Opinión

Logo que pasen vinte anos

Levo trinta anos, dende febreiro do 1990, escribindo de xeito cotiá na prensa. Non fallei nin un día. Nin sequera unha vez que me tiveron en coma inducido deixei de cumprir coa miña cita. O segredo? Moi sinxelo: escribir por adiantado; ter un a xeito de TOC, de trastorno obsesivo compulsivo, que me leva a correr a escribir mantendo un ritmo da escrita descompasado do tempo e da realidade, posiblemente máis a miúdo do recomendable. 

Quizás se deba a elo a miña concepción da actualidade e así e pra min un artigo que trate dela, da actualidade, sexa aquel que se pode ler hoxe e logo de vinte anos porque mantén unha vixencia moi relacionada coa condición humana pois esta cambia pouco, ou nada, non co paso inexorable do tempo (que tamén é sempre o mesmo) senón de nós que si somos os que vivimos e pasamos e, senón exactamente nós, si os nosos corpos e maila nosa capacidade de comprensión porque o resto é inmutable.

Cada xeración ten que descubrir o Mediterráneo, cando non a pólvora que a anterior sempre llas transfire mollada esta e contaminado aquel de modo que non lles sexan entregados en perfectas condicións que eviten a nova epifanía. 

A pregunta de hoxe é como puidemos contaminar nós, a nosa xeración, o proceloso mar da democracia e cómo a forza de disparar con pólvora de El Rei tratándoa de calquera xeito acadamos ese desapego democrático de tanta xente moza coma que incrementou a espectacular subida electoral dun partido que, malia ocupar semánticamente eidos da linguaxe que non lle corresponden, ou sexa dun xeito impropio, dunha maneira improcedente, é agora e de momento a terceira forza política deste noso e desanxelado conxunto de realidades plurais que conforman o actualmente chamado Reino de España.

Os lectores avisados hanse decatar, eiquí chegados, de que ese meu TOC se fixo presente, unha vez máis, o día de San Martiño, que seguiu á noite electoral cando un pensamento deses chamados intrusivos andou a martelazos mentais repetíndome xa que non a pregunta, pois a entendín de contado, as posibles respostas que tal pregunta encerra. Que foi, xa que logo, o que non soubemos transmitirlles á xente nova e non a pequena parte de xente vella pra que procedesen como o fixeron? Posiblemente o que lle transmitiramos fora o medo que sempre causa a inseguridade cidadá e a inseguridade económica conxuntadas, acompañadas da práctica desaparición da clase media e dos privilexios que tal condición lles deparaba e, ó tempo, a indución da nosa mocidade máis e millor preparada a coller o camiño da emigración. Repasen a historia estudada no bacharelato, cando estas cousas eran de estudio obrigatorio. Verán que actuais son. E aínda algunhas outras máis.

Te puede interesar