Opinión

O meu can chamábase Ney

Ben pensado, a nosa sociedade non é moito máis disparatada ca outras. Antes da Revolución Francesa os cans de caza de El Rey de Francia tiñan un soldo superior ó dos académicos. Os cans percibían corenta mil moedas cada un deles, destinadas ó seu coidado e manutención, agora lles recordo algo, mentres que os académicos tiñan que se conformar con trinta mil luíses de ouro, coido que nos mesmos conceptos, gastos de vivenda incluídos, claro, pois os cans vivían como okupas.

Os franceses -Descartes éralles de alí- sempre tiveron o franco como moeda nacional. Foi así dende 1360, en tempos de Xoán II, ata o 1641 cando outro rei, Luís XIII, o substituíu polo "luis de ouro", pero a xente seguiu chamándolle franco, que era o que eu quería recordarlles porque ignoro se o valor dun luis de ouro era o mesmo ca o dun franco. 

En todo caso os cans tiñan máis soldos ca os académicos, curiosa distinción esta que se completa con outro dato máis, este: había trinta académicos e o número de cans de caza de Le Roi éralles de trescentos. Así caza calquera.

Disparates hailles moitos e non poucos deles causan irrisión cando non unha grandes gañas de chorar coma unha Magdalena. Agora mesmo, nos EEUU a volven emprender con Colón e o que eles chaman "a conquista española", hai que ver, eles, autodefinidos como pioneers, como pioneiros; que llo vaian dicir ós aborixes americanos e que lles pregunten polos dereitos que disfrutaron cando a colonización española comparativamente analizados coa que padeceron cando a conquista do far west. Quen pense que deliro non ten máis que ver na 2 da TVE as películas do lonxano oeste que se emiten antes da hora do almorzo. 

Isto que se di non lles é nin unha broma, nin sequera unha boutade. Tómense a molestia de coller un mapa político dos EEUU e ir anotando os nomes españois que teñen non poucos dos que os compoñen. Verán que a presenza española, o número de estados con nome español é certamente notoria.

Pois ben, falando de disparates, que nos expliquen porque non se estuda nos centros de ensino, nos momentos precisos, cando, como e porque se perdeu todo iso e quen reinaba daquela en España. É disparatado que a historia que se estuda pase por enriba do noso século XVIII, sinale no XIX a Guerra da Independencia, como se os ingleses non interviñesen nela cun afán que fai que eles aínda a coñezan como a Guerra da Península. E logo cala.

Sucede que os disparates alleos implican unha asunción do propio que conduce directamente a unha maior cohesión social, mentres que os nosos o que van é exactamente facer é aboiar o contrario. Que sucede cando os nenos galegos saben que pasou e cando foi a batalla das Navas de Tolosa e ignoran o que sucedeu na de Pontesampaio? Que cando non teñen nin idea da defensa que presentou a xente de Allariz daquela que o mariscal Ney entrou a saco na vila. Hoxe xa non sei se se seguiran chamando así os cans na miña vila de nación, pero eu tiven un fox terrier chamado Ney, miña nai tivera outro tamén así chamado e non lles quero contar a deles que se chamaron Soult. Pero senón o saben vaian vostedes preguntar por que xa que nas escolas non llo aprenderon.

Logo de que os académicos cobraran menos que os cans do rei francés, veu o que tiña que vir, sucedeu o que sucedeu e pasou o que pasou; é dicir, buscáronlle remedio. Despois da invasión francesa e de episodios coma o do canón de pau de Cotobade, que estudou Portela Pazos, a xente -non a nosa, pero si a de por aí abaixo- berraba "¡vivan las cadenas!" e clamaba polo regreso dun rei tan felón coma Fernando VII; máis tarde importamos reis de Italia, limitámonos a dicir que perdemos Cuba e Filipinas, esquecémonos do resto e non aprendemos nin da nosa falta de vergonza.

Todo nos ven de fóra e todo así aceptamos. O mesmo Churchill, a quen eu por tantas razóns admiro, foi quen determinou a falta de apoio ós demócratas españois logo de 1945 e hoxe somos o Estado máis americanizado de Europa mentres, esa mesma Europa da que formamos parte, leva trinta anos converténdonos nun chiriguinto de praia que visitar nos veraos emparellándonos, en consecuencia, co desastre arxentino anunciado pra despois do corona virus.

E nós, os galegos, que? Invadidos por unha especie declarada non invasora, a dos eucaliptos; vendendo o litro de auga máis caro que o de leite; esquilmada a pesca de baixura; abandonados os eidos antano fértiles; os estaleiros parados, diminuída a flota, vendo como se queren marchar as poucas industrias que quedan, consolándonos intentando convencérmonos de que aínda pode ser peor. Un disparate xestionado a medias entre xente de fóra e nós mesmos.

Te puede interesar