Opinión

Memoria Histórica

Antonte logo de lles escribir a propósito de Roger Martín du Gard recorrín á Internet pra comprobar se escribira correctamente ó título da que pra min é a súa obra cimeira: "Les Thibault". Fixen ben. Escribiraa mal. Puxera os Tibault. Non lles hai como andar espabilado.

A conta deso detívenme a consultar o que a Internet tiña a ben ofrecerme, a saber: as frases célebres do autor francés tan celebrado. Espero que o entendan os lectores, fun afervoado lector da que pra min, unhas cantas liñas máis embaixo da primeira afirmación feita ó respecto, segue a ser a súa obra máxima. Leveime un chasco. As frases célebres do escritor francés era tan só unha, esta: "A vida sería imposible se todo fose recordado. O segredo consiste en saber elixir o que debe ser esquecido". Aí lles queda iso.

Ler tal afirmación logo de ter escrito o que escrito eiquí quedou o pasado mércores conduce a non poucas divagacións ás que non me nego. No persoal semella estar ben claro que a recomendación do escritor vale unha vez aplicada a todo canto fira o noso ánimo (e aínda así) pero... que sucede no colectivo?

Hai uns días vin "Mr. Jones" unha moi boa película, dirixida por Agnieszka Holland -unha extraordinaria muller polaca que ten un Facebook titulado "Charlatan", fáganse unha idea que o mesmo non acertan- interpretada maxistralmente por James Norton, no papel de Gareth Jones, e máis Peter Sarsgaard no de Walter Duranty, o gañador dun Premio Pulitzer que se puxo ó servizo de Stalin.

Agnieszka Holland xa fixera unhas cantas películas encol do Holocasto xudeu, pra que este non fose esquecido, e que debeu decidir facer esta, sobre a fame negra que Stalin provocou en Ucraína, pra que puidese ser recordada e con elo feita memoria común, conmemoración colectiva, dos millóns de ucrainians mortos de fame porque o Padrecito Stalin lles levou todo canto trigo colleitaron, ano tras ano, pra coas ganancias da súa venda a terceiros países atender a outras causas que el consideraba prioritarias. 

Está claro que no individual as decisións de Agnikezska Holland, tendo en conta a afirmación de Martín du Gard, son as correctas ou cando menos as máis beneficiosas tanto pró seu equilibrio emocional como, de paso, prá súa tranquilidade de conciencia e, de paso, pra uns cantos centos de miles de seres que a este respecto pensamos e sentimos como teño a sospeita de que ela pensa. Pero que sucede no colectivo? Que pensarán os que aínda hoxe pintan esvásticas enriba do retrato de Max Aub e aqueles outros que aínda veneran a Josef Stalin, o mesmo que liquidou nos Gulags a millóns dos seus correlixionarios? Pareceralles ben que a señora Holland dispoña do que eles considerarán, digo eu, unha memoria selectiva?

Os delitos de Stalin teñen sido esquecidos e en moitos casos perdoados por non poucos dos seus seguidores. Creo que foi Maeterlink, Maurice Maeterlink, o autor da "Vida das abellas" quen deixou dito que as leis feitas como se tódolos homes fosen bos propician o trunfo dos que non o son e maila destrución dos bos. Igual non foi el, pero eu agora non sei ónde comprobalo, así que disimúlenmo se me equivoco.

Á parte de que a min esa taxonómica actitude consistente en dividir o mundo en bos e malos, arrepíame máis ca outra cousa, se o que se quere sinalar é que as leis tendentes a agochar as barbaridades de Stalin -e quen dí de Stalin, di de Mao Zedong, ou de Hitler e mesmo do Franco dos primeiros anos de paz, unha vez concluída a guerra civil na que tantas barbaridades se cometeron dun bando e doutro- esas leis propician o trunfo dos asasinos, reais ou en potencia, e maila destrución futura ou a desesperanza actual dos sufridores da Historia, esa masa inxente de seres que morreron de fame en Ucraína.

Son demasiadas preguntas, é certo. Como certo é que suxiren outras ou que facilitan respostas simples a problemas que son complexos. Son boas as leis que potencian a recuperación da memoria histórica? Hai poucos meses, na Alemaña, foi condenado, simbólicamente condenado, pero condenado, un nonaxenario que sendo de obra de dezasete anos pertencera ás SS e participara en non recordo que medida e en exercicio de que responsabilidades, nos campos de exterminio nazis. 

¿Teremos nestes nosos pagos a dignidade moral precisa como pra ser quen de sinalar os nomes daqueles que, formando parte das chamadas "brigadas do amanecer" ou sendo membros das checas madrileñas das que eran extraídos aqueles que profesaban unha fe distinta da dos seus "extractores", unha fe católica ou outra ideoloxía, calquera que esta fose, seremos quen de facelo de xeito que, eses nomes, non sexan esquecidos e os seus exemplos execrables consten na nosa particular historia, como sucede aínda hoxe en Alemaña?

A Guerra Civil rematou no 1939, a II Guerra Mundial no 1945. O nonaxenario alemán purgou a súa adhesión a unhas SS en tempos de guerra. Nós aínda temos por resolver, non xa os feitos dos tempos da guerra, senón mesmo os sucedidos nos tempos da paz. Estamos construíndo un futuro pra todos ou destruíndoo pra aqueles que adoitan ser sempre os que sofren a Historia, militen nun lado ou o fagan no outro? 

A Gareth Jones asasinárono o véspera do seu trixésimo aniversario. Na película de Agnieszca Holland non se da conta de nada desto, nin tampouco se di nada da reincorporación de Walter Duranty, en loor de democracia, á sociedade norteamericana. Postos a seguir formulando preguntas, preguntas de non moi doada resposta, cabe pensar se non se citou no filme a morte de Mr. Jones pra afortalar a dignidade e maila integridade moral de quen desvelou a fame negra padecida en Ucraína, pra non ter que aludir ó regreso, ó parecer triunfal, do xornalista norteamericano que calou coma un peto diante das atrocidades stalinistas e da morte do seu colega. Ó millor resulta ser certo que a vida sería imposible se todo fose recordado. O segredo consiste en saber elixir o que debe ser esquecido. Aí lles queda iso, pra poder seguir remoéndoo.

Te puede interesar