas no conxunto sexan beneficiosas prá cidadanía e en virtude delo sexa a cidadanía quen as rexeite ou que as acepte. 

A supresión da Lei de D'Hont, o establecemento dunha segunda volta electoral a delimitación de novas circunscricións electorais, a elaboración dunha nova lei de financiación dos partidos, a presentación de listas abertas, entre outras, serían medidas que contribuirían, sen dúbida, a evitar situacións tan penosas como esta que levamos meses e meses padecendo. evitando nas listas electorais toda canta presenza inxustificable estamos afeitos a contemplar ocupando nelas lugares preferentes.

O problema non é pequeno; por resumilo, todo estriba na resolución dunha pregunta, esta: quen lle pon o axóuxere a este gato democrático que cos anos se nos volveu lacazán e pouco murador? Hai anos, un hoxe practicamente irrecoñecible Felipe González, asegurou que non conta que o gato sexa branco ou negro, que o que conta e que o gato sexa murador, é dicir, que cace ratos e que non sexa nugallán. Seguimos nesas. Pensen os lectores que posiblemente ningún dos partidos actuais sexa quen de poñer ese cascabel ó gato, pero decidan cál de todos eles é o que ofrece máis garantías de abrir un camiño que nos leve a poñerllo nun futuro. Váiano pensado os e-lectores por se volvemos ter que votar á volta duns poucos meses.

Te puede interesar