Opinión

A maquiniña tomoume o pelo

A miña filla pequena, vivindo no estranxeiro -no de fóra, que diría o finado do seu avó paterno- foi pagar unhas taxas nunha xaneliña das dependencias dunha administración pública. Ó lle dar a volta, o montante total do que lle entregaban era superior ó que lle correspondía. De contado, fíxollo saber así ó servidor público. Respondeulle este que non, que estaba ben e que o importe era o correcto porque, non sei en que data anterior, explicoulle, cobraranlle en exceso un importe que non lle correspondía, razón esta pola que agora e sen máis llo devolvían cos intereses correspondentes. 

Pode (e debe) considerarse que un país funciona cando os servizos públicos proceden de tal xeito. Cando a propia administración, o mesmo as empresas que prestan servizos públicos, corrixen os seus erros procedendo así, sen necesidade de que haxa que establecer contenciosos de ningún tipo que axuden a desangrar, aínda máis, ó habitualmente exhausto contribuínte.

Foi o pasado mércores de cinza cando estas liñas foron escritas, confeso que con non pouco cabreo pola miña parte. A altura da miña escrita levaba xa un par de días sen conexión a Internet e sen ela, sen conexión, da liña do teléfono fixo; algo que nas circunstancias actuais pode significar unha complicación certa; por exemplo, como descargar as facturas de libros enviadas polo meu libreiro pra facer a declaración trimestral do IVE? Como poder enviar esa declaración á xestoría que se encarga deses meus asuntos? Como pasarlle os artigos ós xornais que os publican e me abonan relixiosamente os cartiños imprescindibles pra poder chegar a fin de mes? 

Se non podo descargar as facturas non as podo imprimir e o feito de desprazarme trinta quilómetros, ida e volta, ata á xestoría contravindo o confinamento certeiramente imposto pola autoridade gobernativa, antolláseme un despropósito; ou sexa, que me vou retrasar e vou ter que pagar por elo. Pagaranme os xornais os artigos que non lles envíe? Antes era posible ditalos por teléfono, pero agora xa non hai xente quen de copialos ó pé da letra e de contado sen que tal empeño poida levar horas. Se de acordo co dito non dou chegado a fin de mes terei que pedir cartos no banco, deixaranmos sen intereses? Sigo? O tempo que levo sen servizo vaino descontar Movistar no seu ineludible cobro mensual? Xa non quero imaxinar se me indemnizará por elo. Os tempos que vivimos liberaríaos de tal empeño.

O luns chamei ó 1004 por primeira vez. Atendeume unha señorita moi amable. Pero antes dela saíu a voz dunha maquiniña automática que me formulou varias preguntas; preguntas ás que respondín con idéntico laconismo que o dela; ou sexa, premendo botóns numéricos uns tras doutros. Ata aí ben. Entre as preguntas figurou a de se quería ser atendido en galego ou en castelán. Respondín que en galego.

Non o tomen por patriotismo galaico, non lles son moi patriota de nada e non me emocionaron nunca as bandeiras, nin flameando ó vento, nin abatidas en calma. Entre outras razóns, dáse o feito de que adoito somos menos os que pedimos ser atendidos en galego (vostedes saberán por que) de xeito que os que nos atenden teñen menos apuro e soluciónanche os teus problemas máis axiña e eficazmente que os que o fan en castelán. Pois ben, cada vez que levo repetindo chamadas dende que fixen a primeira, e non son poucas, chegado o momento final a voceciña advírteme de que a miña chamada ha ser respondida en castelán. Ou sexa, a amable maquiniña estivo tomándome o pelo educadamente durante todo o tempo. Por que e pra que? Pasados estes trámites de ineludible relación coa maquiniña ilustrada, seguín premendo botóns cada unha das veces nas que me foi así indicado ata que, punto final, a maquiniña, de novo dun xeito moi educado e cortés, cancelou a comunicación avisándome de que a miña reclamación de avaría quedara debidamente reiterada.

Como lles dixen, escribo sendo a mediodía do mércores de cinza. Tal e como me dixo que sucedería a primeira e amable señorita coa que falei a primeira vez, eiquí na miña casa aínda non apareceu ninguén a arranxar o meu problema, prestando así o servizo que pago relixiosamente mes tras mes; nin recibín explicación ningunha que xustificase a ausencia desa prestación. Hoxe é mércores de cinza; mañá xoves... santo; pasado venres... santo; logo sábado e domingo de Pascua. Antes do luns non vou ter conexión de Internet. As grandes compañías saben moi ben que os usuarios non nos imos meter en preitos dos que poidamos saír escaldados e mesmo nalgúns casos pagando unhas costas que non poderemos afrontar. E abusan delo. 

Non sei hoxe, pero durante moitos anos a maior e máis cómoda obtención de beneficios da banca española consistía no cobro de comisións ilegais polas que ninguén soia protestar. Se alguén o facía, abonábanllas de contado. Pero sabían que a inmensa maioría da xente non o faría nunca. Que eu saiba nunca ningún fiscal actuou de oficio. Un país nunca pode funcionar ben se o fai así. As compañías telefónicas, que prestan un servizo público fundamental, falando en xeral, abusan dos seus usuarios á marxe da ética e mesmo das disposicións legais sen que a cousa teña visos de se arranxar en calquera ano dos vindeiros. 

O presidente portugués, o seu xefe de Estado, non o presidente do seu goberno, acaba de dicir dende a tribuna pública que este é un bo momento pra que a banca lusa, nada ilusa, devolva o diñeiro que lle prestou a cidadanía na pasada crise. Imaxínanse os lectores que algo así puidese suceder por estes nosos pagos? A oposición parlamentaria portuguesa, puidémolo ver tamén grazas ós nosos televisores, desexoulle ó poder executivo de Antonio Costa, forza, coraxe e sorte porque o que el faga ha ser bo pra todos os portugueses, oposición política incluída. Imaxínanse vostedes á nosa oposición facendo o mesmo?

Un país funciona cando as súas institucións, públicas e privadas, todas, comparten un paradigma ético e moral que dea pé a comportamentos tales que o sinalado inicialmente como acontecido á menor das miñas fillas ou este dos políticos portugueses. Mentres non deixemos de consagrar legalmente a impunidade dun cidadán por moi alta que sexa a súa maxistratura e fagamos o mesmo coa das empresas e corporacións públicas, por moi elevados que sexan os seus beneficios e suxerintes que resulten as portas xiratorias que se lle ofrezan ós que as serviron con fidelidade seguiremos pagando as contas os cidadáns de a pé. E así non haberá nunca xeito. 

Te puede interesar