Opinión

No labirinto

Hai xa uns días que lin que, alá polo Levante español, pintarraxearan e que, nalgunha medida, estragaran parte dun texto que recordaba a figura dun escritor. Moito é o que lamento non ter feito memoria exacta da noticia, lida na prensa; nin sequera do lugar onde sucedeu. Tampouco estou moi seguro do nome cuxa memoria se profanou, pero xuraría que foi o de Max Aub. O autor dun epitafio que segue a ser paradigmático de tantas vidas como a súa. "No pudo más", deixou escrito pra que figurara na súa campa. Probablemente non conste ese epitafio na súa tumba, non o sei. O autor de "Perdidos no labirinto" deixou escrito que "metéronnos nun labirinto, ó saír do Paraíso". E perdéuseme o fío: ando perdido. Andamos perdidos. "Non sairemos nin cos pés por diante".

Nacido en París, no 1903, fillo de alemán e de francesa foi traído a España polos seus país cando se declarou a Primeira Gran Guerra, a do 1914, da que tan ben quedan descritas as súas orixes e as súas causas en "Les Thibault" a grande novela de Roger Martín du Gard que as aclara máis e millor que calquera tratado de Historia. Max Aub sempre dixo que a patria dun home é onde fixo o bacharelato. Il fíxoo en Valencia. Debeu ser en Valencia onde lle pintarraxearon esvásticas no mural da entrada ó centro docente que leva o seu nome, acompañando un seu retrato e unha frase súa, esta: "Sinto non poder estar con vós, mais crédeme se vos aseguro que o estou de corazón". Non sei se era de pai ou nai xudeus; pra min que era de nai, pero podo estar equivocado. Non o estiveron os que pintaron a esvástica. 

Non deixa se ser motivo de curiosidade a frecuencia coa que as forzas máis á dereita, as menos civilizadas, adoitan gañar unha guerra pra logo perder sempre a batalla pola paz. Non sei por aí fóra, pero en Galicia aínda non se viu un estrago feito nos muros eclesiásticos que fan memoria dos caídos por Deus e por España, como se os que non figuran neles, acollidos ó xeneroso abeiro da Madre Igrexa caeran polo demo ou porque estaba de Deus.

Max Aub segue no labirinto e con el seguimos todos os demais. "Todo o sentido do mundo de hoxe colle en dúas frases ditas ou mellor aínda desditas: Gañarse a vida, din os probes. Matar o tempo, din os ricos". A frase é de Max Aub e malia que non teña a actualidade da que disfrutou cando foi escrita explica moi ben o sucedido nun tempo no que "en España, a ignorancia non foi xamais considerada coma un defecto nin como un mal". Seguirá sendo certo? Inxenuamente pensamos que cando neste país todo o mundo soubese ler e escribir isto sería pouco menos que o Paraíso. Pois ben, xa non hai analfabetismo en España, analfabetos funcionais aínda hai uns cantos, e isto non é Jauja. Perdéusenos o fío, seguimos no labirinto. Estamos nel na compaña de Max Aub. Nin cos pés por diante daremos saído. Mágoa.

Te puede interesar