Opinión

As lexislaturas tamén caducan

Vivín os trinta primeiros anos da miña baixo un réxime ditatorial. Logo, consoleime a miúdo dun xeito tan inxenuo que consistiu en pensar que si, que fora moi dura a ditadura, pero que co paso dos anos xa parecera unha ditabranda. Era unha ilusión coma a que, tras correr un mal tempo no mar, che fai pensar que ese tempo non foi tan malo como crías. Pero non fora así porque si fora certa a esperanza de que chegase algún día no que puidese expresar en liberdade como pensaba, a quen e como lle rezaba, de me reunir con quen me petase ou de poder ir onde a curiosidade me levara sen ter necesidade de requirir un pasaporte pra, por exemplo, ir a embarcar a un porto lonxano sen chegar a poder facelo porque o pasaporte me fora negado durante meses nos que tódolos días tiña que ir a comisaría pra ver se xa estaba listo. Pero está claro que cando un corre un mal tempo chega o día no que non quere recordalo e se ocupa en desfrutar do bo.

Ese día chegou. Cando o fixo xa subira eu a bordo doutros barcos e mesmo abandonara non a miña paixón polo mar, tampouco o meu desexo de cumprila, pero si a posibilidade de facelo. Daquela xa so era profesor, algo que na vella Roma era ocupación propia de escravos. Dende entón levo vivido e acumulado experiencias, vivín días felices e días de esperanzas, unhas veces, baixo uns gobernos; outras, baixo outros. Tamén días aciagos e grises cos que xa non contaba esquecéndome de que a historia é sempre a mesma historia, de que ninguén escarmentou nunca en cabeza allea e de que cada xeración sempre ten un Mediterráneo por descubrir e tamén de que nunca choveu que non escampara. Non sei que tal tempo fará hoxe. Pero o mesmo non é todo o bo que eu quixera. Cando isto escribín, o sábado pola tardiña, descoñecía o clima que nos ha envolver nesta lexislatura. Non tiña nin sequera prognóstico algún do tempo que viviremos a partires das eleccións vividas o domingo.

 Mariano Rawicz un tipógrafo polaco de Lwów escribiu que unha persoa nacida na súa cidade no 1914 e que non se movera dela durante trinta anos, tería desfrutado, durante todo ese tempo, non menos de oito cambios de nacionalidade. Imaxínano? E nós laiándonos con que se hoxe un partido e mañá outro, con que se onte unha bandeira e outra hoxe, mentres ese home de trinta anos descrito polo tipógrafo cambiou do yidish, ó polaco, do polaco ó alemán, do alemán igual tamén o ruso, eu que sei se tamén tería que cambiar de deus ou non tivo máis remedio que adorar a Stalín. Pasara o que pasara o domingo electoral a democracia permite sempre máis esperanza e isto é algo que non deben esquecer nin vencidos nin vencedores pois as lexislaturas teñen data de caducidade. Son as ditaduras as que, pese a selo, carecen dela a nosa morreu con Franco, outras hai que sobreviven ós seus líderes.

Te puede interesar