Opinión

Necesarios, si; imprescindibles, non

Oalcalde de Madrid, desa especie de vórtice ciclónico no que o parecer todo é calma e nunca pasa nada, comezou a súa andaina municipal sorprendéndonos favorablemente ós máis de nós; pero bastou con que o fixeran do aparato do seu partido, portavoz nacional ou algo así, non podería precisalo, pra que todos nos esquecésemos dos seus brillantes e democráticos comezos e comezásemos a sentir os tremores que aínda nos sacoden.

Que pasaría se o alcalde madrileño fose vítima da covid-19 -algo que non lle desexo nin a el, nin a outro ninguén- é unha pregunta que se leva feito moita xente dende que o edil capitalino insinuou o perigo que correría o país enteiro no caso de que os seus dirixentes non se vacinasen pra evitar caer enfermos e caesen. 

Pois ben, poñamos un caso; por exemplo, que fose el o que caese enfermo por non se ter vacinado. Sucederían dúas cousas, cando menos; a primeira, que sería moi de lamentar e, a segunda, que sería temporalmente substituído por quen estea a ocupar a súa primeira tenencia de alcaldía, en principio non menos capacitado ca el pra dicir as mesmas parvadas que el di... e pode que mesmo as faga.

Postos a preguntar, sigamos. Que sucedería se algún alto mando militar caese tamén enfermo por non se vacinar cando non lle correspondía? Pois é de supoñer que tamén no estamento militar hai xenerais e tenentes xerais igual de capacitados pra exercer as labores de mando. O mesmo sucede cos políticos. Os EEUU non deixaron de funcionar, millor ou peor, grazas a intelixencia do seu hoxe ex presidente Trump, cando caeu enfermo da covid que negaba, porque entenderán que a este respecto tamén haxa criterios. En principio, eiquí neste mundo, todos somos necesarios e ninguén é imprescindible malia que certas ausencias poidan facer menos mala a convivencia en determinadas épocas e circunstancias.

Hai que ter a autoestima moi ben atendida pra dar por feito que un alcalde madrileño ou un alto cargo do ministerio de Defensa deban recibir un trato de excelencia e estean exentos de dar o que millor exemplo que nestes días lle poden proporcionar á cidadanía á que serven: poñerse á cola como facemos todos.

 Deus, que bos vasalos, se houber bos señores! Permítanme dicilo con palabras máis ou menos tomadas do romance de Mio Cid porque vai sendo horas de que recapacitemos no feito de que non nos merecemos moitos dos gobernantes que eliximos, vítimas que seguramente somos dalgunha virulenta brebaxe fervida a lume manso ó longo dos séculos. Cando Mio Cid andou a facer o mercenario, os galegos aceptamos o cruel destino do noso rei García; máis tarde, os madrileños levantáronse contra Esquilache; despois berraron “¡vivan las caenas!” e non poucos choraron polo maior rei felón que viu a común historia. Hoxe non poucos aplauden ó señor alcalde de Madrid por pensar como pensa e ó bizarro militar por ocupar a primeira liña... de vacinación anticipada; se é que actuou así e non seguindo un procedemento previamente fixado, caso este no que as preguntas e as consideracións serían xa outras.

Te puede interesar