Opinión

Mozas centenarias na Ziralla

Resulta que teño o privilexio -que comparto con Xosé Manuel Piñeiro- de ter unha lectora, Carmen Bermejo, que ten cento dous aniños de idade. Carmen le o que escribo nestas páxinas, a estas horas destes días nos que a benevolencia editorial consinte en que vexan a luz estes textos. Fano neste meu a modo de parladoiro con vostedes, por escrito, tamén con Carmen, no que vai derivando este lugar de encontro.

Carmen Bermejo é de Allariz. Según ela, a covid a levan bastante ben os veciños da vella vila e corte románica e, a xulgar polo seu ánimo existencial, por ese seu innegable afán que a leva a interesarse pola vida e por todo canto a rodea, non nos vai quedar máis remedio que crela. Aínda por riba é quen de ler sen gafas a letra pequena.

Ter unha lectora da súa idade é un privilexio. Cando me deron a noticia de que Carmen me le, pensei en se eu estarei escribindo só pra vellos. Pero reaccionei axiña. Non é que eu escriba pra vellos senón que Carmen ten o espírito xoven e posto ó día. En Allariz as mulleres sonlles así. Seino ben. Na miña familia materna, as máis das mulleres son lonxevas e mozas ata idades ben serodias. Non manexarán o código morse, como fai Carmen. Pero a Lucrecia, ós anos de Carmen, duchábase tódolos días con auga fría e a ventá aberta, aínda en pleno inverno. Sarita con noventa e moitos marchaba ela soa en avión deica Sevilla e Córdoba por ir ver familia que por alí aínda hai desperdigada e Aurora, ós cento dez anos, logo de terlle visto a cara a tres séculos, mantiña o mesmo interés pola vida que mantén activa a Carmen. Outra Carmen, esta ben próxima a min, ós seus cento dous anos, esixiu ser levada á delegación de Facenda, no seu sillonciño de rodas, pra ir protestar por unha liquidación sobre a declaración da renda que ela entendera inxusta. Custar custoulle traballo, pero saír saíu da delegación cos seus cartiños amarrados.

Tanta lonxevidade, curiosidade tanta pola vida, non sei a que será debida; as veces, penso que pode se cousa do licor café, pero pode que non sexa por iso. Dígoo porque tamén pensei se sería debido ás améndoas de picos e logo acordeime de que hai anos que xa non se fan e sen embargo segue habendo mozas de cento e pico anos. Élles un consolo. Agora que se impón a elaboración industrial do licor café, en substitución da familiar e artesanal, sabendo como sei que o alcohol metílico viña nas botellas debidamente etiquetadas, nunca nas innominadas e de procedencia coñecida, sei que con el ou sen el sempre haberá mozas centenarias na Ziralla. E que sempre haberá licor café, cereixas, uvas e figos pasos en augardente, tamén melocotóns e outras delicias da horta pra que, esas mozas, pasada a hora da cea, rezado xa o rosario e chegada a hora da brisca, saquen os frascos que as conteñen e se entreteñan en pescalas, pinchándoas cunha agulla de calceta. 

Te puede interesar