Opinión

Mágoa non ser amigo de Kallifatides

Nestes días de forzado descanso os amigos estanme agasallando con libros. Trátase do millor regalo que se lle pode facer a un escritor, ou tal eu penso. O problema empeza ser, en realidade hai xa tempo que o é, onde puñetas poñelos unha vez lidos. Confeso que antes sabía en que lugar estaba cada un deles, ou cando menos os máis deles. Agora empezo a ter serias dificultades ó respecto. É coma se os libros colleran vida propia e buscaran acubillo alí onde lles pete. Tal actitude depara moitas alegrías. Perdes un deles de vista e reatópalo ó cabo dunhas semanas, ou duns días, no lugar máis insospeitado. O fas de xeito que volves á súa lectura como se o fixeras nunha recaída amorosa daquelas que tan ben se nos daban cando eramos novos.
Acaba de sucederme iso mesmo cun libro de Theodor Kallifatides, un grego que vive en Suecia, ó que un amigo lle dixo que "ninguén debería escribir logo dos setenta e cinco anos". Chegado o escritor grego/sueco ós setenta e sete da súa idade, bloqueado como escritor dende había moito tempo, non sei se a causa do consello do seu amigo ou a causa de qué, decide regresar á súa Grecia natal por ver de comprobar se alí sería posible recobrar a perdida fluidez da súa linguaxe creativa.
Tal como empecei a ler o libro dábame a impresión de que si a recobrara. Avisado xa estaba de que o conseguira. Pra iso están as contracapas e mailas lapelas dos libros a disposición das ocorrencias das editoriais. Pra iso poñen ambas posibilidades nas mans dos seus directores editoriais, nuns casos, ou nas dos señores eses do marketing, tan dados a facer algún estrago ca outro con tal de nos convencer da bondade dun texto. O caso é que, logro de alegría inicial, aí teño o libro agardando a que pouse de novo a miña ollada cansa nas súas páxinas. 
Fáltanme uns meses, xa poucos, pra ser de obra deses setenta e cinco anos; é dicir, e cumprir a marxe que lle indicou a Kallifatides o cabrito dese seu amigo... e teño medo de que se cumpra o seu vaticinio. Este verao que acaba de rematar concluín unha novela e levo dende entón bloqueado sen ser quen de retomar a redacción doutra que tiña e teño case mediada. O que non sei é por que a teño así. É certo que as vacacións (hai que lles chamar dalgún xeito ós días pasado no CHUS) abondo fixeron consentindo con que seguira escribindo artigos. Agora que xa estou fóra fáiseme costa arriba ter algo que lle poder contar a vostedes. Deberei regresar á miña Ziralla natal, na que só vivín os tres primeiros meses da miña vida, pero na que se basea a miña memoria toda e se sostén iso que definen, os que saben destas cousas, coma o imaxinario do escritor? ou deberei esperar a ver se recupero os folgos pouco e pouco? Mágoa non ser amigo do grego pra lle poder preguntar polo que pensa destas miñas lideiras actuais. 

Te puede interesar