Opinión

Montaigne e o meu televisor

Chegou o ano novo e con el fíxoo Montaigne, a repousada relectura dos seus "Ensaios". Está ben que así sexa. 

Agasalláronme cun cogomelo deses metálicos, como de aceiro, que, embaixo do seu sombreiro levan unha resistencia eléctrica. Non sei de que material está feita, porque recordar non recorda moito á espirais de antes, pero irradia unha calor que se agradece e reconforta. Coloqueina, entre dous sillóns deses de vimbios, na galería de embaixo, esa que está abeirada á sombra dun magnolio, na que tanto me gusta ler durante os longos e demorados seráns do verao. 

Dende o primeiro momento no que acendín a tal e bendita estufa e me abeirei baixo a súa temperatura amena souben que haberían ser moitos os seráns invernais nos que me acollería a ela, pra ler a modo na galería de embaixo, a que ten una esquina dando ó nacente e outra facéndoo ó norte, o da luz tan diáfana. Espero que sexan moitas as breves tardes do inverno que baixe a ler alí, ó amor do caloriño que descende como se o fixera do ceo e baixo esa claridade boreal coa que o vento do norte nos regala dende sempre.

O caso é que este ano 2021, o posiblemente definitivo, comeza con Montaigne. Os ensaístas franceses que frecuento, os que leo e releo, ter terán moito racionalismo galo, é certo; pero carecer carecen desa practicidade da que dispoñen os ingleses ou da plúmbea prosa que caracteriza ós xermanos.  Non falan de como superar a natureza humana ou de como superala, dinnos como entendela e ó facelo indícannos como dispor o noso ánimo pra millor comprender o mundo. Montaigne é un deles, sen dúbida. Chateaubriand é outro. Hai máis, claro, pero a min abóndame con estes, singularmente con estes.

Chegou o ano novo e volveremos ás andadas, enzoufallándonos en  debates baldíos, grolos, que dicimos n'A Ziralla das cadelas estériles, e tamén podemos dicir deles, dos debates, cando acadan eses niveis de inutilidade, de falta de brillantez e de conclusións útiles. 

No Libro Terceiro do seus "Ensaios", no capitulo VIII titulado "Do arte de conversar", que releo embaixo do cogomelo, advírtenos Montaigne que "cando a discusión é caótica e escabelada (el) resigna o fondo e se emprega na forma con desdén e indiscreción lanzándose  a un xeito de debate confuso, malicioso e autoritario do que máis tarde terá que se avergonzar porque é imposible tratar de boa fe a un idiota. Non só se corrompe o xuízo nas mans dun suxeito tan primitivo, senón tamén a conciencia".

Foi anoitecer, abandonar o cálido refuxio do metálico e brillante e aceirado cogomelo, repousar o lido e poñerme a ver a tele cando me sorprendeu un deses debates recoñecibles nas palabras que eiquí quedan recollidas. Comezar a velo, recordar a lectura e cambiar de canle de televisión foi todo unha. Entón subín ó estudio, senteime diante do ordenador e púxenme a escribir o que lles queda escrito e, se o leron ata eiquí, cousa que agradezo, pódelles servir de axuda. Fáganme caso. Non perdan o tempo neses debates. Hai outros e interesantes. Búsquenos. 

Te puede interesar