Opinión

Máis alá de nós

Ninguén o diría, pero sospeito que eiquí, entre nós, haxa moito silencio. Facemos pouco ruído. Que arda a casa, pero que non se vexa o fume. Tal parece ser a consigna que nos transmitiron, non sei se na nenez ou si mesmo nos xenes. Somos calados, padecemos a ditadura do sentidiño que case que sempre é un a xeito de bocado equino que nos frea e silencia. 

Sabemos a cantidade de choiva que nos cae enriba e temos ducias de nomes pra distinguilas unhas doutras; somos grandes produtores de neboeiras, coñecemos como se nos entablan os ventos e os chamamos con nomes que tan só nos coñecemos, mentres apampamos contemplado a fermosura das nubes que tran con eles ou que con eles os ventos levan; cada anaco de terra tiña un nome e aínda o ten, pero xa a penas os pronunciamos. Pódenos o silencio da terra, ensimísmanos.

Non sei se é que pensamos moito e actuamos pouco. Tamén ignoro si é que non pensamos nada e nos limitamos a sentir esa falsa suavidade, esa dozura mentirana que se amosa enriba do verdor que nos recobre e se agacha embaixo del nesa pura pedra de grao que é a que nos sostén e nos engana.

Pensamos pouco, ou iso penso eu que, é certo, ás veces son un cismante e o son en demasía e inda por riba algo atravesado Pero o certo é que sospeito que, con todo, acaso teñamos moitos profesores de filosofía e moi pouquiños filósofos. Será que a nosa cultura, o que nós entendemos por ela, é moi profesoral e libresca, moi de aprender a lección e máis nada?

Pensaba Thoreau que a maioría dos seres humanos levan unha vida de calada desesperación. Será esa a nosa condición, ela a que xenera a nosa desesperanza e, con ela, o noso mansedume? Confeso que non o sei, por moito que non deixo de preguntarmo.

Afirmaba tamén Thoreau, fíxoo alá polo 1854 estando ó pe da lagoa de Walden, que convén que ós anciáns nos dean, nos devolvan ou de novo nos enfronten os nosos e incumpridos vellos retos en tanto que ós mozos se lle deban ofrecer retos novos. 

A pouca memoria que teñamos, os vellos podemos recordar os nosos vellos retos poñendo a unha beira os conquistados e a outra os por conquistar. Ouh, se tiveramos a intelixencia de discernir cales deles, dos por aínda conquistar, poderían ofrecérselles anovados ós máis mozos! Ó millor espertábamos do soño no que non se sabe que deus nos entregou, pero acaso fose Breogán, ó nos entreter na convicción de seren bos e xenerosos, mentres os outros eran imbéciles e escuros, pero non parvos, algo que esquecemos e non volvemos ter en conta, que van ser parvos, pra nos manter envoltos en mestos neboeiros cando non en bategadas de auga, tan intensas, que acaban sempre por cegarnos e non nos deixar ver moito máis alá de nós. Se foramos quen de facer iso ó millor acadabamos a ira dos mansos, da que avisou Unamuno ó se referir a nós, ós "gallegos de lluvia y calma" como sinalou Miguel Hernández, poeta.

Te puede interesar