Opinión

O meu galego incendiario

Agora que xa comezo a ter lagoas -lagoas desas que disque son propias da idade provecta- agardo con vehemencia a que o que afirma Nietzsche sexa certo. Dígoo porque este escribidor de vostedes desfrutou sempre de moi boa memoria e, xa que logo e por culpa dela, padeceu, é dicir, padecín, varias veces os desgustos e as frustracións coas que a vida, que tantas cousas boas me leva aportado, compensou estas. Fíxoo dándome algún que outro desgusto, ou sexa, varios desgustos que non vou recordar agora e que tanto me axudaron a ser como son e, ó parecer, tanto me levo equivocado levado de reaccións que abeiraron a soberbia, cando non á indefensión.

Santiago Jaureguizar, escritor de corpo enteiro, boa xente e millor amigo, dixo de min que onde hai lume eu boto gasolina. Razón non lle falta. Tanto non lle falta que me empuxou á reflexión porque hai uns días (recórdeno os meus lectores máis fieis) volvín preguntar se, ó día de hoxe, fálase máis ou menos galego que hai corenta anos e, de contado, afirmei que é evidente que se fala ben menos. Logo volvín preguntar se ó galego que se fala hoxe é millor ou peor que o que se falaba hai o mesmo tempo e de novo, a resposta dada por min, foi a de que é bastante peor. Tales afirmacións induciron a algúns vellos inimigos, que Breogán mos conserve moitos anos (tanto é o que lles debo) pois sen a súa axuda eu non levaría escrito tanto como o levo feito. Eses vellos coñecidos volveron interpretar que son un desleal e un traidor á miña lingua; é dicir, que deseguido volvín botar gasolina nun lume que ameaza con arrasalo todo. Pois si, razón non. Algo incendiario si que o son.

Cando se produce un gran incendio -e de incendios sabemos moito no país, máis se son forestais- e venta como venta o norte no tempo que precede ó dos alisios faino de xeito que o lume avanza arrasándoo todo. Neses momentos está indicado ver de onde venta pra se poder adiantar a queimar unha franxa de monte na mesma dirección cara onde avanza o lume. Se iso se fai e se fai ben, o gran devorador da vida animal e vexetal, chega o lume a esa franxa de monte previamente queimada e non tendo nada co que poder acabar, detense, e de vagar vaise extinguindo. É evidente que hai xeitos de botar gasolina e prender lume.

Por iso, advírtoo unha vez máis e fágoo en beneficio dos recalcitrantes, este desleal traidor á súa máis propia lingua (xa ten coña o asunto) na que leva escrito máis páxinas en galego que calquera outro dos seus coetáneos, admite que efectivamente bota gasolina pero que o fai dese xeito e coa intención que delo se deriva. O que non impide que se desculpe se mentres botou o liquido inflamable se lle foi a lingua e botou algún que outro pecado.

Te puede interesar