Opinión

Unha linguaxe que desvirtúa e confunde

Resulta ilustrativo, diríase que moi ilustrativo, contemplar as cualificacións coas que, unhas forzas políticas, pretenden descualificar ás de signo contrario. A linguaxe, máis a linguaxe política, ten estas cousas. Sucede así dende o xusto instante no que a profesión dunha fe política convertese precisamente niso: nunha fe, nunha cuestión de fe, nunha crenza, máis que nun método de análise da realidade; unha ferramenta de análise que propicie un conxunto de ideas que redunden en beneficio da cidadanía.

Acaso a causa do que se di proveña da consideración de que os valores morais, os valores éticos de todos nós, é dicir, eses valores nos que con maior ou menor intensidade nos movemos todos, son os que deben mover tamén ós políticos. Moito me temo que iso non sexa exactamente así. O sistema político de valores morais e con eles o da ética política, localizase nunhas coordenadas que non son exactamente as que abranguen á maioría da xente. Faino de xeito tal que a linguaxe na que se instala a práctica política resulta ilustrativa.

A risco de suxerir realidades dun xeito demasiado simple é posible que, ó facelo, esteamos nun deses momentos nos que as palabras comezan ter valores que nos confunden; por exemplo coa utilización da “superioridade moral” dunhas forzas con respecto a outras; é dicir que se acuse a unhas forzas de presumir a posesión desa superioridade moral que, en realidade, non lle pertence… ou iso acredita a historia. E volta a empezar. Por iso é importante, en momentos tales, observar de xeito por completo desapaixonado eses cualificativos ós que nos referíamos hai nada. Entón comezamos a constatar que a termos como vileza, como canalla, son aplicados á moralidade allea e que expresións tales como ilexitimación, aplicados á forza contraria se lles restregan a esta reclamando dese modo a autoridade moral que é mala no caso dela e que, polo tanto, resulta ser boa e adecuada no caso propio. Instalada unha sociedade en tal campo de xogo, todo comeza a se desvirtuar e a se confundir; sucede ó mesmo tempo que pode facer xurdir realidades que axuden ó deterioro da realidade democrática. 

Por iso sería bo que deixásemos de utilizar expresións como “vilmente asasinado” xunta con outras de semellante índole, e comecemos a valorar se, logo de corenta anos de exercicio democrático e de xa case que un século do comezo de tales expresións, este “exercicio” pode ser considerado tal cando baixo a responsabilidade duns e doutros por omisión, destes , e por comisión, daqueles, sigamos sendo o segundo país do planeta en posesión do triste récord de contar co maior número de foxas comúns; de foxas nas que aínda xacen miles de corpos carentes de respecto ningún por parte das autoridades políticas, duns e doutros signos, que a forza de buscar descualificativos que axuden a disputar a autoridade moral esquecen a posibilidade de entoar o necesario mea culpa colectivo de xeito que tal ignominia poida ser, por fin, cousa do pasado. A patria común é duns e doutros, posible se compartida a partires do respecto ós demais pois a autoridade moral gañase, pero non se nega nin se disputa. 

Te puede interesar