Opinión

A que mexa máis branco

Escribiu Flaubert que "de Lamartine non vai quedar máis ca medio volume de pezas soltas. Ten espírito de eunuco, fáltanlle collóns, na súa vida non ten mexado outra cousa máis que auga cristalina". Estas cousas non se escoitan por eiquí. Nin se len. O que non sei é se iso é bo, ou se non o é. Pero algo debe querer dicir. 

Sería bo, iso sen dúbida, se eiquí ninguén mexara tan branco coma Flaubert afirmaba que mexaba Lamartine; pero hai máis dun que así mexa. Iso por non dicir que, o que sería bo, fose que eiquí todo o mundo tivera os collóns que seica non tiña francés tan exquisito; porque non serían certo. O que non creo é que eiquí non haxa tanta mala uva coma a que lle sobraba a Flaubert, claro que a hai, e non vai habela...! É certo que a Literatura non é tan só cuestión testicular, claro que non, agás que iso implique o risco e o atrevemento abondo como pra se arriscar por espazos infrecuentes; o da crítica acerba tamén, por non citar ó da imaxinación creadora de espazos infrecuentes, por non dicir insólitos. A proba de que isto é así é a práctica ausencia de crítica literaria nos máis dos nosos xornais e o feito de que esta, nos poucos caos nos que se produce, case que sempre se limite á recensión cando non á obsecuencia.
Ouh, o afán de modernidade e mexo branco que nos tolle! Que sabe hoxe a xente moza, esa que estuda a literatura galega nos institutos, por exemplo de Anxo Rei Ballesteros, que de Rodríguez Mourullo ou de Vázquez Diéguez e doutra xente que se atreveu a frecuentar camiños coma os que eles recorreron. Calquera diría que o eslogan para nosa literatura fose o de que esta é a que mexa máis branco. A que pouco arrisca e aburre ás pedras, tan deterxente é.

Unha das poucas cousas que a miña idade me permite aconsellar a un escritor novo é case un desiderátum: fuxe dunha editorial que estea dirixida por un escritor, sobre todo se escribes ben, pois pode que o seu catálogo acabe tendo unha transparencia cristalina e non teñas moito sitio nel.

O problema é que sucede o mesmo na prensa. Había meses que non aparecía nun xornal a firma dun articulista que a min se me antolla admirable pola mestría coa que afronta o seu traballo. Hoxe acabo de lerlle, ouh sorpresa!, unha magnífica semblanza sobre o aínda presidente da Generalitat catalana. Haberá quen me explique a min o porque da súa ausencia das páxinas de opinión? Comprendo que estas miñas sexan cuestións incómodas pero, se á miña idade non as formulo, pra cando as deixo? O que tiña que facer xa está feito, o que tiña que gañar xa está gañado e o que tiña que perder tamén está xa perdido; así que opto por afirmar que é cousa propia de vellos o andar a enredar. O problema é que se isto é certo, tamén o é todo o dito un pouco máis enriba e que, este noso, é un país de vellos, un país envellecido e triste, madía leva. Que vellos son os novos!

Te puede interesar