Opinión

Non damos estragado o país

Hai anos, bastantes anos, por eiquí por onde eu vivo, había moitas abellas, moitas. O mel que producían era amantiño e doce. Que queren que lles diga, en realidade case que todo o mundo está ó tanto de que se non hai abellas a vida esmorece, degrádase, vaise indo coa mesma secuencia que unha exhalación doce, apenas apreciable a non ser que veña na nosa axuda o sempre solermiño paso do tempo. Sen que te decates do seu fuxidío transcurso, de súpeto xa todo cambiou. Xa todo é outra cousa. Se non hai abellas, a vida declina. Tamén se sabe que alá onde haxa ras tamén hai vida e teño pra min que tal afirmación tampouco non é mentira , do que se desprende que, onde xa non hai ras, nin cágados, empeza a non haber nada. É entón cando comeza o cambio que nos leva.

Hai anos que, por eiquí por onde eu vivo, non se ve unha abella. Seica, hai xa anos, que botaron un pesticida que protexese ós eucaliptos de non sei que doenza que os afectaba. Grazas a ese sobrehumana dedución produto da intelixencia humana, segue haber eucaliptos, si, pero o tal e pesticida cos que acabou foi cos enxames de abellas. Agora desfrutamos de eucaliptos e de velutinas; xa saben, esas invasoras que se reproducen dun xeito que se nos ofrece imparable e probe de ti coma te espeten un aguillón.

Algo está pasando. Este ano seguen sen aparecer as abellas, pero xa o fixeron as velutinas e algo anda a exterminar as toupas. Nunca vira eu tanta toupa sendo pasto da voracidade dunhas moscas negras e teimudas que tamén son novidade neste fermoso val dos ameos e das glicinias que, ó par da flor do xasmín, arrecenden de tal xeito que, por dicilo sen pensalo moito, te adormecen e serenan… sempre e cando esquezas formularte a cuestión de como é posible que leves visto tanto cadáver de toupa alimentando a esas moscas-moscóns negras coma pecados.

Cando eu vin vivir eiquí era fermoso ver as bandadas de xílgaros peteirando graos a primeira hora da mañá cando o frío non convida a saír moito da casa; pois ben, hai anos que non vexo un xílgaro revolotexando de mañá cedo, alegrando o día que nace; ben que o sinto. 

Ó par desta desfeita hai outras que sumarlles se un as pensa un pouco. Os buxos víronse dezmados, as figueiras secaron e os ouriolos xa non alteran o silencio entre revoloteos chouchios, mentres peteiran nas brevas e toda a luz se viste dun verdinegro e marelo que estremecen. Hai unhas semanas vin un porco teixo na gabia da estrada que leva a Compostela. Os cans xa non ladran como antes ó ventar ó raposo amigo dos galiñeiros. Pola noite os cans abúrrense e durmitan sen galos e galiñas que protexer do ataque do golpe, tantas veces gratuíto; ata hai nada o golpe era dono da noite e acérrimo inimigo do galo sempre disposto a anunciar a amañecida. En resume, algo está a pasar. 

A Carballeira de Santa Minia perdeu en poucos meses moitos fermosos exemplares. Mentres tanto imos vendo como se veñen embaixo nogueiras e castiñeiros que viron como as súas codias ían pouco e pouco desprendéndose coma desprenderse poden e así o fan as cobras cando mudan as camisas. Nenos non nacen moitos, pero os cans faldreiros proliferan coa intensidade e frecuencia coa que os coellos botan fillos a este mundo. 

Os árbores podrecen e non se sabe que peste esta a dar cabo dos buxos centenarios cos que os nosos lutiers construíron instrumentos prodixiosos, sempre e cando se fixesen coa súa madeira, coa madeira dos buxos, unha vez que estes fosen talados se a lúa así moi oportunamente llo indicase. Cantas palmeiras levan perecido nestes anos? Nas casas dos amigos e tamén na dos conveciños estase a impor o costume de poñerlles alpiste ós paxariños en tal medida que estes xa están collendo confianza e aniñan en calquera proximidade das vivendas como querendo facer ver que entenden o que está pasando. Nós, en cambio, parece ser que non entendemos nada. Debe ser que o país é tan fermoso que malia o tamaño esforzo colectivo non o damos estragado e o segue sendo; Deus sabe aínda por cantos anos. E agora van e, se Deus non o remedia, queren calcarnos outra celulosa produtora de pasta de papel, de papel moeda, que non aproveitaremos nós… iso témolo claro. 

Te puede interesar