Opinión

As loubanzas que corroen

Falando de non sei quen, acaso del mesmo, afirmaba Lichtenberg que unha rapaza, cento e medio de libros, uns cantos amigos e máis unha perspectiva de máis ou menos unha milla alemá de diámetro, iso era un mundo para el.

Non sei canto medía unha milla alemá do tempo de Lichtenberg, vai prós trescentos anos, pero sei que unha milla náutica son 1.952 metros; exactamente, un minuto de arco de meridiano terrestre, considerando un circulo de 360º, porque se pasamos á de 400º a cousa xa cambia. Isto das medidas e das horas legais, dos fusos horarios e doutras mandangas adoptadas, unhas por convenio, por narices outras, élles cousa cambiante e de moita marabilla. A milla romana, a millia passuum, éralles de 1481 metros; a hoxe coñecida como milla terrestre élles de 1610 metros e a milla alemá coido eu que por aí lle andará; é dicir, que os oito centos de metros de radio ó redor da casa e os cento cincuenta libros e uns poucos amigos, poden realmente constituír todo un mundo. Amén de que a rapaza, se o gusto vendo sendo ese, porque disque na variedade está o gusto e hoxe, xusto é dicilo, hailles moita variedade de xeito que a quen Deus lla dea San Pedro lla bendiga.

Como estes xa son outros tempos e Gutenberg, dun xeito ou doutro, segue sendo Gutenberg; libros, o que se di libros, teño algúns máis que os que tivo o amigo de Lichtenberg; non podo valorar o número de amigos, pero teño moitos e bos e dispoño non dunha milla alemá, pero si dalgún decámetro que outro polo meu redor e por iso sei que son un tipo afortunado; do da rapaza non falamos que xa non lles estou na idade.

Sen embargo debo expresar unha débeda de gratitude consecuencia da reflexión suscitada pola dedicatoria inicial coa que Camilo José Cela, non recordo exactamente en cal dos seus libros, agradecíalles ós seus inimigos o moito que lle tiñan aportado todo ó longo da súa carreira literaria. Razón non lle faltaba.

Nestes días, tan aciagos e tristes a causa da pandemia, deume por me poñer a escribir a propósito do literario como consecuencia da escrita doutro libro que Ézaro Edicións publicará cando isto amaine un pouco. O libro que xa ten Ézaro titulase “A propósito de Fraga” e de aí que me dera por me poñer a redactar a propósito da miña vida literaria, do meu oficio de escritor e das relacións que tal oficio me leva deparado todo ó longo do seu exercicio.

Ó facelo, o comezar a escribir este que tamén podería ser un capítulo dunhas memorias, memorias que, de non ser así, non escribiría de ningún outro xeito, fun máis consciente ca nunca do inmenso favor que me levan feito os amigos, pero tamén da non menos inmensa gratitude que lles debo ós que, sendo do bando contrario, foron sementando de atrancos e obstáculos varios o camiño recorrido ata hoxe. 

Non é que ignorasen, senón que seguramente o esqueceron, que nada hai máis corrosivo que a loubanza e o afalago; nada máis adormecedor que e eloxio. En cambio o pé posto no pescozo, a cambadela que che fai caer, calquera outra mangancha que te obrigue a pisar terra, obrígache tamén a levantarte con máis forza da que tiñas, a intentar superar o atranco traballando con máis fervor e maior paixón, se cabe; a saltar máis alto e superar o que de certo poda haber na crítica ou mesmo no insulto.

Cela que, contra toda sospeita ou afirmación en contrario, foi un home xeneroso e amigo dos seus amigos -malia que pra moitos pasara e pase por ser todo o contrario- non foi moi amigo de facer eloxios pois sabía da súa capacidade de destrución, ou senón de destrución si de corrosión. Estes días ando a ver que farei eu coa escrita na que me aventuro. 

Otero Pedrayo escribiu un “libro dos amigos” de moi amena e agradable lectura e máis dunha vez andei eu tentado de emulalo porque tamén eu dispuxen, e dispoño, de xente xenerosa ó meu carón e todo ó longo da miña vida. Pero non sei porque razón poñerme a escribir así podería derivar nun a xeito de obituario de moi difícil execución: élles sumamente complicado escribir facendo eloxios sen caer no volandismo. É moito máis doado falar mal que falar ben da xente e, a contención que tes que manter mentres estar a louvar a alguén, transformase en donidade no canto de poñela a caldo.

Quizás a solución estribe en non falar nin ben, nin mal, e si en contar o que pasou ou mesmo en como viviches eses momentos que relatas. Poñerse a facer este tipo de retratos cando a distancia que che falta pra chegar ós oitenta anos de idade é menor que a que te arreda dos setenta é certamente un desafío. No caso da escrita de “A propósito de Fraga”, que non se trata dunha biografía do finado, senón da miña relación con el, procurei ir dando as de cal ó tempo cas de area pois naquela personalidade súa e aínda que a alguns lles parecese o contrario cabían tódalas matizacións.

E mentres escribo axexo o meu redor eses poucos decámetros que me rodean, as árbores que os ocupan e trouxen de non poucas viaxes e sei que, como xa lles leva sucedido a varios, caerei vítima da propia continxencia do meu ser. Por iso procurei ser honesto botando man do rigor co que, por exemplo, escribín as miñas novelas históricas grazas ás que coñecín millor o meu país e as miñas xentes e ó millor algúns acaban por me aceptar de millor grado que o gastado ata eiquí. Ó millor non, claro.

Te puede interesar