Opinión

O libro de Géraldine Schwarz

Nunca antes escoitara eu falar de Géraldine Schwarz. Agora acabo de ler unha entrevista que lle fixo Marc Bassets. Geraldine é o que antes, dito coa millor intención, se chamaba un misto; é dicir un cruce de xílgaro e canario que canta, como o lector ben sabe ou debería saber,con moita sabedoría e tino. E tamén con moita precisión.

Géraldine Schwarz ven de publicar en Tusquets un libro titulado “Los amnésicos. Historia dunha familia europea” que me prometo ler tan axiña como me deixen saír de onde estou. Trátase, según afirma Bassets,  dunha mestura de ensaio e reportaxe, de memoria familiar e tamén, ó tempo, dunha “memoria do presente” na que a autora investiga e describe un entorno familiar traumático no que conta cun avó que representa o prototipo dun Mitläufer; ou sexa, dun tipo de persoas que se adheriron ó nazismo non por estar convencidas en absoluto  senón mesmo por acomodación. Ou por comodidade. Pola súa parte a súa avoa é unha Mitläuferin, o seu equivalente feminino, que chega á ofuscación, obnubilada que queda pola figura do Führer ata acabar por se suicidar alá polo ano 1980. A máis dun lector halle recordar algo.

Un Mitläufer, unha Mitläuferin, veñen sendo unha especie de persoas, según a neta destes dous,  que por ofuscación, por indiferenza, por apatía ou mesmo por acomodación e conformismo acaban convertidos en cómplices de prácticas criminais. Schwarz quere mostrarnos, co seu libro, que o que está na orixe dos peores crimes da humanidade é a indiferenza  máis ca ningunha outra cousa. 

Según ela os verdugos, os torturadores, os asasinos, os perseguidores son sempre poucos; pero en cambio os Mitläufer, os que se acomodan e consolidan ás realidades vixentes derivadas son sempre multitudes. Non sei porque me estou a acordar de Hanna Arent e da banalidade do mal.

Teño que ler este libro. Géraldine Schwarz teima nel na necesidade que teñen as democracias, pra que poidan funcionar debidamente, de que as persoas, de que os cidadáns se decaten de que teñen responsabilidades, de que se deben comprometer e participar na sociedade civil ó tempo que amosar unha capacidade de discernimento que non admita que lle dean todo feito, que ninguén lle regurxite alimento ideolóxico ou espiritual debida e previamente dixerido porque a Historia pode axudarnos a identificar os métodos dos demagogos de hoxe que son como os de hai un século e iso é algo (por discutir) que según ela non sucedía antes. Seguro que ela pensa en Hitler e Mussolini e o di referíndose a Orban e a Salvini, denunciando de paso os seus métodos. Se é así como o prentede faino simplificándonos moito o camiño prá identificación daqueles que entre nós andan a facer o mesmo. Que os hai, de certo que os hai.

A entrevista non ten desperdicio. Referíndose ó seu avó francés, pertencente á gendarmería baixo o goberno de Vichy di, que en tal sentido, tamén era un Mitläufer. Pero que, a diferenza do seu pai -que soubo e quixo enfrontarse á realidade do seu, é dicir, do seu avó- a súa nai pouco ou nada sabe, ou quere saber, do goberno antisemita e autoritario do seu país; dun seu goberno que tanto colaborou co de Berlín, e dun pobo, o seu, que leva décadas facendo recaer nas elites a responsabilidade do sucedido, o que explica tantas cousas e tamén nos debe servir a nós de reflexión. Por algo o digo. 

Sírvannos de exemplo que, mentres Francia enteira dispón de placas e de monumentos que recordan a memoria de quen morreron loitando contra o nazismo, o silencio dos nomes dese cento e pico de galegos mortos nos campos de exterminio nazi acaban de ser aínda recentemente coñecidos. Sírvannos de exemplo os ocultos nomes dos asasinos daqueles cuxos corpos aínda permanecen nas cunetas -dun e doutro bando do noso enfrontamento civil- e válanos a todos a reflexión a cerca das nosas propias actitudes diante do afloramento de vellas tendencias e razoamentos como os que ultimamente estamos vendo agromar. 

Cánto asasino potencial mediría os seus ímpetos no caso de que o seu nome podería chegar a avergonzar ós seus netos? Cánto denunciante falso se limitaría pola mesma razón? Canto Mitläufer pensaría a conveniencia de selo coñecendo todo canto coa súa presenza, mesmo co seu silencio habería estar amparando? O exercicio da cidadanía é complicado, ninguén dixo xamais que fose cómodo. Sen embargo a conveniencia de convivir harmónica e apaciblemente é necesaria. O malo é que é propia tan só de espíritos fortes e poderosos, e non todos o son ou lles aprenderon a selo. Que pensen por un é cómodo, pero nada máis ca iso e, ó longo do tempo, xa sabemos porque nolo día  Historia o quen acaba sucedendo. 

Así que intentemos ler a reflexión que nos propón Géraldine Schwarz. Nela é doado que todos atopemos agochado dentro nosa un Mitläufer, unha Mitläuferin, ou algo que se lle poida asemellar. É así, malia que pretendamos ignoralo, como se nos poden vir enriba os tempos que nos agardan pola proa. Convén que esteamos avisados. A vida segue e nunca espera.

Te puede interesar