Opinión

O músico fornicador e as canas

Vivían na illa de Ons. Nas noites de inverno, cando unha muller da Illa se puña de parto, subíana a bordo dun xeiteiro ou dun racú e navegaban con ela ata o peirao das Corbaceiras. Moitas delas chegaban xa paridas ó Gran Hospital Provincial de Pontevedra que agora xa non se chama así, pero que sigue estando no mesmo sitio malia que antes se dixese del que estaba na carreteira de Ourense e agora se diga que onde está é na rúa do doutor Loureiro Crespo.

Cando os barcos estaban a chegar a terra, facían bruar as súas buguinas e o feito de escoitalas rompendo o silencio da noite facía que se desbordase a imaxinación dun neno, neste caso a miña. Eu tamén fun neno en Pontevedra. Debeu ser por iso que saín como saín. De Ourense pra alí, dalí pra Ourense, revirando sempre e non me endereitando nunca.

Tamén bruaban as sirenas dos racús que viñan cunha nova vida a bordo. Ó atracar, nai e fillo, eran levados nunha ambulancia ata o hospital e ingresados por unhas horas na sala Santa Ana. Seino porque o meu pai, cando lle perdoaron algo o ter sido do Partido Galeguista, foi trasladado a traballar nela procedente da sala de infecciosos, entón chea de tuberculosos e doutra xente arredada da esperanza. Era xente rufa a da illa. Nunha semana, na sala Santa Ana, trouxeron xente ó mundo a avoa, a nai e a neta dunha mesma familia que arribaran todastres no mesmo racú pra aproveitar así a viaxe. Á neta naceulle unha tía, á nai unha irmá, a avoa unha bisneta e sigan facendo vostedes combinacións posibles que algunha máis debe haber, sen dúbida.

Cando os da Illa de Ons tiñan litixios ían ás canas. Qué era ir ás canas? Pois que os cabezas das dúas familias enfrontadas ían a un canaval dos que habían nas praias, arrincaban todas cantas lles fixeran falta e batíanse o un ó outro con elas ata que un deles caía extenuado, pero sen que lle fixeran sangue. Era un xeito, ó meu entender fermoso, de non diezmar un colectivo humano escaso e aillado. Alí nacían poucos nenos. A maioría deles eran rubios. Entón rubios chamábaselles ós que eran roxos, ou sexa os pelirroxos actuais, e ós que agora se lles din rubios daquela se lles dicían loiros, pero esas sonlles outras lerias. Na illa había moitos roxos, tantos que se dicía que os illeus eran todos así. Non era certo pero dáballes un aire misterioso e lonxano. Unha vez un sueco viu facer unha tese doutoral sobre a orixe das dornas, namorouse duna rapaza da illa e se quedou nela de por vida. Acabou sendo profesor da Escola Naval Militar, pero iso hoxe non toca. A rapaza non era loira, senón morena, recórdoa ben de vela por Pontevedra. O loiro era el, alto e loiro, de boa cabeza e andar pousado.

Acordeime de todo isto hoxe ó saber que no xornal inglés The Guardian ven unha entrevista que lle fixeron a Mick Hucknall. Servidor élles un ignorante absoluto no tocante á música máis o menos actual, por iso nin idea de Simply Red que parece ser que é ou era o conxunto deste home que, visto en fotografía, recordoume ós illeus dos que lles viño falando ata eiquí mesmo.

Mick Hucknall dí que é rubio, é dicir, roxo porque ten sangue escocesa e irlandesa e máis tamén porque no seu ADN consta que tamén a ten galega. Amosásenos coma un celta en razón de todo elo e cóntanos cousas que nos deberan facer reflexionar: por exemplo, aproveita pra lles pidir perdón ás tres mil mulleres coas que seica se deitou nun espazo de tres anos. Home, as cifras non son as dos xogadores da NBA dos tempos de Magic Johnson que falaban de vintecinco mil e así de xeito que a min non me saían as contas, nin moito menos. Un home de vintecatro anos que, por exemplo, levara oito coma estrela do deporte tiña que se ter deitado con tres mil ó ano; ou sexa con duascentas cincuenta ó mes ou, o que é o mesmo, con oito ó día.

Se temos en conta que hai que durmir oito horas, entrenar outras oito, comer e cear entre medias, ir ó cine e a casa dos país a comer o pavo o Día da Independencia, coma moito quedábanlle oito horas de xornada coital intensiva. Agotador. Demasiado fornicio e fornicadoras tantas e tan ben dispostas que nin coas setenta e dúas hurís que o Corán lles promete ós que morran facendo a Guerra Santa, todas elas dispostas a facer horas extras a destallo, poden saír as contas que aqueles seres mitolóxicos comunicaron ó mundo pra amargura de timoratos e suspicacia dos xa algo avisados.

As cifras de Mick Hucknall son algo máis modestas, mil coitos por ano, supoñendo que todos foran dun só estalo, da unha media de tres por día o que resulta igualmente sospeitoso pero xa máis asimilable. Sen embargo se lle botamos as contas ó tempo que pasou borracho, ó que empregou nos ensaios e máis en compor cancións e facer xiras, gravar discos e viaxar dun lado a outro xa me dirán o que lle restou pra se entregar tan denodadamente a facer o amor. Agás que o fixera coa afouteza e maila habelencia propias dun coello. Chegado eiquí coido que os meus lectores poderán facerse unha idea do crédito que me merecen as declaracións do líder de Simply Red. Moi pouco.

De todos xeitos debo recoñecer que algo de verosimilitude debe haber no feito de que lles pida perdón a todas elas. Cando menos se é certa suposición de que os seus foran coitos coma os dos coellos, coitadiño, e o home se sinta agora avergoñado en vista de que, por fin, acadou a estabilidade coa súa esposa.

En calquer caso, e fóra suposicións de calquer tipo, mesmo as que preceden, se algúns dos xenes de tan ilustre e polifacético músico fornicador fosen os que il indica e procedesen, de xeito indubidable, iso si, da nosa e fermosa illa de Ons -xa que por galegos poderán ser de calquer sitio e débenos valer o que eiquí queda sinalado- se así fose, dado que xa está practicamente despoboada a illa, pois os illeus viraron pra Bueu e a súa contorna, en caso de querer repoboala poderíamos acodir a il ó tempo que deberíamos recuperar os canavais que antano inzaban nas beiras amenas das súas praias.

En tres aniños tiñamos a illa repoboada cuns cantos miles de rapaces. Pra iso quereríamos alí ó músico Mick Hucknall, polo que se ve, mestre na arte de facer soar a gaita mista de escocés, irlandés e tamén galego, grazas ó que acadariamos unha mocidade do máis aqueladiña e roxa. E os canavais, recuperados? Pois ises por si Gabriella Wesberry, a súa santa esposa, tivera un trasacordo e acordara mallar nel coma antano se mallaban entre eles os illeus.

Te puede interesar