Opinión

Linguas que son sentimento

Veño de ler un libro que lles recomendo. Títulase "Háblame de ti. Carta a Matilda"; editouno "Salamadra", non hai nada, e foi escrito por Andrea Camilleri. Agasalloume con el o meu máis recente editor, Alexandre Diéguez, que nin tirou cos seus cartos ó publicalo nin o fixo co meu traballo; o que explica que eses meus "Homes de ferro" estean a navegar co vento en popa.

Trátase dun libro delicioso, o de Camilleri. Sendo este xa de obra de noventa e dous anos, escríbelle a unha súa bisneta, de tan só catro, contándolle a súa vida pois da por sentado, e razón non lle faltaba, que non ha vivir abondo como pra lla contar cando ela sexa maior; de feito, morreu dous anos despois, no pasado 2019.

Confeso que non lera moitas novelas de Camilleri, tan só dúas ou tres, acaso catro, pero non máis. Desacougábame o feito de falar dun dos subordinados do comisario Montalbano pois, nas traducións ó español, o fai con incorrecións léxicas propias da avoa da Familia Ulises, aquela cuxas vicisitudes léxicas semanais aparecían na contracapa do vello TBO, asinadas por Benejam, o que non lle dirá nada ós escasos lectores mozos pero si ós da miña quinta... eses que cada vez imos sendo menos, madía leva.

A avoa Ulises, dito sexa a modo de exemplo, podía dicir "o balde dos desprestixios" en troques "dos desperdicios" e cousas así que son as que o tradutor español pon en boca de Cantarella, un subordinado do Comisario Montalbano, cando na realidade o que Cantarella fai é falar en siciliano que ven sendo algo moi distinto.

Non lles vou falar deste libro epistolar, escrito a modo de memorias, máis que autobiográfico, que tamén o é, porque é preferible que o descubran vostedes; que sexan vostedes quen recorran as súas liñas entrañables e descubran a dimensión dun escritor que foi persoa por riba de calquera outra consideración de xeito que a sospeita de que un autor estea sempre por riba ou por baixo da súa obra literaria non teña excesivo sentido neste caso.

Sen embargo, a propósito desta singularidade da tradución ó español da obra do autor siciliano, si quero recordar algo do que acabo de ler nesta tarde xaneiro, fría e algo ventada, na que veño de descubrir que as camelias xa floreceron e que, un dos árbores delas dos que teño, contemplado desde eiquí, desde onde lles escribo, a esta hora do serán no que xa se achega o lusco e fusco, calquera diría del que estivese nevado.

Recolle Camilleri unha reflexión de Pirandello, que algúns quererán afirmación, cando a mín tan só se me ofrece suxerencia, na que di o seguinte: "Co italiano expresase o concepto de algo determinado, mentres que co siciliano o que se expresa é o sentimento". Teima Camilleri de contado afirmando que cando se quere formalizar unha situación, distanciándoa de tal xeito de todo sentimento, se bota man do italiano; en troques, pra toda moción de afecto, cando o que se quere é buscar a intimidade facendo máis penetrantes as palabras, se recorre sempre ó siciliano. 

Cando lin o que acabo de transcribirlle véuseme á cabeza a resposta que non lle souben dar a unha amiga que hai nada, e cariñosamente, me reprochou que agora a penas escriba un artigo en castelán e o estea a facer sempre en galego. Cando así fun interpelado encollinme de ombreiros, tal e como adoitaba facer a miña defunta avoa Rexina, puxen cara de escéptico e non lle dixen nada. En realidade é que non están os tempos pra moitas desercións máis da nosa lingua primeira, cando menos cronoloxicamente considerada. O que ignoro é se esta resposta lle tería valido de algo á miña amiga. A verdade é que me gustaría que a entendera e aceptase.

Entronca isto coa lectura da valoración que a última aportación de Ramón Villares lle propiciou a un crítico de La Vanguardia logo de ter lido "Galicia, una nación entre dos mundos" na que o noso historiador fala dunha nación cultural cunha forte identidade propia e diferenciada, afirmación ou consideración, o que queiran, coa que non se pode menos que estar de acordo e se alegrar por elo.

Confeso que case que iso mesmiño llo oín dicir eu, non en público, claro, ó mesmo Felipe González que hoxe anda por onde anda e se expresa como se expresa. Agora procurarei ler o libro de Villares. Non deixaría de ter graza que, logo de non poucas discrepancias, agora coincidísemos en algo. Valeranos a disquisición de Pirandello pra aplicalas ó noso uso do galego e do español? Ata é posible que si. Cando menos se nos referenciamos con Sicilia que, polo que eu sei, non ten nin visos de concretar en expresión política as súas fortes señas de identidade.

Quizás Sicilia fose menor fonte de emigrantes da que leva sido ó longo da súa historia máis recente se esa concreción política lle tivera dado os azos, a forza que a súa ausencia lle restou. Dito doutro xeito, Euskadi tería o nivel de vida do que disfruta e Cataluña mantería a súa forteza económica de non ter acadado o nivel de confrontación política coa política central que ambas conqueriron.

E nós? Nós estariamos como xa estamos, por embaixo dos dous millóns setecentos mil habitantes e padecendo o que estamos padecendo? Que cadaquén se responda en conciencia. Por si lles vale de algo eu estou convencido de que non; máis aínda, se non nos houberamos botado á rúa como nos botamos os galegos daquela do "agravio comparativo" hoxe nin o Estatuto que temos o teriamos. Quere isto dicir algo? Pois si, quere dicir que xa nos vai chegando a hora. Nuns meses eleccións. Oxalá sirvan pra que, entre todos, esquerdas e dereitas, sexamos quen de acadar ese impulso do que carecemos porque de certo que empezariamos a vivir millor.

Te puede interesar