Opinión

O meu hipotálamo circula pola tanxente

Sempre pensei que o teléfono servía maiormente pra dar recados, boas e malas noticias, recomendacións dalgún tipo, tamén pra saudar brevemente a algún amigo lonxano; en resume, pra dar noticia de estar vivo e de que así seguen as xentes que amas ou consideras. Tamén pra fixar unha cita ou pra escoitar unha palabra necesaria cando estás lonxe e non está escrito que regreses. Non é pouca a utilidade do teléfono así considerado, cando menos iso me parece a mín.

Sen embargo, non sei se por causa da idade ou da pandemia, o caso é que levo un par de semanas nas que falo moito por aparello tan útil e entendo que tan mal usado. Tan abusado por toda canta xente pode pasar horas falando por medio del, facéndoo con persoas coas que nunca falaría tanto de telas fronte a fronte, mirándose ós ollos fixamente.

Comentado estes extremos cun amigo -non será necesario advertir que precisamente por teléfono- argumentoume que a miña actitude probablemente estea ditada por unha mente un pouco estreita. Quería dicir, evidentemente, que esa mente estreita era a todas luces a miña. Pode que teña razón. Tamén parece ser que a Lombroso algunha non lle faltou cando decidiu atribuírlle a determinadas partes dos nosos cerebros a capacidade de rexer determinados sentires e concretas emocións. Comecei a pensar así, hai xa moitos anos, dende que nun almorzo con Mosén Xirinacs, o crego catalán que foi senador e defensor da independencia do seu país, este afirmou que o sentido de pertenza, a un grupo, a unha comunidade, a unha cultura, está radicado nos nosos hipotálamos.

Pode que tivese razón, algún psiquiatra alí presente non quixo confirmalo e pode que si, pode que non, e que tódolos sentidos de pertenza admitan variacións, entre outras razóns, porque na variade está o bo gusto. Eu, por poñer o caso que millor coñezo, son e séime parte dunha cultura, dun xeito de interpretar e habitar o mundo, pero non ignoro a miña incapacidade de pertencer a un grupo, a un partido, a unha organización na que teña que convivir con todo tipo de xente; algo do que ó parecer non son capaz. Aí, precisamente aí, chegada esa ocasión o meu hipotálamo derrapa e sáeseme sempre pola tanxente; que lle imos facer.

Por iso non sei se toda a miña mente será estreita, como ma definiu o pese a todo benquerido amigo, ou se o que me sucede é que o meu hipotálamo renquea cada vez que intento arrimarme a un grupo, cada vez que intento explicarme cousas que non son claras, ou que non están nada claras; ou que mas explican de maneira confusa e, en moitas ocasións, mesmo arbitrarias. Tampouco non sei se a culpa será da miña estreitez de mente ou das estreitez de miras e de capacidade de expresión de quen intenta comunicarme eses pensamentos confusos cos que pretenden explicalo todo.

Agora é chegado o momento de que lle poña exemplos clarificadores, síntoo, non vai ser así; deixaremolo pra outro día, a ver se hai sorte.

Te puede interesar