Opinión

As mentiras da mimosa

Ahortensia non é fría. Achegámonos ó solsticio de inverno e a penas ten xa flores; as que quedan, están murchas e nada vizosas; as flores marelecidas, toda ela pura decadencia, decrepitude en estado que aínda non anuncia novos gromos. A hortensia é flor disque de pazo, pero tamén adorna as casas menores ó tempo de buscar nelas as sombras silentes dos recunchos dos currais, os espazos que ninguén visita e que ela embelece sen que ninguén llo pida. 

A que si é fría é a camelia, da filla das teáceas, de folla perenne e lustrosa, brillante e lisa, a penas enrugada, sempre dun verde moi vivo que contrasta coa luz que emana das súas flores, porque ela, a fría camelia, a flor do inverno, non arrecende a nada. Eu xa as teño eiquí, a altura destes días. O pe do ventanal da galería na que me entobo e escribo, escribo e leo, dende hai xa uns trinta anos, hai un destes árbores que ten o nome feminino que lle legou Kamel, un xesuíta austríaco do século XVII, non sei se ignorando ou non que son símbolo da lonxevidade e da fortuna, mesmo tamén da felicidade.

Esta camelia da que lles falo xa estaba eiquí, cando eu vin vivir a esta casa, e dende entón dá fillos tódolos anos, non sei antes; fillos que se perden porque ninguén acepta as sementes que ofrezo con dilixencia extrema. Ten unhas flores brancas e fráxiles, xa as loce agora mesmo, dende hai días, diríase que tímidas e recatadas, puras, malia que sexan pouco castas e ninguén saiba como ano tras ano aparecen fecundadas. Nas catro ou cinco veces que estiven no Xapón só vin unha camelia. Era exactamente igual que esta miña das flores frías e os invernos longos.

Teño tres camelias máis. Planteinas eu hai trinta anos e superan con moito en tamaño a esta que ignoro os que terá e que tanto amo. Pero desas tres só unha amosa unha flor entre a súa ramaxe. Non saben canto entretén ir contemplando día a día o agromar das flores. Eu ocupo algo do meu tempo nelo, pero comprendo que haxa xente que precise de máis fortes experiencias e de epifanías menos florais ca estas das que eu desfruto tanto.

Non sempre é así. No inverno cando abeiras o Carballiño baixando cara Ourense, pola autovía que ven de Compostela, se o fas nestes días, o arrecendo das mimosas pode ocupar o habitáculo do automóbil ata resultar mesmo enervante e plácido, as veces tanto que se diría disuasorio. A mimosa é tamén unha flor de inverno pero, amén de fría, é mentireira. Abdúceche co seu arrecendo doce mentres vai ocupando a paisaxe enteira, pouco a pouco, de forma que ónde elas estean, onde as mimosas chanten os seus pes, non ha inzar planta ningunha. Vano facendo así ata acabar tinguindo a paisaxe de marelo, a cor da corentena e a virulencia espallada polo mundo sen que o mundo sexa consciente delo. Comprenderan que eu ame as camelias e prefira as hortensias cada vez que anuncian que o inverno está a chegar ou xa se instala. 

Te puede interesar