Opinión

De Lichtenberg aos sobridos marinos

Lichtenberg debeu ser un tipo ben curioso; a min parécemo. Quizás por iso boto man tan a miúdo dos seus aforismos que conservo nun libro, editado que foi por Juan del Solar. Iso non quere dicir que eu sexa un tipo culto. Se acaso algo e moi oportunamente lido. Iso si. Todo é cuestión de ter unha boa biblioteca, tempo pra ler e certa misantropía que te reteña na casa alleo, cando menos nunha prudente medida, a todo canto suceda fóra dela. 

Ler en soidade é algo que está moi ben. Pero non toda soidade é boa ó efecto que eiquí se proclama. Cando eu andei ó mar, cando eu navegaba e de paso estudaba os cursos comúns de Filosofía e Letras, lin tamén moito. A máis de comer e durmir, que fas a bordo logo das oito horas de garda no ponte do barco? Ler, meus reis, ler. E moito. O que sucede é que alí les distinto de como o fas en terra; por exemplo: en segundo de comúns era preceptivo ler "La rebelión de las masas", o entón e espero que aínda hoxe famoso libro de Ortega y Gasset.

Logo de tantos anos, estou convencido de que, en segundo de carreira, aprobei Filosofía porque me examinou (por libre) Don Marcelino Jimenez, deixounos manexar o libro de texto, pedinlle a un bedel que mo fose mercar e respondín ás cuestións consultándoo de seguido. Non se crean. Aprobounos a moi poucos.

Recordo isto porque se me chega preguntar algo sobre os contidos do libro de Ortega o máis probable é que me tivera suspendido. Tiña as páxinas do libro cheas de anotacións á marxe, de opinións e de reflexión que a súa lectura me fora suxerindo e, pasados uns anos, xa en terra, déume por botar man do puñeteiro libro levado da curiosidade por ver que sensacións espertaba en min a súa relectura.

Xúrolles que non entendín ningunha, ou case que ningunha das reflexións que fora anotando nas marxes. Que caragho tería entendido eu ó ler na soidade dun camarote ou na cuberta de botes se viña bo tempo e a temperatura era amena é un misterio que morrerei sen resolver. A soidade é boa pra ler, pero non o é tanto algunha soidade tal como a náutica porque nela o universo é outro.

Todo isto viña a conto de Lichtenberg que considerou de "república de bribóns" ós a penas independizados EEUU. O caso é que Herr Georg Christoph era amigo persoal de Xurxo III de Inglaterra e seica non se levaba mal con Johann Joseph Gassner  un relixioso austríaco que exorcizaba demos e receitaba pócemas  máis milagreiras que un trisaxio e una ola de aceite de oliva ofrecidos a San Bieito de Lérez.

Obsta o anterior pra que se me reproche que acuda a el de cando en vez? Pra algunha xente parece ser que si, como se a súa entidade persoal lle impedise ser razoable cada vez que abrise a boca. Mal andamos cando así nos comportamos. Lichtenberg que é tanto como dicir "monte luminoso" non viu minguada a súa luminosidade nin pola súa opción monárquica, nin sequera polo seu propio carácter. Pra deostar a alguén non é abondo con recorrer á súa maneira de entender ó mundo a fin de poder desbotalo se non concorda coa nosa propia visión. Haberá que xulgalo polos seus feitos, digo eu.  

 Miren todo canto deu de si un pequeno reproche feito por un vello amigo; de entrada, valeu pra que dese co significado da palabra lichtenberg, eu que non sei unha papa de alemán e pra que logo me puxera a remexer nos dicionarios pra ver se daba co termo "sobrido".

Un sobrido, en galego, é o que agora se chama unha vaga de mar fantasma, unha enorme masa de auga que xurde non se sabe onde, nin como nin por que, que pode chegar a ter ata trinta metros de alto e que, repito, non se sabe de onde saíu, pero que como colla un barco a xeito da cabo del en nada. Cando eu fun mariño ese sobrido viña as veces logo de que o fixeran as chamadas Tres Marías, que tampouco non eran nada pequenas; chegaba despois delas, en calquera momento, ou non, pero se chegaba tíñache que coller prevenido.

Levo buscado a palabra en varios dicionarios e non ven en ningún dos por min consultados, nin no da RAG nin no de Xerais, madía leva, pero hai un pedazo din con ela no de Don Eladio Rodríguez. Ouh!, aquel galego que se falaba antes e que xa non se fala agora! Di textualmente o dicionario que eu máis lles recomendo: "Violencia del mar en las grandes marejadas". O idioma é o que é: "sobrio" é moderado; "sobro" é o que sobra: "Aínda quedou polbo sobro a rebabar", reseña Don Eladio. Ó millor o sobrido e a vaga de mar que sobra, a sobrante. Vai ti saber.

En fin, fíxense ata onde nos trouxeron Lichtenberg, as lecturas en soidade, as distintas e as oceánicas soidades, es mailas vagas de mar que, xúrollo, non están exentas dunha magnifica, dunha grandiosa ó tempo que terrible fermosura.

Te puede interesar