Opinión

Non hai que fiarse dos escritores

A Guillermo Cabrera Infante, o escritor que en tempos se agachou no seudónimo de G. Caín, coñecino en Vigo. Non recordo ben o motivo que o trouxera a Galicia, pero xuraría que se tratou dunha conferencia e que, probablemente, fose convidado a dala polo Club Faro, entón dirixido por Marisa Real. Marisa fora a autora dunha entrevista que, ó lela, me producira a rotura das costuras interiores dunha cicatriz resultante dunha operación cirúrxica. A entrevista fixéralla ó chorado Manancho Villanueva, conselleiro que foi do Goberno de Galicia, e nela se narraba con detalle o regreso de Karina Falagan ó hotel no que se aloxaba Fraga e no que ela esquecera as súas prendas interiores. Moito rin con ela, en mala hora, estando recen operado.

Creo que fun eu quen fixo a presentación do escritor, pero non estou seguro. O que permanece na miña memoria é o seu carácter afable e educado, a súa alegre simpatía, mesmo o seu savoir faire; non sei se de gentleman ou se de francés da gauche divine de boa familia. Nada que ver coa idea que me formara eu del, logo da lectura dalgunha das súas obras e de varias entrevistas nas que amosara sempre a mesma imaxe que ofrece nesta que estou lendo agora e que lle foi feita no 1983 por Alfred Mac Adam. Interrogado por como escribe responde cáustico "Refírese vostede á posición que adopto ante o escritorio?" Aclarado o tema, se algunha falta facía, responde "en realidade non escribo demasiado, mecanografío". Preguntado por que lle parece Solzhenitsin, responde que "un artista fallido, pero un gran moralista. As súas novelas son lixo pretencioso". 

Mac Adam teima: "Tamén lle parece Orwell un artista fallido?" e Cabrera Infante, acaso posuído do espírito de G. Caín, volve responder: "En efecto, pero creo que era un panfletario soberbio". Acto seguido, grazas á un algo de contumacia coa que se emprega Alfred Mac Adam, afirma que Jonathan Swift "ou ben ten razón como artista e erra coma moralista, ou ben ten razón como moralista ou erra como artista". Pero logo explica o seu pensamento afirmando que hai que esquecer que Swift fose un clérigo, xa que ese é un problema prós seus seguidores pois Swift cría que o ser humano está podre ata as raíces, algo co que el está totalmente de acordo: "... a Creación, a Evolución ou, o que é máis probable, o Azar cometeu un erro. O home é o erro máis perigoso do universo (...) O home, pra dicilo nuns términos propios de Swift, pero que el nunca puido utilizar, é o cancro do planeta."

Algo molesto ó parecer, pregúntalle Mac Adam se ese ton exclamativo é o que utiliza dende o púlpito e Guillermo Cabrera Infante admítello: "É certo. Ten vostede razón. O meu ton é excesivo, pero a toada é verdadeira". Deus, que persoa tan distinta á que eu coñecín, ó escritor que eu lin (sen moito fervor, é certo) e a que reflicte a entrevista. Non hai que se fiar moito dos escritores. Millor será estar atento á lectura das súas obras. Son elas as que nos falan.

Te puede interesar