Opinión

Matar é matar

Miguel Cancio é un deses exemplares humanos dos que, lamentablemente, cada vez van quedando menos. Comprometido politicamente nos tempos nos que facelo encerraba non poucas limitacións e podía deparar consecuencias non sempre gratas, profesor de socioloxía na alma mater compostelá, nudista militante pola praia do castro de Baroña, no mar de Noia, deveu agora en debelador de causas que a nosa sociedade rexeita e non recoñece ou non quere recoñecer coma propias pra ben unhas veces, pra mal outras.

Miguel Cancio vai ó seu, mentres o mundo se entulla nun puritanismo que fai que os ianquis do coronel Custer e do xenocidio indio retiren a estatua de Colón, ou que uns romanos ultracatólicos boten embaixo cinco ídolos amazónicos da Pachamama residentes na igrexa de Santa María Traspontina veciña do Vaticano. O mundo ándalles un pouco tolo ultimamente moito máis do que xa andou sempre. Calquera día deste ó meu amigo Ramón Loureiro, que debera ser nomeado cóengo honorario da catedral mindoniense, vanlle dar un susto por andar a mercar simboloxía pagán en San Andrés de Teixido. Ultras dun lado, ultras doutro, están axudando a elo. Abonda con decatarse de todo o "politicamente correcto" que nos invade e somete, pra comprender na súa integridade o que se comenta.

Pois ben, quizás como resultado dos tempos que vivimos, grazas a uns e a outros -non o esquezamos- o meu amigo Miguel Cancio láiase hai uns días de que ninguén dixera nada por conta do sucedido na República Centro Africana logo de que decapitaran a unha monxa burgalesa chamada Inés Nieves. Ten razón. Tamén a tivo Castellio cando lle recordou a Calvino que matar un home é matar un home. Matar unha muller é matar unha muller, o mesmo que matar a George Floyd, esganándolle o pescozo ó descansar o peso do corpo do asasino no xeonllo que previamente lle pousara na gorxa, impedíndolle respirar, é matar un ser humano con independencia de que George Floyd fose negro ou, no caso de Inés Nieves, de que esta fose monxa.

A brutalidade, a estulticia, a ignominia, a criminalidade. todo canto aquilo denigra e rebaixa a condición humana á condición de réptiles, deben concitar o noxo e a denuncia de todos con independencia do noso credo político, da nosa fe relixiosa, a cor da nosa pel ou a nosa nación de orixe. É curioso que, ó recordármonos dos nomes de Floyd e máis de Nieves, acordámonos do de Ghandi, cuxa estatua derribaron hai uns días por consideralo racista, ou do de Frei Junipero Serra, pero non os dos executores. Así que, dándolle a razón a Miguel Cancio, os que crean no deus de Inés que lle recen por ela e os que teñan conciencia que garden a súa memoria ou que espallen o seu nome pra que sirva de exemplo de entrega á causa xusta que normalmente é a da propia entrega ós máis desfavorecidos. Pero sería bo coñecer o dos seus verdugos pra poder maldicilos de contado... por si servise de algo.

Te puede interesar