Opinión

O nacionalismo ten que ser cosmopolita

En Pessoa inédito e máis tamén en Pessoa por conhecer, grazas ó considerable, ó tempo que excelente, traballo de compilación feito por Teresa Rita Lopes, podemos saber algo do que, o inmenso escritor que foi o portugués, pensaba a cerca do nacionalismo e máis da relixión; é dicir, de dous dos aspectos que máis e millor reflicten e explican non pouco do comportamento humano cando o sentimento, cando a emotividade, prima por riba doutro tipo de consideracións.

Voume permitir recuperalo pras vostedes, hoxe, cando alá se foron xa as eleccións a deputados ó noso Parlamento de Galicia e xa teñen vostedes xente e máis xente que faga e discorra sobre todo tipo de consideracións políticas ó respecto.

Por se algún curioso destas cousas o necesita, direilles que o primeiro dos libros o Pessoa inédito, foi editado en Lisboa, no 1993, por Livros Horizonte e que, o segundo deles, o de Pessoa por conhecer, o seu tomo II no que ven o que lles reproducirei, foi editado tamén en Lisboa, na colección Textos para um novo mapa, da Editorial Estampal. Agora so resta, en principio, ver por cal dos dous comezamos. Quizás polo que atinxe ó nacionalismo. Aí vamos.

Di Pessoa que hai tres clases del, de nacionalismo; a saber: o primeiro e inferior é aquel que liga as tradicións nacionais pero non é quen de se adaptar as condicións civilizadoras xerais. O segundo ven sendo aquel que se liga, non ás tradicións senón a alma directa da nación, profundando nela máis ou menos. Di que este é o nacionalismo medio. O terceiro nacionalismo, ven sendo según Pessoa, o que el considera superior, ou sexa: aquel no que o nacionalismo real integra tódolos elementos cosmopolitas. Logo do resultado electoral do domingo é bo, coido seu, que fagamos unha reflexión a cerca deste noso nacionalismo, máis sentimental que político, máis cultural ca outra cousa ningunha, un nacionalismo que os galegos levamos ás costas diríase que dende sempre. O digo porque cosmopolitas foron os da Xeración Nós, pero logo non sei se o fomos os demais, na medida que nos correspondía, e pode que agora sexa necesario incidir, aínda máis, nese camiño de apertura ó mundo, alleos xa a ensimesmamento algún.

En canto á relixión, Pessoa enmárcaa no contexto da arte e da vida social pra nos advertir que a aristocracia ten por norma a arte, a clase media a vida social, mentres que o pobo ten a relixión. Aceptemos que, cando menos no plano intelectual, os de Nós eran unha elite, unha aristocracia do pensamento, mentres que agora, os máis dos nacionalistas actuais, proceden e non de xentes de pazo, tampouco de elites intelectuais ningunhas, senón que, de xeito afortunado, proceden de xentes que traballaron a terra e o mar, xentes fondamente enraizadas no sentimento da terra...e da relixión mesmo que esta poida ser entendida do xeito máis pagán posible.

 Quizás por esta razón teima Pessoa en que a palabra relixión ha ser entendida como a crenza nunha cousa absolutamente indemostrable -en xeral imposible- que se xulga ser a esencia e o fin principal da vida. Entende Pessoa, a maiores, que son relixións non só as así chamadas senón tamén as doutrinas radicais e mailas crenzas sinceras na igualdade humana, na xustiza, na fraternidade e noutros mitos igualmente baleiros de realidade e de realización; pero que pra que sexan relixións, estes, deberan ser cridos como posibles, como realizables... e segue por ese camiño que non sei se estará moi o pouco trillado.

Hai quen sostén que Pessoa era un misántropo, pero tamén hai que o considera un filántropo. O caso é que nestas súas afirmacións hai grao pra debullar canto se queira. Na paisaxe política actual, non so na galega, senón tamén na española, existe non pouco de conciencia relixiosa da política, posto que se entende en non poucos casos como a fe dos nosos maiores que nós herdamos e debemos conservar e transmitir con independencia de que esa fe dos nosos devanceiros correspondese a un tempo e mesmo a un espazo, a un país, que xa non é o mesmo, dende hai anos abondo, como pra que vaiamos pensando en ir abandonando algúns vellos dogmas pra seren substituídos por un pensamento anovado e coherente cos tempos actuais.

O nacionalismo cultural e mailo nacional catolicismo herdados de tempos pretéritos impregnan aínda, en cantidades estimables, a nosa conciencia colectiva sen que se lles dea a completa visión cosmopolita que os tempos lles reclaman. A xerarquía eclesiástica aínda vive bastante de costas á realidade cultural do país, do que foi ama e señora, e a aristocracia política madrileña aínda ven por eiquí en tempo de eleccións comprobar se seguimos sendo dóciles e obsecuentes.

Ana Pontón, a lideresa do Bloque Nacionalista Galego, do BNG, da toda a impresión de ter entendida a necesaria adecuación e adaptación que reclaman os tempos mentres que, de xeito lamentable, o PSdeG-PSOE deu noticia certa da súa capacidade de adaptación ó medio. Se antes era nomeado como queda escrito agora a súa propaganda electoral, nas súas pancartas penduradas nas rotondas das estradas -que no val da Maía chaman viravoltas- reflectía unha consideración que non pasou inadvertida: Vota PSdeG-PSOE rezaban esas súas pancartas... o que ven explicar non poucas cousas.

Mentres tanto Feijoo, con razón pra uns, sen ningunha pra outros, teimou, profundou naquelo que en tempos fixo que o Amazonas cambiara o seu curso desprazando á UCD pra entronizar a Manuel Fraga na presidencia do goberno da nación galega. Galicia, Galicia, Galicia, que pode ser lido nos dous idiomas oficiais, foi o lema da súa campaña ó mesmo tempo que unha hábil política mediática conseguiu que se perdoaran erros e se valorasen acertos mentres a provincia ourensá dirixida abertamente cara unha política atenta non só ó nacionalismo cultural senón mesmo baseada nas opcións de todo orde que a realidade provincial ofrece fixo, en gran medida, de ariete co que abater portas que se sabían fechadas.

Te puede interesar