Opinión

Leis con data de caducidade

Hai xa algúns días que lin unha algo máis que interesante e suxerinte entrevista. Foi feita a Marty Baron, o ex director do The Washington Post. Realizóuna Pablo Pardo. Unha vez máis, grazas a ela, puiden constatar a frecuencia coa que os demócratas norteamericanos, mesmo tamén os que non o son tanto... e quedan en republicanos, en republicanos demócratas; porque visto está que hai moitos deles que non o son; que non son demócratas en absoluto; ou máis ben, que o son pouco e moi defectuosamente. 

Grazas a ela puiden constatar, dicíalles, a frecuencia coa que os norteamericanos recorren ós que chaman Padres Fundadores, masóns non poucos deles: Fano pra se amparar dos desastres que o exercicio do poder pode desatar naqueles que o levan a cabo; naqueles que, máis que gobernar, mandan. Adoitan facelo limitando moitos dos privilexios que lles depara ós seres humanos o feito de vivir desfrutando baixo o amparo dunha Constitución que, no caso dos norteamericanos xa cumpriu os douscentos anos de vixencia e lles recoñece ámbitos de liberdade, de igualdade e mesmo de fraternidade inexistentes, en tal grao de aplicación, na maior parte de planeta... o que non quere dicir que sexan totais ou que non sexan desexablemente mellorables. 

Ese case sistemático recorrer dos norteamericanos ós seus Padres Fundadores, coa frecuencia coa que o fan, sempre me chamou moito a atención e me agradou sempre, convencido que estou de que sen tradición non hai cultura. Esa súa e tradicional costume de se amparar no dito, feito e escrito polos seus devanceiros, tan moderno e actual, logo de douscentos anos, encerra toda unha cultura, todo un xeito de interpretar o feito de vivir e abranguer o mundo. 

Cada vez que leo nun libro ou que escoito nunha película que alguén se acolle á primeira emenda, ou á quinta, tamén á segunda ou a que sexa, podo comprobar que onde falan papeis calan barbas. Está escrito. Entón hai algo en min que se me remexe na caixa das memorias, unhas veces, ou, malia que dicilo así poida resultar cursi en exceso, onde algo se me remexe é tamén no corazón; nese corazón no que o que latexa é ese indescritible afán de vivir en liberdade que alenta en todo ser humano. 

Cando xa levamos corenta anos vivindo en democracia acaso volva ser momento de nos preguntar porque nós non somos quen de recorrer ós nosos pais da patria, mencionándoos; porque non aludimos, citándoos, ós nosos deputados constituíntes, redactores que foron da nosa actual Constitución (a sexta dende a de 1812?) millores coñecedores dela ca ninguén, facéndoo en cada oportunidade na que necesitamos o amparo constitucional unha vez chegada a hora de expresar dende as nosas opinións ata as nosas necesidades vitais máis elementais. E quen di a eles, di ós discursos que pronunciaron e que aínda se recordan.

Falar de memoria encerra perigos evidentes. Nos Estados Unidos, tan cheos de eivas e atrancos, de problemas e inxustizas como as constatables en Europa, existe un chamada sunset clause que se lle engade a determinadas leis prás que se prevé a súa obsolescencia á volta de cinco, dez, quince ou vinte anos de xeito que, unha vez transcorrido o prazo previsto, a lei deberá ser novamente sometida a votación pois durante o tempo de aplicación dela, durante o seu tempo de vixencia, a sociedade previsiblemente teña evolucionado e sexa preciso reformala pra adaptala ós cambios realizados. Non citaremos ós nosos Pais da Patria porque, ó contrario dos ianquis, non se mantiveron modernos, nin eles nin as súas palabras? Ou non será porque a Constitución do 78, os seus preceptos, non todos pero si algúns, avellentaron máis do previsto ou do conveniente e haxa que adaptalos á nova realidade?

A nosa Constitución naceu ou comezou a xestarse nun contexto social no que os partidos políticos a penas existían e ían moi débiles postos a funcionar nunha nova realidade social na que a cidadanía reclamaba o multipartidismo, farta que xa estaba logo de corenta anos de partido único; razón esta pola que había que fortalecelos na medida do posible ó mesmo tempo que era igualmente imprescindible reconducir a influencia dos entón chamados poderes fácticos. Outros corenta anos despois resulta que se lles foi a man non fortalecemento das organizacións partidistas, que apareceron xa outras ou que foron peneiradas as entón existentes de xeito que haxa que reconducir o enorme poder acadado por todos elas e redefinindo de novo a existencia dos agora actuais poderes fácticos que xa non son exactamente os mesmos, na súa esencia, que os existentes hai corenta ou cincuenta anos.

Quizá sexa algo parecido a esta a necesidade dunha paulatina e repousada introdución de emendas ó vixente texto constitucional. Non hai que elaborar outra Constitución. Debemos crear dunha vez esa tradición constitucional, tan necesaria, mantendo practicamente igual o actual texto pero introducindo as reformas que o tempo ven reclamando; por exemplo, é de supoñer que a liberdade de expresión non poida ser contemplada do mesmo xeito hoxe que hai corenta ou cincuenta anos, cando aínda non apareceran as redes sociais, nin os teléfonos móbiles, que nos permiten coñecer en tempo real e instantaneamente as opinións que suscitan os discursos políticos ou as entrevistas feitas ós máis altos dignitarios; opinións expresadas con toda canta vehemencia e falta de reflexión, con tanta espontaneidade como a que xurdiría de xeito inevitable de se ter tomado un tempo antes de, dito sexa con absoluta liberalidade, botar a boca a pastar. Sómente tendo procedido de tal xeito se pode comprender a vixencia, tamén o vigor, dunha Constitución que xa cumpriu os seus dous centos de anos de vida. Posiblemente actuando de modo semellante se cree unha tradición xeradora desa cultura que tanto se bota en falla cada vez que se contempla a paisaxe política actual e que, mirando pra atrás, se observa a inutilidade de tantas constitucións anteriores.

Te puede interesar