Opinión

Non estamos para excursións

Ímonos deixar hoxe das metafísicas que tanto alporizan a un meu compañeiro e sen embargo amigo que vive nas holandas pra mergullármonos nas entelequias que nos encollen os ánimos ós que por eiquí habitamos. Así que preguntémonos: que pasou? 

Don Manuel Iglesias Corral, fiscal que foi da Segunda República Española, señor do Paxonal, académico e avogado, empresario e membro do Parlamento de Galicia diría, con énfase notorio, que pasou o que pasou sen engadir nada en absoluto; ou sexa, que non pasou nada e que todo segue igual.

Don Manuel, que era baixiño e agudo coma un allo, quedábase ás veces de pe na porta que comunicaba o refectorio do Pazo de Fonseca, daquela salón de plenos do Parlamento de Galicia, co claustro que, chegada a primavera, ve inzar as fermosas labaradas das roxas azaleas, e, apoiado o seu lombo contra a porta, fixaba a súa ollada intelixente na figura de Antonio Rosón mentres este presidía a nosa cámara parlamentaria. Permanecía así un bo pedazo e, como coincidise eu con el no soarego da porta, virabase cara a min e besbellábame: Pero iste home non mexa nunca...?! Logo íase ocupar o seu escano.

Cando, según as súas palabras, pasou o que pasou; é dicir, cando non pasou nada, a vida sígueo o seu curso e daquelo xa fixo máis dun ano. Agora tampouco pasou o que pasou e dentro dun ano... fará un ano. Pero, o mesmo que daquela, algo pasou e todos somos conscientes delo.

O 28 de abril o partido ó que sempre lle foi leal o finado Cuiña (pai) aquel señor de Lalín que repartiu miles de carnés do PPdeG e logo regalou centos ou miles de pas coas que poder recoller o chapapote do Prestige, pra que "os seus" o levaran por diante acusándoo de facer cartos coa venda de tales adminículos e sen que pasara nada, ese mesmo partido, salvou a moblería neste noso esquinado país que, como todo o mundo sabe, é certamente algo esquinado. O pasado 26 de maio, ese mesmo partido, parece ser que viu como a enchente electoral leváballa por diante sen que pasara máis que o que pasou; é dicir, nada. Pero algo sí pasou. En abril, ese partido que agora só é PP, mantívose á marxe das “voxiferantes” tentacións do seu líder madrileño, mentres que o 26 de maio acudiu na súa axuda pra centrar as cousas. As cousas centráronse, si. Pero este pequeno e esquinado paisiño noso non está pra esas excursións ás extremas da dereita e non se sabe como pero ó caso é que a Madrid hai que terlle a xusta lealdade que Madrid teña connosco. Pero non máis. Rajoy e Feijoo, o deostado Rajoy e o evitable Feijoo, acudiron en axuda de Casado e, a xentiña de por eiquí non lle debeu gustar moito. Agora Vox non ten voz en Galicia e Casado pactará con ela no resto desta España que si é a que últimamente está algo atravesada.

Te puede interesar